Unha ruta en coche ou moto polo mellor da Costa da Morte

(Si prefieres leer esta entrada en castellano, pincha aquí)
A Costa da Morte é un dos lugares máis coñecidos da Galiza. O seu nome fai referencia aos numerosos naufraxios acontecidos ao longo dos séculos nas súas augas, sometidas á dureza máis extrema do Atlántico.

E que o mar aquí bate moi forte, especialmente no inverno, deixándonos unhas das paisaxes máis abruptas e salvaxes de Europa, embelecidos aínda máis polas súas impresionantes postas de sol.

Calquera época é boa para achegarse ata a Costa da Morte. No verán, polo respiro que nos dá o seu clima, que nos fará gozar das súas praias, case desertas, ata altas horas da tarde (aquí é onde se pon o sol máis tarde do continente europeo en determinadas épocas do ano).

O resto do ano, para vivir a forza do mar nas súas costas máis abruptas,así como gozar das súas paisaxes e gastronomía coa menor saturación da época estival.

Comparto aquí, convosco, esta ruta que deseñei pola Costa da Morte, unha zona que coñezo moi ben, xa que vivín nela durante 17 anos.

A ruta pódese facer nuns catro días, aínda que recomendo aumentala ata como mínimo unha semana,para gozar de todos estes lugares con máis calma.
A RUTA
Desde Malpica a Laxe
Malpica – Punta Nariga– Corme – O Roncudo – Ponteceso – Laxe.

Partindo da vila mariñeira de Malpica, seguiremos unha pequena estrada preto da costa ata a Ermida de Santo Adrián, onde hai un miradoiro.

Durante o traxecto, podemos ver as Illas Sisargas, unhas illas cun pequeno faro, que están deshabitadas. A nosa seguinte parada será Punta Nariga, cun curioso faro de recente construción nun bonito enclave con todo o Atlántico de fondo. Desde aquí, tamén se poden ver as Illas Sisargas ao Norte.

Despois, continuaremos ata Corme. Este pobo mariñeiro é un bo punto para comer marisco nalgún dos seus restaurantes, onde probaremos os percebes que se collen na zona. Moi preto de Corme, podemos contemplar a arquitectura tradicional cun bo número de hórreos en Corme – Aldea (non confundir coa poboación de Corme, onde está o porto), e na aldea de O Roncudo.

Se seguimos a estrada desde Corme cara ao Oeste,chegaremos ata a Punta de O Roncudo, cun faro e numerosas cruces que nos lembran as vidas que se levou o mar neste lugar.
Desandando os últimos quilómetros antes de chegar a Corme, e seguindo despois pola AC-424, chegaremos á localidade de Ponteceso, coñecida por ser o lugar de nacemento do noso poeta do Rexurdimento Eduardo Pondal, creador da letra do Himno Galego.

En Ponteceso, cruzamos o Río Anllóns e continuaremos pola AC-429 ata Laxe, cunhas vistas preciosas da Ría de Corme e Laxe e a desembocadura do Río Anllóns. Laxe, conta cunha enorme praia que veremos xusto cando cheguemos ao pobo.

E se cruzamos Laxe seguindo rumbo ao Oeste, podemos ver o seu faro e a curiosa Praia dos Cristais, cunha area moi particular que lle dá este nome.
Desde Laxe a Muxía
Laxe – Camelle –Arou – Cabo Vilán – Camariñas – Muxía.

Saímos de Laxe pola AC-433 en dirección Sur para achegarnos ata Camelle. Durante o camiño, é boa idea facer unha parada na Lagoa de Traba, xusto á beira da praia co mesmo nome.

Unha vez en Camelle, o máis coñecido deste pequeno pobo pesqueiro, é o Museo de Man, un curioso artista que viviu durante anos neste lugar e ao que tiven a sorte de coñecer.

Desde Camelle, imos seguir a estrada da costa que pasa por Arou en dirección ao Cabo Vilán. Pouco despois de Arou converterase nunha pista de terra, pero recoméndolles continuar sen medo: está en bo estado para calquera turismo e, sobre todo, faravos gozar dun dos tramos máis belos e salvaxes da Costa da Morte.

Á beira desta estrada, podemos ver o espectacular Monte Branco, unha gran duna que se alza varios metros pola montaña desde a fermosa Praia de Trece.

Tamén pasaremos á beira do Cemiterio dos Ingleses, que nos lembra un dos naufraxios máis terribles desta costa. A pista acaba preto do Cabo Vilán, co seu impoñente faro.

Desde Cabo Vilán continuamos cara Camariñas, onde nos apetecerá unha boa mariscada antes de seguir camiño a Muxía.

Para ir a Muxía, sairemos de Camariñas pola AC-432 ata Ponte do Porto, e cruzaremos o Río Anllóns por unha estrada na cal, a uns poucos quilómetros de Ponte do Porto, veremos sinalizado a Praia do Lago, unha das miñas praias favoritas desta zona. Se seguimos esta estrada preto da costa chegaremos, finalmente a Muxía.

Muxía é coñecida polo seu Santuario da Virxe da Barca, onde diríxense moitos peregrinos que queren facer este variante do Camiño rumbo a Fisterra. Á beira do santuario, está a famosa Pedra de Abalar.
Desde Muxía a Fisterra
Muxía – Cabo Touriñán– Nemiña – Corcubión – Fisterra – Cabo Fisterra.

Ao saír de Muxía dirixirémonos ao punto máis occidental da Europa continental: o Cabo Touriñán. Aquí, un panel explicativo cóntanos que este abrupto e belo enclave é o lugar onde máis tarde se pon o sol de todo o continente en determinadas épocas do ano.

A nosa seguinte parada será moi preto, seguindo a costa, nunha das mellores praias da Costa da Morte para facer surf: Nemiña. Desde Nemiña, podemos seguir ata Lires e ver a mesma praia desde a Praia de Lires, así como a desembocadura do Río Castro.

Desde Lires, teremos dúas opcións. A primeira é ir cara Fisterra polas estreitas estradas da costa, pasando pola aldea da Canosa, así como á beira dunha das praias máis salvaxes desta costa: O Rostro, onde en 1987 naufragou o Casón.

A outra opción é ir por unha mellor estrada pola ría, pasando por Corcubión, unha vila que aínda ten unhas cantas casas ben conservadas.

A ruta costeira acaba no Cabo Fisterra, o «fin da terra», un dos lugares máis visitados da Galiza, tras pasar a localidade do mesmo nome.

Fisterra e o seu faro, ademais de ser frecuentado por miles de turistas cada ano, tamén recibe a chegada de miles de peregrinos. Está claro que o lugar é moi especial.
O Interior
Ézaro – Olveiroa –Dolmen Pedra da Arca – Vimianzo – Muíños do Mosquetín –Dolmen de Dombate – Castro de Borneiro – Buño.

Na Costa da Morte tamén temos cousas moi interesantes que ver no seu interior. Se saímos de Fisterra, voltaremos a Corcubión e Cee para, a partir desta localidade, seguir pola estrada da costa en dirección a Muros durante uns quilómetros. A nosa seguinte parada será Ézaro, un bonito pobo do Concello de Dumbría onde é imprescindible ver a súa fervenza que acaba no mar.

A cantidade de auga desta fervenza dependerá de se está aberto ou non o encoro próximo. Desde o pobo de Ézaro, recomendo subir por unha estrada de gran pendente (foi final da Volta Ciclista a España en 2013), ata o miradoiro do encoro, cunhas espectaculares vistas do Cabo fisterra e o Monte Pindo (se tedes tempo, recomendo un día para subilo, como conto nesta entrada).

Desde Ézaro continuaremos por unha estrada sen apenas tráfico ata Olveiroa, unha aldea con varias casas de arquitectura tradicional e etapa do Camiño de Santiago ata Fisterra. Despois, seguiremos en dirección Vimianzo, por unha zona onde existen varios dólmenes que valen apena ver, por exemplo, o Dolmen da Pena da Arca, preto de Baíñas.

Unha vez en Vimianzo debemos visitar o castelo, unha das mellores fortalezas medievais da Galiza. Conta cun museo e varias mostras de artesanía en directo.

A pouca distancia de Vimianzo, seguindo a estrada AC-552 en dirección á Coruña, temos os Muíños do Mosquetín, un bo exemplo de industria tradicional de aproveitamento da auga.

Acabaremos a nosa ruta con dúas xoias arqueolóxicas da zona. A primeira, o Dolmen de Dombate, que conta ademais cun centro de interpretación.

E a moi pouca distancia, o Castro de Borneiro, un dos máis importantes da Galiza.

Para terminar, se estades interesados na olería, podedes acabar a ruta na localidade de Buño, moi coñecida pola súa cerámica.

Esta é a miña ruta proposta para coñecer o mellor da Costa da Morte. Como é habitual neste blogue, se tedes algunha dúbida, ou se xa a coñecedes e queredes deixar algún consello máis, non dubidedes en escribir un comentario.