Diario dunha viaxe desde Galiza a Suíza en caravana.
Si deseas leer esta entrada en castellano, pincha en este enlace
Despois de ir ate Holanda na estrea da caravana hai dous anos, e ao Reino Unido o verán pasado; desta volta decidimos ir ate os Alpes para visitar lugares de montaña.
Ao principio, o noso obxectivo era chegar ate Austria, aínda que coma soe pasar nas nosas viaxes, raramente facemos o que temos previsto e finalmente chegamos a Suíza. Un percorrido que nos levou un total de 40 días que comparto con vos aquí, como é habitual, comentando que lugares visitamos, consellos e, finalmente, os gastos totais da viaxe.
DESDE GALIZA AOS ALPES FRANCESES
Tendo en conta a saturación da costa peninsular en verán, decidimos ir ate Francia con só unha parada nun camping do interior de Cantabria. O noso primeiro destino xa en territorio francés foi Sauveterre-de-Béarn, fermoso lugar da rexión de Bearn onde pasamos dúas noites.
A nosa seguinte parada de camiño aos Alpes foi en Naucelle, que aproveitamos para visitar o Museo da Mina de Carmaux e o curioso Parque dos Titáns.
A seguinte etapa foi xa case directos ate os Alpes, só pasando a noite en Le Puy-en-Velay, onde nos deu tempo a ver a impresionante basílica de Saint Michel d’Aiguilhe.
UNS DÍAS NOS ALPES FRANCESES
Para ver unha zona dos alpes franceses que non coñeciamos, decidimos buscar un camping preto de Grenoble, na localidade de Vizille. Desde aquí, desplazámonos por diversos lugares da zona como o Val de Oisans, La Mure, Lac de Monteynard, Porto da Croix de Fer e a cidade de Grenoble entre outros, ademais do ascenso en bici ao Alp d’Huez.
XENEBRA E ALPES SUÍZOS
Despois duns días na zona alpina preto de Grenoble, movímonos uns quilómetros cara o Norte para coñecer Xenebra e os arredores. Tendo en conta o caro que é Suíza, estivemos nun camping na localidade francesa de Gex, moi ben situado na beira dos Montes Jura, ao carón de Xenebra e o Lago Leman.
A verdade é que Xenebra non nos gustou moito, mais foinos moi útil ir ate alí para comprar a viñeta das peaxes das autoestradas suízas, así coma unha tarxeta SIM (Suíza está fora do roaming na telefonía móbil).
Continuando a viaxe por Suíza, seguimos cara o interior ate Meiringen, para coñecer a zona do Interlaken e os Alpes centrais suízos. Sen dúbida, é unha das zonas más fermosas da viaxe, con moitísimas paisaxes de montaña, onde fixemos varias rutas de sendeirismo e bici.
Ademais, visitamos un glaciar (Glaciar do Ródano), fervenzas, impresionantes canóns (ríos Aar e Rosenlaui) e mesmo, máis ao Norte, camiño xa da Alemaña, as Fervenzas do Rhin en Schaffhausen.
SELVA NEGRA E A ALSACIA
Despois de ver as fervenzas do Rhin en Schaffhausen, estivemos un par de noites nun camping na localidade alemana de Waldshut-Tiengen , para visitar de novo (xa estiveramos alí hai uns anos) a Selva Negra. Non puido faltar un paseo en barco polo Lago de Titisee.
Despois, voltamos cara Francia á Rexión da Alsacia. Desta rexión xa coñecemos os sitios máis turísticos (Colmar, Estrasburgo, Riquewhir, Museo do automobil e tren de Mulhouse,…), polo que voltamos para ver outros lugares. Desta vez, quedamos na cidade amurallada (segundo a estructura defensiva de Vauban) de Neuf-Brisach.
Ao estar tan preto da fronteira, pódese ir en bici ate Breisach, xa en Alemaña, así coma facer algún paseo en barco polo Rhin (mesmo complementalo cun tren a vapor).
Na Alsacia, tamén aproveitamos para ver o Campo de Concentración de Natzweiler , así como as Trincheiras da Primeira Guerra Mundial en Hartmannswillerkopf, todo un descubrimento, debido ao seu boísimo estado de conservación.
DE VOLTA A GALIZA CRUZANDO FRANCIA
Coma na viaxe de ida, decidimos cruzar toda Francia con calma, facendo neste caso tres paradas de dúas ou tres noites cada unha delas. A primeira foi en Chalon-sur-Saone, un lugar tranquilo onde fixemos bastantes quilómetros da Vía Verde de Chalon-sur-Saone a Macon.
A seguinte parada foi na Dordoña, nun camping en Meyronne, á beira do Río Dordoña. Neste lugar, cheo de sitios ben turísticos, e por conseguinte saturado de turismo, escollimos visitar unha cova con pinturas rupestres (Pech Merle), así coma o Tren Turístico do Alto Quercy.
A última parada no territorio francés foi preto de Dax, onde deixamos a caravana para ir pasar polo menos un día de praia nas Landas francesas. Aquí puidemos ver os impresionantes restos do Búnquer da Segunda Guerra Mundial de Capbreton.
Para facer a volta máis escalonada, xa en territorio peninsular, rematamos a viaxe parando tres días en Xixón, desde onde aproveitamos para facer a Senda do Oso e a visita aos museos mineiros do MUMI e o Ecomuseo Valle de Samuño no Centro de Asturias.
Con isto, acaba a nosa viaxe de 40 días en caravana, onde fixemos máis de 6300 km en coche, 250 km en bici, así como moitas visitas a museos, patrimonio, rutas de sendeirismo, etc… Outra viaxe onde gozamos enormemente da caravana e da natureza.
RESUMO DE GASTOS
O total de gastos incluíndo absolutamente todo (combustble, comida, campings, entradas,…) para dous adultos e un neno de 6 anos foron de 4368,52 euros nunha viaxe de 40 días (a media de cambio do franco suízo foi de 1,0664 euros 1 franco suízo).
Campings: (precio por día)
Molino de Cabuérniga (Cabuérniga, Cantabria): 44€
Camping du Gave (Sauveterre-de-Béarn): 24,01€
Camping le Lac de Bonnefin (Naucelle): 37,5€
Camping d’Audient (Brives-Charensac): 32,2€
Camping Bois de Cornage (Vizille): 36,1€
Camping Colombiere (Neydens): 83€ (inclúe entrada parque acuático)
Camping Les Genetes (Gex): 29€
Alpencamping Meiringen (Meiringen): 61 CHF (65,1€)
Schlüchttel Naturcamping (Waldshut-Tiengen): 46€
Camping Vauban (Neuf-Brisach): 30,44€
Camping du Pont (Chalon-sur-Saone): 32€
Camping la Plage (Meyronne): 33€
Camping les Jardins de l’Adour (St Vicent de Paul): 30,58€
Camping Deva (Xixón): 45€
Ate aquí o diario da viaxe ate suíza con caravana. Agardo que vos gustase e, como é habitual neste blogue, se tedes algunha dúbida, ou se queredes deixar algún consello máis, non dubidedes en escribir un comentario.