Ruta en coche ou moto desde Ribadeo a Coruña pola costa norte galega
(Si prefieres leer esta ruta en castellano pincha aquí)

Xa sexa para gozar de praias a temperaturas suaves no verán, para contemplar belas paisaxes ou polo seu patrimonio, comparto convosco esta ruta que se pode facer con calma en, como mínimo, uns cinco días

A RUTA
Desde Ribadeo a San Cibrao
Ribadeo – Rinlo – Praia das Catedrais – Foz – Burela – Sargadelos – San Cibrao
Empezamos a ruta en Ribadeo, a primeira localidade que nos atopamos tras cruzar a ponte da A8 desde Asturias. En Ribadeo, podemos ver algún edificio modernista no centro, así como baixar ate o porto para pasear ou comer nos seus restaurantes.

Se saímos pola pequena estrada que bordea a costa, pola coñecida Estrada do Faro, chegaremos ate o faro da Illa Pancha, tras pasar xunto os restos do antigo Forte de San Damián.

Desde Illa Pancha continuaremos ate Rinlo, un pintoresco pobo de pescadores, onde faremos unha parada antes de visitar un dos lugares máis coñecidos da Mariña e de toda Galicia: A Praia das Catedrais.

A Praia das Catedrais é unha parada imprescindible para todo viaxeiro que visite esta zona, e é un lugar que pode chegar a estar saturado en tempada alta, onde se aplican restricións na súa visita. Recomendo vela coa marea baixa e en horas onde non haxa moita xente, xa que así poderemos gozar moito mellor deste lugar.

Desde a Praia das Catedrais podemos continuar pola estrada da costa, xunto a varias praias do municipio de Barreiros que, por desgraza, algunhas están rodeadas de feos bloques de edificios froito dun desenvolvemento urbanístico salvaxe.

Despois chegaremos a Foz, cunhas praias que pagan a pena; e continuaremos pola N-642 en dirección Burela, facendo antes unha parada en Fazouro, para ver o seu pequeno castro xunto ao mar. Desde Burela temos a opción de tomar a estrada costeira ate San Cibrao, ou seguir pola N-642 desviándonos un pouco para ver Sargadelos, unha fábrica de cerámica tradicional galega (visita gratuíta), moi importante na nosa cultura.

E chegamos a San Cibrao, para visitar o Museo do Mar, e dar un paseo ate o seu faro.

Desde San Cibrao a Estaca de Bares
San Cibrao – Punta Roncadoira – Viveiro – O Barqueiro – Estaca de Bares
Desde San Cibrao seguimos a LU-862 directamente ate Viveiro ou, se temos tempo, desviarnos polas pequenas estradas costeiras para contemplar a Punta de Roncadoira ou algunha fermosa praia como a de Area.

Viveiro é a localidade costeira da Mariña Lucense que ten o casco antigo mellor conservado. E é que Viveiro foi moi importante xa desde a idade media, con título de cidade desde hai xa varios séculos.

Nela destaca a Porta de Carlos V, así como varios mosteiros e igrexas (aquí celébrase con gran devoción a Semana Santa) e restos da súa antiga muralla.

Tamén ten unha fermosa praia, un expléndido miradoiro desde o Monte San Roque, así como o curioso Bosque de Chavín e a fervenza de Pozo da Ferida.

Despois de pasar Viveiro temos a opción de continuar directamente ata O Barqueiro ou seguir polas pequenas estradas costeiras que nos levarán polo Miradoiro da Insua, Praia da Brela, a escarpada Punta do Fuciño do Porco ou a Praia de Xilloi.

Tras cruzar O Vicedo chegaremos ate a Ría de O Barqueiro, onde desemboca o Río Sor, formando un dos estuarios máis fermosos da Galiza coa preciosa Praia de Arealonga.

Aquí acaba a Provincia de Lugo, e entramos na provincia da Coruña ate a coñecida Estaca de Bares, un dos faros máis famosos de Galicia, pasando polas pintorescas poboacións de O Barqueiro e Bares.

Desde Estaca de Bares a Ferrol
Estaca de Bares – Ortigueira – Cariño – Cabo Ortegal – San Andrés de Teixido – Cedeira – Valdoviño – Ferrol
Desde Estaca de Bares hai que voltar de novo a estrada AC-862, para continuar en dirección a Ortigueira.

Ao longo de esta estrada podemos desviarnos en varias ocasións cara á costa, por exemplo para ver os Cantís de Loiba (onde din que está o banco coas mellores vistas do mundo), ou a vila de Espasante co seu miradoiro de A Vela.

Ortigueira é moi coñecida polo seu Festival Internacional do Mundo Celta, que se celebra a principios do mes de Xullo, mais tamén pola súa fermosa ría e praias como a de Morouzos.

Ao pasar Ortigueira, desviámonos á dereita pola DP-6121 en A Ponte de Mera para, despois de visitar Cariño, chegar ao Cabo Ortegal, un dos lugares máis espectulares do País.

Despois do Cabo Ortegal, imos tomar unha estreita estrada (DP-2205) con moitas curvas que nos levará ate San Andrés de Teixido, a través dunhas paisaxes que pagan ben a pena.

San Andrés de Teixido, a onde vai de morto quen non foi de vivo, é un dos lugares máis coñecidos da Galiza. A visita a este santuario, situado no medio dos Cantís de Vixía de Herbeira, é imprescindible nesta ruta.

Continuamos pola estrada que nos levará ate Cedeira, vila mariñeira dentro da Ría do mesmo nome, e seguiremos pola AC-566 ate Valdoviño.

Aquí, desviarémonos polas estradas da costa para ver a enorme praia de Valdoviño e os faros da Frouxeira, Prior e Prioriño, así como as Lagoas de Valdoviño e Doniños.

Chegamos pola estrada costeira DP-3612 a Ferrol, tras pasar o Castelo de San Felipe.

Desde O Ferrol a Coruña
O Ferrol – Fene – Mugardos – Ares – Redes – Cabanas – Pontedeume – Miño – Betanzos – Sada – Mera – A Coruña
Despois de visitar Ferrol, entramos no conxunto de rías coñecidas como o Golfo Ártabro, composto polas rías de Ferrol – Fene, Pontedeume – Cabanas, Betanzos e A Coruña. Así, continuaremos por Fene ate a vila mariñeira de Mugardos, onde desde o Miradoiro de a Bailadoira hai boas vistas da ría.

En Ares, temos unha boa praia mais, se queremos gozar dun fermoso pobo mariñeiro con arquitectura tradicional, debemos parar en Redes, un imprescindible nesta etapa.

Se seguimos buscando boas praias, hai unha moi boa en Cabanas e, despois de pasear polo casco antigo de Pontedeume, podemos visitar o Parque Natural das Fragas do Eume ou continuar polas praias de Ber, Perbes e Miño, indo pola estrada da costa (DP-4803).

Se aínda queremos máis praias, debemos seguir cara Sada, tras pasar a de Gandarío. Mais recomendo desviarse un pouco da ruta costeira cara o interior da ría pola N-651, ate a cidade medieval de Betanzos.

Desde Sada, o mellor é seguir pola estrada da costa AC-163, facendo algún desvío na ruta ate sitios como o pequeno porto de Lorbé ou o Faro de Mera, na Paisaxe Protexida da Costa de Dexo.

Despois de Mera, aínda veremos boas praias de camiño ao noso destino desta ruta: a cidade de A Coruña.

Aquí acabaremos o noso percorrido, visitando esta importante cidade. Mais a fermosa costa galega non acaba aquí, xa que preto comeza a Costa da Morte, unha ruta que describo neste artigo.

Esta é a miña ruta proposta para coñecer o mellor da costa Norte galega. Como é habitual neste blogue, se tedes algunha dúbida, ou se xa a coñecedes e queredes deixar algunha recomendación máis, non dubidedes en escribir un comentario.