Archivo de la etiqueta: viaxar

COMO VIAXAR EN COCHE POR FRANCIA CON POUCOS CARTOS

Se pode viaxar por Francia en coche sen gastar moito? Aquí poño algúns consellos para aforrar cartos na viaxe por ese país, acompañado dunhas fotos (feitas por min, coma sempre neste blog) de distintas rexións francesas.

Le Mont Saint Michel. Xullo de 2010
Le Mont Saint Michel. Xullo de 2010

POR QUE FRANCIA?

Cando facía algunha viaxe co meu coche pola parte norte da Península próxima a Francia, nunca me plantexaba atravesar a fronteira para visitar ese país, por moi preto que estivese. Un día, nunha viaxe por Euskadi xa fai uns cantos anos, nos arredores de Donostia vin un cartel no que indicaba apenas trinta quilómetros para a fronteira francesa, entón me dixen: Para que ir a Donostia ,que por moito que me guste, xa a coñezo? …e me fun cara Irún. Non sei cal pode ser a razón, pero tal vez o descoñecemento, a sensación de lonxanía ou o mito de que todo alí é moi caro fixeron que ata ese día non me plantexara percorrer ese país, pero nese momento dinme conta de que polo menos as dúas primeiras razóns non eran en absoluto certas.

Pescando no Río Loira. Agosto de 2007
Pescando no Río Loira. Agosto de 2007

A primeira razón: ¿Descoñecemento? No meu caso está completamente descartada, xa que precisamente penso que esa é a principal razón pola cal unha persoa viaxa a algún lugar que non coñece. A segunda razón: ¿Lonxanía? Temos a sensación, polo menos para un galego coma min, que Francia está máis lonxe do que pensamos. Cando lle comentas a alguén que te vas no coche de vacacións ata, por exemplo, Almería ou Barcelona (ambas a uns 1150 quilómetros de Compostela), ninguén se inmuta, pero se dis que vas a Francia (Bayona está á 790 quilómetros de Compostela), xa te suxiren ir en avión. Por iso para min esta razón tamén está descartada, xa que ben sei que está bastante máis preto Burdeos que Girona.

Só falta a última razón: ¿é bastante máis caro? Nese momento, eu pensaba que si, e pensábao solucionar a base de comer só bocatas e latas, durmir no coche ou en cámpings, etc…Hoxe en día, despois xa dunhas cantas viaxes no meu coche particular por Francia sei que tampouco esta é unha razón para non visitar ese país, e a continuación explicarei por que.

Detalle da Basílica do Sacré Coeur de París. Xullo de 2010
Detalle da Basílica do Sacré Coeur de París. Xullo de 2010

COMPENSA VIAXAR NO COCHE PARTICULAR?

Todo depende, ademais do número de persoas que se despracen, de a que parte de Francia se vaia, que lugares se pretenden visitar, e canto tempo se prevé estar. Como é lóxico, se por exemplo unha parella decide pasar cinco días en París, non lle compensará en absoluto ir no seu coche. Penso que pagará sempre a pena levar o coche no caso de facer percorridos por unha ou varias zonas de Francia (por exemplo Bretaña, Normandía, Loira, Costa Azul,….) a partires duns sete días de viaxe mais ou menos, e incluso menos en outras zonas próximas á Península, como o Iparralde. Claro que todo dependerá do lugar de onde se parta e os gustos de cada un. De todos os xeitos, percorrer rexións de Francia no coche (xa sexa particular ou de aluguer) é unha forma fenomenal de coñecer ese país, xa que hai moitísimos lugares que te sorprenden no camiño onde menos o esperas e fora de calquer circuíto organizado. Ademais, calquer lugar está moi adaptado para o turismo, as estradas son bastante boas e ben sinalizadas e os condutores son moi respectuosos coas normas.

Oradour sur Glane. Restos da localidade arrasada polos nazis no ano 1944. Xullo de 2010
Oradour sur Glane. Restos da localidade arrasada polos nazis no ano 1944. Xullo de 2010

COMO CHEGAR?

Dependendo do lugar de saída se pode acceder polos postos fronteirizos (na actualidade practicamente inexistentes) de Irún en Euskadi (para os que veñan dende Oeste, Centro e Sur da Península), e La Jonquera en Catalunya (para os que accedan do Leste; e Centro e Sur se se dirixen ó Surleste francés). Dende fai pouco tempo, os que vivimos na parte Oeste da Península tamén temos a posibilidade de utilizar o ferry de Xixón a St Nazaire (que está preto de Nantes), o que nos permite aforrar moitísimos quilómetros e tempo, se nos diriximos ó norte do país.

Ferry Xixón – Saint Nazaire, saíndo do porto de Saint Nazaire. Abril de 2011
Ferry Xixón – Saint Nazaire, saíndo do porto de Saint Nazaire. Abril de 2011

ONDE DURMIR POR POUCOS CARTOS?

Un lugar onde durmir do máis económico é sen dúbida o cámping. Aínda que cada vez durmo menos neles (cos anos un vaise facendo máis «pijo»), os cámpings franceses son moi numerosos e polo xeral, de boa calidade. Recomendo especialmente os cámpings municipais, que hai moitísimos en todo o país, sobre todo nos lugares menos turísticos, e son moi económicos (temos pagado menos de 10 euros por dúas persoas máis a parcela en varias ocasións). Nesta páxina pódese atopar máis de 2000 cámpings municipais http://www.camping-municipal.org/index.htm .

En Francia nunca probei en pasar a noite en albergues, aínda que supoño que haberá moitos e bastantes económicos. Penso que serán recomendables sobre todo no caso de quedarse a durmir no centro das cidades, aínda que levando o coche propio case que compensa buscar un hotel de baixo custo que son tan habituais neste pais. Dos máis económicos son os da cadea Formule1, con máis de 250 hoteis repartidos por todo o país, onde se pode pasar a noite nalgúns casos incluso por menos de 30 euros. Tamén se pode durmir por pouco máis (en todo caso case sempre por baixo dos 50 euros) en outras cadeas de hoteis de baixo custo como Etap, B&Bhotels,…

Castelo de Chambord. Abril de 2011
Castelo de Chambord. Abril de 2011

Outra modalidade de aloxamento á que cada vez son máis adepto, é a de pasar a noite en chambres d’hotes, que son casas particulares que alugan habitacións, polo xeral co almorzo incluído, similares aos bed and breakfast ingleses. Os hai de moitos prezos, aínda que é habitual atopalos entre os 45 e 65 euros con almorzo incluído. Eu acostumo a localizalos a través das oficinas de turismo, pero tamén hai numerosas páxinas de internet onde se publicitan, como http://www.chambresdhotesfrance.com/. Como exemplos, poño o enlace de algunhas onde estiven e que recomendo moitísimo por calidade, prezo e trato recibido:

· En Oradour sur Glane, na rexión de Limousin: Le moulin de la Fauvette

· En Pontorson, moi preto de Le Mont Saint Michel: La bastide du molin

· En Montauroux, na Costa Azul: Villa Thocha

Le Moulin Rouge. París. Xullo de 2010
Le Moulin Rouge. París. Xullo de 2010

COMO COMER POR POUCOS CARTOS?

Igual que aquí, en Francia tamén hai sitios baratos para comer, aparte dos McDonald’s. En moitos restaurantes pódense pedir as distintas «fórmulas» do día, máis ou menos o equivalente ó noso menú do día. Se buscamos algo máis barato, son máis habituais que aquí os locais de comida rápida como por exemplo as pizzerías. Outra opción barata á que eu persoalmente son un adicto, é a de xantar e cear nas creperías, onde se poden tomar as famosas galettes, que son unha especie de crêpes de trigo sarraceno que se acompaña con distintos ingredientes salgados como queixo, carne, etc… e de sobremesa, unha crêpe, por suposto. Para aforrar na bebida, é moi habitual aló pedir para beber unha xarra de auga (une carafe d’eau), que aínda que non é embotellada, soe ser de calidade, e é gratis. Outro truco para aforrar na comida é a de mercar a comida nun centro comercial e cociñala despois. Para iso recomendo aloxarse nunha chambre d’hotes con dereito a cociña.

Pont du Gard, na Provenza. É o que está no billete de cinco euros. Abril de 2009
Pont du Gard, na Provenza. É o que está no billete de cinco euros. Abril de 2009

COMO DESPRAZARSE POR POUCOS CARTOS?

Como estamos a falar de viaxar en coche, non temos mais remedio que botar combustible, e todos sabemos que en Francia é bastante máis caro, así que o primeiro que hai que facer antes de cruzar o posto fronteirizo (ou subir ó ferry) é encher o depósito, como é lóxico. Xa circulando polas estradas francesas, a pouco que nos fixemos nos prezos dos carburantes das estacións de servizo, veremos que hai unha diferenza enorme dunhas a outras. As máis caras son as das autopistas, e as máis baratas son as dos grandes centros comerciais estilo Carrefour, Les Mousquetaires, etc… , onde podemos botar combustible por poucos máis cartos que aquí.

No referente ó aparcamento, en Francia é moi habitual a zona azul no centro das poboacións, incluso en algunhas moi pequenas (soen vir indicadas coa palabra «payant» pintada no chan). Para aforrar uns cartiños co parquímetro basta con afastarse un pouco do centro e buscar unha zona libre de pago. Se estamos nunha cidade, recomendo buscar un aloxamento con aparcadoiro ou se non, aparcar nun aparcadoiro subterráneo vixiado para evitar sorpresas. Moitos non son máis caros que os de aquí, así por exemplo por unha noite en Bayona paguei 9.80 euros, e polo día completo en París (dos sitios máis caros de Francia) paguei 20 euros.

Estrada nacional na rexión de Borgoña. Agosto de 2005
Estrada nacional na rexión de Borgoña. Agosto de 2005

Onde non podemos aforrar gran cousa é nos peaxes das autoestradas. Si, sempre queda a opción de ir pola estrada alternativa libre de peaxe, pero na maior parte dos casos non paga a pena, xa que se pode perder moitísimo tempo pasando pobos, semáforos, rotondas (Francia está chea delas), tráfico,… ademais dun maior consumo de combustible o estar acelerando e freando continuamente. O que si se pode facer é buscar vías alternativas nos grandes percorridos que discorran por autovías libre de peaxe en vez de autopistas, así por exemplo, de Burdeos a Poitiers, podes aforrar case 20 euros se vas pola N10 (case todo autovía) que pola A10 (autopista de peaxe).

Si son bastante máis caras as multas, que ademais teremos que abonalas ó contado. Así que non quedará máis remedio que estar moi atento a non cometer ningunha infracción e respectar completamente os límites de velocidade.

Castelo cátaro de Montségur, na rexión de Midi Pyrénées. Maio de 2010
Castelo cátaro de Montségur, na rexión de Midi Pyrénées. Maio de 2010

PODO AFORRAR COS AGASALLOS E RECORDOS?

Moitas veces, sempre nos gusta levar algún recordo da viaxe ou un agasallo para alguén. Salvo algún recordo dun lugar concreto, que só se venda nas tendas de recordos dese lugar, eu aconsello mercar distintos obxectos como roupa, alimentación, etc… nos mercados da rúa (moi habituais aló, onde se poden atopar produtos de calidade a bo prezo) ou nos grandes centros comerciais.

PODO AFORRAR CHAMANDO A CASA?

Como é ben sabido, as chamadas ó estranxeiro soen ser máis caras, así que haberá que controlarse co uso do móbil. Non é así no caso das mensaxes, que incluso na miña compañía sae máis barato dende o estranxeiro. Para aforrar chamando eu aconsello levar un portátil ou calquer outro dispositivo para conectarse a internet vía wifi (que nos pode servir ademais para reservar aloxamentos, planificar rutas ou buscar información turística), así te podes comunicar cos teus por email, skype, etc… E onde atopamos conexión wifi? Pois igual que aquí, en certos bares e cafeterías, así como nos aloxamentos que teñan wifi. Se tivesemos a mala sorte de non atopar ningún, sempre queda a opción de buscar un McDonald’s (en Francia os hai por todas partes) e gozar da wifi gratuíta que teñen todos os seus establecementos, e mentres tanto, tomamos un refresco.

París, dende o Sena. Xullo de 2010
París, dende o Sena. Xullo de 2010

POLO TANTO, SERÁ A VIAXE MOITO MÁIS CARA QUE POLA PENÍNSULA?

Penso que despois destes consellos de aforro, non ten porque saír moito máis caro unha viaxe pola Bretaña que por Catalunya, por poñer un exemplo. Eu teño feito a proba con varias viaxes por Francia e pola Península e (salvo en Portugal, onde si gastei menos), o gasto foi máis ou menos similar. Así que, se nas vacacións viaxamos en coche pola Península, por que non por Francia tamén?

Bayona, no Iparralde. Decembro de 2010
Bayona, no Iparralde. Decembro de 2010

E CANTO PODE CUSTAR? VEXAMOS TRES EXEMPLOS

Imos supoñer que dúas persoas queren percorrer unha rexión de Francia (a Bretaña, por exemplo) en coche en 10 días no mes de xullo, reservando cun mes de antelación,e saíndo de Compostela. Dubidan entre as seguintes tres opcións, polo que deciden facer un cálculo dos custos da viaxe para así decidir.

· Opción A: Ir ata a Bretaña no seu coche particular por estrada

· Opción B: Ir ata a Bretaña no seu coche particular, pero collendo o ferry Xixón – Saint Nazaire

· Opción C: Ir ata París en avión e logo alí alugar coche para percorrer a Bretaña

Tanque na Normandía, a carón da praia Omaha Beach. Xullo de 2009
Tanque na Normandía, a carón da praia Omaha Beach. Xullo de 2009

Os gastos do día incluirán durmir, comidas, desprazamentos,etc…e calcúlanse da seguinte forma: Para durmir, estimarase unha media de 65 euros co almorzo, durmindo en chambres d’hotes ou hoteis de baixo custo como expliquei anteriormente. Para comer e cenar se estima un gasto diario duns 50 euros dúas persoas comida e cea, aproveitando os menús do día, creperías e algunha vez os locais de comida rápida. Nos desprazamentos pola Bretaña estiman uns 200 quilómetros ó día, polo que segundo Viamichelín, supón uns 18 euros de gasto en combustible (non se inclúe o gasto en peaxes xa que na Bretaña non hai). Estiman ademais 30 euros de «outros gastos», que incluirán entradas a museos e monumentos, algún aparcamento, tomarse un refresco ou unha caña, etc…Tendo en conta isto, deciden calcular os gastos para cada opción: (os custos de desprazamento son calculados con Viamichelin).

Punta de Raz, na Bretaña. Agosto de 2007
Punta de Raz, na Bretaña. Agosto de 2007

·Opción A: Ir á Bretaña no seu coche particular por estrada:

   · Día 1: Compostela – Bayona

     Desprazamento: 75 euros de combustible + 15 euros de peaxes

     Comidas: 50 euros, durmir: 65 euros, outros: 30 euros

     Total: 235 euros

   · Día 2: Bayona – Vannes

     Desprazamento: 56 euros de combustible + 26 euros de peaxes

     Comidas: 50 euros, durmir: 65 euros, outros: 30 euros

     Total: 227 euros

   · Días 3, 4, 5, 6, 7 e 8

     Desprazamento: 18 euros, comidas: 50 euros, durmir: 65 euros, outros: 30 euros

     Total: 163 euros cada día

   · Días 9 e 10: Aproximadamente igual ós días 1 e 2, xa que é a viaxe de volta, menos o de durmir o último día.

     Total: 227 + 170 = 397 euros

   · Total viaxe: 1837 euros

Castelo de Amboise, ó carón do Río Loira. Abril de 2011
Castelo de Amboise, ó carón do Río Loira. Abril de 2011

· Opción B: Ir ata a Bretaña no seu coche particular, pero collendo o ferry Xixón – Saint Nazaire

   · Día 1: Compostela – Xixón

     Desprazamento: 30 euros, comidas: 20 euros (suponse que se sae pola tarde, xa que o ferry sae ás 9 da tarde)

     Ferry, en camarote dobre exterior, ida e volta: 572 euros

     Total: 622 euros

   · Días 2, 3, 4, 5, 6, 7, e 8: igual que na opción A: 163 euros cada día

   · Día 9: igual que os anteriores, excepto que non pagamos por durmir, xa que vai incluído no ferry. Total: 98 euros

   · Día 10: Xixón – Compostela

     Desprazamento: 30 euros, comidas: 20 euros

     Total: 50 euros

   · Total viaxe: 1911 euros

· Opción C: Ir ata París en avión e logo alí alugar coche para percorrer a Bretaña

   · Día 1: Compostela – París

     Avión: (en Vueling, ida e volta): 382 euros

     Comidas: 20 euros (sáese no avión das 4 da tarde), durmir: 65 euros

     Aluguer coche (Opel corsa na compañía Hertz): 483 euros

     Total: 950 euros

   · Día 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9 igual que a opción A e B: 163 euros cada día

   · Día 10: París – Compostela

     Comidas: 20 euros, outros: 30 euros

     Total: 50 euros

   · Total viaxe: 2304 euros

Beynac et Cazenat, na Dordoña. Decembro de 2010
Beynac et Cazenat, na Dordoña. Decembro de 2010

Polo que en base a estes cálculos estimados, o máis económico será a viaxe en coche propio por estrada (1837 euros), aínda que a pouca diferencia respecto a viaxe en ferry (1911 euros, é dicir, menos de 100 euros de diferenza) fará máis aconsellable esta opción, xa que gañamos 2 días de viaxe en destino, ademais de ser bastante máis relaxado ó facer moitos menos quilómetros. Pola contra, a opción do avión máis coche de aluguer é a máis cara (2304 euros, case 400 máis que a do ferry), aínda que se pode aforrar algo de cartos buscando ofertas no voo (aínda que difícil na temporada alta), ou alugando o coche nunha compañía de menos prestixio. De todos os xeitos, o viaxeiro sempre terá a última palabra, porque tamén influirán os seus gustos e preferencias, xa que o máis importante é gozar da viaxe.

FIN

Se desexades mais información, podedes deixar un comentario ou escribir a cabonorte2009@hotmail.es

NOTA:

Desde finais do 2014 a ruta do ferri Xixón – St Nazaire foi suspendida temporalmente. De todas formas, decidín manter o presuposto anterior con este ferri por se volve operar, como esperamos moito dos que o frecuentabamos.

ENTRADAS RELACIONADAS:

Guía de viaxe pola Bretaña francesa: Un percorrido polo mellor da Bretaña francesa

Guía práctica para viaxar por Europa en coche. 20 cousas que debes saber para viaxar por Europa en coche