Despois de varios anos percorrendo a Europa en coche, no ano 2013 tocou unha viaxe un pouco diferente: En tren, desde casa e con só unha mochila cada un por equipaxe. Como acostumamos a facer cando viaxamos, o destino decidímolo segundo a marcha ou como moito o dia anterior. Neste post comparto con vos o itinerario, o dia a dia da viaxe (dúas persoas, durante un mes) e os gastos.
Día 1: Compostela – Irún
Sempre que podemos gústanos empezar a viaxe desde casa, sen coller avión. Aínda que en principio planteámonos ir en avión ate París decidimos sair en tren da casa polo feito de facer a viaxe máis xenuina. Saímos da estación de Compostela sobre as nove da mañá, e chegamos a Irún xa ben entrada a tarde. O xusto para tomar uns pinchos que non voltaríamos probar nun mes.
Día 2: Irún – París
En poucas horas, o tren de alta velocidade TGV deixounos en París ao mediodía. Pouco tempo estivemos nesta cidade, que xa coñecemos e na que decidimos estar máis días á volta se tivésemos tempo. Pouco máis pudemos facer que buscar o aloxamento e ir a estación Gare de Lyon para reservar o billete para o día seguinte á Milán, previo pago da reserva (ver guia práctica) e modificación do traxecto.
Día 3: París – Milán
Segundo nos dixeron o día anterior na estación, o tren que vai directo a Milán tiña as plazas reservadas para o interrail cheas, así que nos buscaron unha ruta alternativa vía Lyon e Xenebra. Foi unha viaxe longa porque tivemos que enlazar tres trens mais era eso ou esperar varios días en París. Aínda así, a viaxe lévase ben sobre todo na última etapa Xenebra – Milán, xa que as paisaxes dos Alpes son impresionantes. Xa en Milán, tamén é impresionante a súa catedral, unha das máis fermosas de Europa, así como a boa comida italiana.
Día 4: Milán – Pádua con visita a Venecia
Tendo en conta os carísimos aloxamentos de Venecia, decidimos buscar para durmir en Pádua, bastante preto da cidade dos canais, e moitísimo máis barata. Pasar o día en Venecia foi o mellor que pudimos facer. Eu pensaba que ía ser a típica cidade artificial para turistas, mais é unha cidade fermosísima e única que non ten comparación con ningunha outra do mundo. Paga a pena pasear pola cidade, pasar pola Praza de San Pedro e darse unha volta polos canais, aínda que sexa nos numerosos «batobuses» que hai.
Día 5: Pádua – Ljubljana
Catro trens diferentes utilizamos para chegar á capital de Eslovénia. Os dous primeiros na Italia, con retrasos, moita calor e cheos de xente. Os dous segundos xa no país Balcánico: Trens pequenos, con poucos viaxeiros onde nos movíamos lentamente por unhas paixases fermosísimas. Foi coma empezar unha nova etapa na viaxe, na que abandonabamos o estrés italiano e nos introducíamos no tranquilo modo de vida dos países balcánicos. A influencia eslava deste pequeno país é evidente en cousas como o carácter das xentes e a gastronomía. A capital de nome impronunciable, Ljubljana, é un bó lugar para comezar a coñecer os Balcáns.
Día 6: Ljubljana – Zagreb
Dedicamos só unha mañá para coñecer a tranquila e pequena Ljubljana. É tempo suficente para dar un paseo relaxado polo centro e subir até o castelo. Ao mediodía collimos o tren que en pouco tempo nos deixou na nosa seguinte capital europea: Zagreb. De esta cidade, capital de Croacia, chamoume a atención que parece unha cidade máis centroeuropea que balcánica. Case podería decir que ten máis similitude con Munich que con Dubrovnik, por poñer uns exemplos. Mais iso só na arquitectura en xeral, xa que ten moito máis ambiente, especialmente nocturno. É un bó lugar para gozar dunha boa cea e tomarse unhas cervexas ate ben tarde (a nós, até nos invitaron a unhas).
Día 7: Zagreb – Split
Despois de bastantes horas nun lento tren que cruza até a costa, chegamos a Split xa caendo a tarde. O tempo xusto para ver o diferente que é de Zagreb. Split, é unha cidade mediterránea, o que quere decir que, aparte dunha arquitectura diferente á centroeuropea, é moito máis caótica, ruidosa e sucia que a capital croata. De todos os xeitos, penso que ten un interés histórico e cultural maior que Zagreb, polos seus restos arqueolóxicos, que non pudimos coñecer até o día seguinte.
Día 8: Split – Dubrovnik
Split ten un casco antigo que a fai única: Medrou dentro dun templo. Despois da destrucción do templo do emperador romano Diocleciano, xurdiu unha cidade entre as súas ruinas. Cómpre entón dar un paseíño polo seu centro, cousa que fixemos boa parte da mañá. Despois, collimos un bus até Dubrovnik, xa que non hai conexión por tren até aló, que nos deixou nesa cidade nunhas horas. En Dubrovnik, moita xente, turistas e ambiente até altas horas nesta bonita cidade amurallada, que aínda que está ben restaurada, é un pouquiño artificial.
Día 9: Dubrovnik – Mostar
Para chegar a Mostar tivemos que desplazarnos outra vez en autobús. E cruzar dúas veces a fronteira bosnio – croata co seu correspondente control de pasaportes. Mais estas incomodidades pagaron a pena, xa que Bosnia foi o país que máis nos gustou da viaxe. Mostar é unha cidade fermosísima nun país moi especial. Aínda que pobre, e con moitísimas pegadas da guerra que se poden ver en moitos dos seus edificios, a cidade ten un casco histórico ben restaurado entre unha paisaxe e arquitectura 100% balcánica con moitísima influencia musulmana, como se poden ver nas frecuentes mezquitas. Sen dúbida, é unha visita moi recomendable.
Día 10: Mostar – Sarajevo
Sarajevo é unha cidade que ten unha importancia enorme para os que nos gusta a historia. Xa non só pola sua ubicación, nun país balcánico e musulmán, se non tamén porque foi tristemente célebre por ser o lugar onde se desencadenou a I Guerra Mundial tras o asasinato do Archiduque Francisco Fernando de Austria, mais sobre todo polo seu asedio durante tres anos nas guerras balcánicas dos 90. Do primeiro suceso só queda unha plaquiña de recordo sobre o lugar do asasinato, mais da última guerra hai pegadas por toda a cidade. Entre edificios novos e restaurados (como o célebre Holiday Inn onde se aloxaban os periodistas durante o asedio) hai moitísimas vivendas cheas de restos de metralla ou morteros. Aínda que entre unha paisaxe fermosa rodeada de montañas, Sarajevo non é unha cidade moi bonita, mais para min foi unha parada imprescindible nesta viaxe, pola sua historia, pola sua xente, pola sua comida, … Posiblemente o lugar que máis me marcou en moito tempo.
Día 11: Sarajevo – Zagreb
Máis de 10 horas levounos percorrer os aproximadamente 400 quilómetros que separan as capitais, debido a un retraso (parece ser que por un roubo) e unha avería (os últimos quilómetros tivemos que facelos en bus). Sen dúbida, viaxar no tren de Sarajevo a Zagreb é como retroceder tres décadas no tempo, tendo en conta a idade do tren, as paradas en estacións vacías, a ausencia de aire acondicionado….mais tamén encontramos cousas boas de fai trinta anos que xa non vía, coma a cercanía da xente. Acostumados a vivir nunha sociedade indiviadualizada como a nosa, ver como persoas de estes lugares nos falan, se interesan por nos, e ate comparte a sua comida fai que a potencial tortura dunha viaxe tan longa sexa unha experiencia. Hai que decir que a viaxe faise en vagóns con varios compartimentos de seis prazas como os trens de fai moitos anos (e bastante habituais ainda no leste de Europa), o que facilita a interacción entre os viaxeiros. Chegamos a Zagreb sobre as 10 da noite. En calquera cidade non ibérica esto sería un problema para cear, buscar o hotel, tomar algo…mais non en Zagreb. Aqui parece que estamos en casa.
Día 12 Zagreb – Budapest
Aínda que os nosos plans eran continuar desde Sarajevo ate Belgrado e despois ir até Budapest por Rumanía non nos foi posible por cuestión de tempo e enlace de trens. Así que continuamos o noso percorrido polo leste de Europa cara a capital de Hungría via Zagreb nun tren parecido o da xornada anterior, aínda que un pouquiño (non moito) máis rápido. Tras moitos quilómetros atravesando a chaira da estepa húngara a presencia de enormes bloques de impersonais edificios de cemento da época soviética nos avisa da chegada a Budapest. Os arredores de Budapest non teñen nada que ver co seu centro, xa que os seus edificios delatan que no seu tempo foi unha das capitales europeas máis importantes.
Días 13 y 14: Budapest
Decidimos descansar en Budapest uns días, dedicando o tempo a pasear, alquilar unhas bicis (non o fagades en Budabike, que nos querían timar) e gozar da boa gastronomía. Son visitas imprescindibles o Barrio do Castelo, o Parlamento, os baños termais… mais o mellor é pasear e comer. Un bo lugar onde estar uns días.
Días 15: Budapest – Bratislava
Seguindo o percorrido polas capitales Europeas continuamos dirección Bratislava. Aínda que non ten fama de ser unha cidade moi bonita nin turística, a realidade é que recomendo pasar por aquí. A cidade é moi tranquila e cun bo ambiente para tomar unhas cervexas e cear con calma. E se tedes a sorte coma nós de pasar a noite no Hotel Danubia Gate, un hotel de luxo (até con jacuzzi) por 63.75 euros co almorzo non o dubidedes.
Día 16: Bratislava – Viena – Bratislava
Como non coñecíamos Viena decidimos pasar o dia na capital austríaca. Non recomendo dormir alí xa que é moi cara, así que paga a pena desplazarse desde Bratislava (a 60 quilómetros) aproveitando o billete Global Pass do interrail. Se non se chega moi tarde, penso que un día para pasear por Viena é suficiente, aínda que tendo tempo e ganas se lle podía dedicar varias xornadas. Mais para o meu gusto é unha cidade bastante impersoal e chea de turistas, polo que prefiro pasar mais tempo noutras cidades.
Día 17: Bratislava – Cracovia
Se non coñecedes Praga recoméndovos continuar a viaxe ate alí, mais coma nós xa estivemos cinco días hai uns anos decidimos continuar cara outro país que non coñeciamos: Polonia. Escollimos Cracovia para facer unha parada, xa que nos comentaron que a cidade pagaba a pena. Non nos defraudou, xa que aparte da sua pegada histórica (a diferenza de moitas cidades ao seu redor, Cracovia non foi destruída na segunda guerra mundial) ten lugares moi fermosos como a Plaza do Mercado ou o Castelo Real. Ademais ten boa comida e bos sitios para tomar unhas cervexas.
Días 18 y 19: Cracovia
Para visitar o Campo de Concentración de Auschwitz é necesario dedicarlle un día. Aínda que se pode chegar alí en tren incluido no billete do interrail, recomendo coller un bus que vai directo desde a estación de buses á carón da de tren, xa que é bastante máis rápido e non é nada caro. Sobre o campo de concentración non vou decir nada que non sepades. É unha visita desagradable, mais penso que importante para coñecer a historia e, sobre todo, até o que pode chegar facer o ser humano. Xa de novo Cracovia, o mellor é dedicarlle outro día para gozar desta cidade, especialmente tomando unhas cervexas polo Barrio Xudeu, unha das zonas con máis vida desta cidade.
Día 20: Cracovia – Varsovia
Debido á falta de tempo e a mala comunicación en tren quedámonos coas ganas de visitar a cidade ucraniana de Lviv, así que continuamos cara o norte co destino á capital polaca. O primeiro que chama a atención de Varsovia nada máis sair da estación de tren e o imponente Pazo da Cultura e da Ciencia, agasallo nos anos 50 da antiga URSS ao pobo polaco, e é ainda hoxe en día o edificio máis alto de Polonia. Xa no centro histórico, pode decirse que Varsovia é unha cidade moi animada e fermosa, e podo afirmar, non só pola miña opinión se non tamén a de outros viaxeiros, que é unha cidade digna dunha visita.
Día 21: Varsovia – Poznan
A ausencia de prazas para interrail nun tren directo a Berlin fixo que nos detivésemos na localidade polaca de Poznan. Foi un descobremento agradábel, xa que non é en absoluto fea e ten bos locais para comer e tomar cervexas. Ademais, como é menos turística que Varsovia ou Cracovia é bastante máis barata. Un bo sitio para pasar unha tarde de domingo.
Día 22: Poznan – Berlín
Aínda que Berlín xa é para nós unha cidade coñecida, decidimos volver. Non destaca pola sua beleza, mais é unha das capitais máis interesantes de Europa para quen lle guste a historia contemporánea. As pegadas da Berlin dividida durante case 30 anos fai a esta cidade única, mais tamén hai outros lugares interesantes como a Porta de Branderburgo ou a Potsdamer Platz. Neste enlace tes máis información sobre que ver e facer en Berlin.
Día 23: Berlín – Hamburgo
De volta á Europa occidental, os trens volven ser rápidos, cómodos,…. e máis individualistas. Xa case nos esquecéramos da alta velocidade, polo que sorprendeunos facer tantos quilómetros en pouco tempo. De Hamburgo, antiga cidade Hanseática con poucos restos de aquela época, pouco podo decir máis que a súa vida xira ao redor do seu importante porto. Aparte desto só me pareceu interesante a visita á torre do que queda da catedral (parcialmente destruída tras os bombardeos da segunda guerra mundial) e a cantidade de restaurantes portugueses, onde se pode comer un excelente bacallau para fuxir por un día da comida alemana.
Día 24: Hamburgo – Colonia
Así como o corazón de Hamburgo é o seu porto, o de Colonia (Köln en alemán) é a súa catedral. E a verdade é que é impresionante, mais tamén hai que decir que pouco hai máis que ver nesta cidade. Se hai outro destino na mente do viaxeiro que non quede moi lonxe de aqui non seria mala idea parar, ver a catedral, e continuar a viaxe. Ademais, se chegamos en tren, a estación central está xusto ao lado da catedral, polo que non é necesario facer outros desprazamentos. Mais pasar o dia na cidade tampouco é mala opción se te gustan as cervexas deste país.
Día 25: Colonia – Aquisgrán
Decidimos facer unha parada en Aquisgrán (Aachen en alemán) tendo en conta a importancia que ten esta cidade na historia de Europa. Supoñíamos que quedarían interesantes restos do seu pasado…mais non foi así. Non digo que pasar por aqui sexa un día perdido, só que apenas quedan pegadas da súa historia, mais hai que decir que aparte do seu acolledor centro, hai tamén bos sitios para tomar cervexas.
Día 26: Aquisgrán – Bruselas
Das tres cidades turísticamente máis importantes de Bélxica (Bruxas, Gante e Bruselas), xa só nos quedaba por coñecer a súa capital. E ao igual que as outras dúas, non nos defraudou en absoluto, especialmente grazas a fermosísima Grand Place. Recomendo polo tanto visitar esta cidade, e para o viaxeiro en interrail que nunca estivese neste país nin nos arredores o animo a visitar tamén Bruxas, Gante e Amsterdam. Se ese é o voso caso e facedes un percorrido similar ao noso interrail, recoméndovos desde Hamburgo seguir até Amsterdam e despois parar nestas tres cidades belgas.
Día 27: Bruselas – Lille
Francia é un país ben coñecido por nós, e aínda que xa pasamos algunha vez polo norte nunca nos detivemos en Lille. Así que aproveitamos a viaxe rumbo París para visitar esta cidade típicamente francesa, e así de paso volver a gozar da comida deste país. Ademais, viaxar por Francia non é caro se se teñen en conta certos consellos, como estes que explico neste post.
Día 28: Lille – París
París é deses lugares que aínda que xa coñeces, non te importa volver. Así que nada maís chegar e deixar as mochilas no hotel, non dubidamos en coller o metro para ir outra vez a Montmartre. Sen dúbida o mellor sitio onde ver o acabar o día nesta cidade.
Día 29: París
Dedicamos este día para pasear por París e tamén para visitar un lugar que non coñecíamos e está xa nos arredores desta cidade (aínda que se chega no metro): A Basílica de Saint Denís, de gran importancia histórica por ser a primeira iglesia gótica e por ter a tumbas dos reis de Francia. Se non coñecedes París recoméndovos estar aquí un par de días máis para ver a Torre Eiffel, o Louvre, Campos Elíseos, Montmartre, … e todos eses lugares míticos que oimos falar desta cidade.
Día 30: París – Burdeos
Como xa non quedaban sitios no tren para o interrail a outra hora, tivemos que sair xa ben entrada a tarde para Burdeos. Non nos importou, xa que tamén coñecíamos xa esta cidade francesa. Así que pode decirse que só paramos en Burdeos para pasar a última noite deste interrail 2013. Se ides con tempo, non sería mala idea pasar un día enteiro nesta cidade da Aquitania francesa.
Día 31: Burdeos – Irún
Aínda que o noso billete do interrail incluíanos este día para chegar a casa (eso sí, despois de Irún só cun desconto do 30%), xa tiñamos decidido acabar esta viaxe en tren por Europa en Irún. Así que, despois de baixar do tren e encher os nosos estómagos con boa comida vasca, dirixímonos a unha axencia de mensaxería para recoller as nosas bicicletas para volver a Compostela polo Camiño do Norte, mais eso xa é outra historia.
Gastos da viaxe (para duas persoas)
Billete interrail: 1379€
-
658€ cada un polo billete de InterRail Global Pass para adulto (entre 26 e 60 anos) de 1 mes, sen límite de viaxes
-
31.65€ cada un polo billete desde Compostela a Irún, incluído o desconto do 30%
Reservas de praza en certos trens: 142€
-
Hendaya – París: 18€ persoa
-
París – Lyon e Xenebra – Milán: 29€ persoa
-
Poznan – Berlin: 4€ persoa
-
Hamburgo – Colonia: 4€ persoa
-
Aquisgran – Bruselas: 4€ persoa
-
Lille – Paris: 6€ persoa
-
París – Burdeos: 6€ persoa
Aloxamento: 1705.85€ en total. Prezos por habitación doble e noite: (C.A: incluido o almorzo)
-
Irún: Pensión Bidasoa: 49.50€
-
París: Appartement Paris Cocoon Daumesnil: 79€ (apartamento, mais non recomendable)
-
Milán: Albergo Salermo: 58€ C.A.
-
Padua: Picola Padova: 57€ C.A. (casa particular)
-
Ljubljana: Hotel Park: 74€ C.A. (non encontramos outro mais barato)
-
Zagreb: Rooms Zagreb: 55€ (casa particular bonita e céntrica, mais bastante cara)
-
Split: 36€ (hostel simple e un pouco ruidoso)
-
Dubrovnik: Rooms Tomas: 50€ (casa particular con excelentes vistas ao porto)
-
Mostar: Motel Demadino: 50€ C.A. (moderno e cerca do centro)
-
Sarajevo: Bosnia Hotel: 60€ C.A. (bastante luxoso, moderno e céntrico)
-
Zagreb: Taban Hostel: 65€ C.A. (céntrico mais algo ruidoso)
-
Budapest: Inn Side Hotel: 65€ C.A.
-
Bratislava: Danubia Gate: 63.75€ C.A. (precio de risa para este hotel de super luxo)
-
Bratislava: Hotel Tatra: 59.40€ C.A. (unha porqueria comparado co anterior)
-
Cracovia: Old Time Hotel: 54€ C.A.
-
Cracovia: Hotel Tournet: 37.9€ C.A.
-
Varsovia: Apartamenty Zgoda: 41.5 € C.A.
-
Poznan: Blooms Inn and Apartaments: 41.3€ C.A.
-
Berlin: Hotel Allegra: 59€
-
Hamburgo: Alpha Hotel Garni: 50€ C.A.
-
Colonia: Cerano City Hotel Köln: 66.5€ C.A.
-
Aquisgrán: Hotel Stadtnah: 55€ C.A.
-
Bruselas: Atlas Hotel Brussels: 65€ C.A.
-
Lille: Ibis Styles Lille Centre Gare Beffroi: 59€ C.A.
-
París: Hôtel Montsoures Orleans: 55€ C.A.
-
Burdeos: Ibis Bordeaux Gare Saint-Jean: 61€
Outros gastos: 1451€ Inclúe todo o que fai falla para a viaxe de un mes sen contar tren e aloxamento: Comida, cañas, buses e metro, etc…
Total viaxe: 4678€ (2339€ cada un)
Se desexades máis información, podedes ver esta guia práctica, ou tamén deixar un comentario ou escribir a cabonorte2009@hotmail.es