Os meus lugares favoritos para ver o megalitismo e a Idade de Bronce
Nesta nova entrada, comparto con vós os que para min son os mellores lugares para ver o megalitismo e a Idade do Bronce na Galiza fóra dos museos.
Foi difícil decidir cales, xa que temos unha morea de bos exemplos por todo o territorio, mais supoño que moitos concordaredes conmigo de que istos son dos máis importantes.
Todos están xeolocalizados en GoogleMaps, polo que non hai máis que escribilo no buscador para chegar a eles.
O MEGALITISMO
Galiza é unha terra onde non é difícil ver as pegadas do megalitismo. Por iso, palabras como mámoa, anta ou pedrafita, son moi familiares para nós. Espalladas polo territorio, encontramos numerosas mostras deste pasado neolítico, ainda que en demasiados casos en estados de conservación moi deteriorados, debido sobre todo aos expolios ao longo dos séculos, ou os danos da maquinaria agrícola ou forestal nas épocas máis recentes.
A pesar disto, a día de hoxe podemos gozar de moitos lugares onde ver estas xoias de épocas pasadas. Estes son algúns dos meus favoritos:
Antas ou dolmens:
Se hai un dolmen preparado para as visitas é o Dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños). Completamente restaurado, protexido e con centro de interpretación.
Preto do Dolmen de Dombate podemos observar gran cantidade destes monumentos funerarios megalíticos, algúns incluídos na Ruta dos Dolmens, como pode ser a Pedra da Arca ou a Pedra Cuberta (Vimianzo).
Dentro da provincia da Coruña, tamén podemos ver outros dolmens importantes como o de Axeitos (Ribeira), Cabaleiros (Tordoia) ou Forno do Mouros (Toques).
En Terras da Limia, destacan pola súa monumentalidade a Casiña da Moura e o Foxo do Lobo (Muiños). A todos eles é moi fácil acceder.
Pedrafitas ou menhires:
Ás veces é moi dificil identificar e localizar este tipo de monumento megalítico, xa que moitos deles acabaron como marcos, lindes de fincas ou simplemente ocultos nos montes.
Pola súa fácil visualización, identificación e acceso, destaco sobre todo estes dous: a Lapa de Gargantáns (Moraña) e a Pedra Alta da Antela (Sarreaus), ambos se poden visitar de forma moi fácil, preto das estradas e mesmo están sinalizados.
Este último serve, ademáis, como marco entre os Concellos de Sarreaus, Vilar de Barrio e Xunqueira de Ambía.
Crómlech:
Máis difícil de ver na Galiza son os crómlech, xa que moitas das pedras que os constitúen ficaron esquecidas baixo terra ou mesmo reutilizadas para diversas funcións.
Un dos crómlech que se pode visitar máis facilmente é o Círculo Lítico da Roda (Barreiros). Este crómlech, segundo o sinal que hai ao seu carón, está datado na Idade de Bronce.
A IDADE DO BRONCE
Se hai algo característico da Idade do Bronce na Galiza son os petróglifos. Ainda que os hai en moitísimos lugares de todo o territorio galego, é na zona do Suroeste onde temos unha maior concentración deles.
Os mellores grupos de petróglifos para visitar penso que son os de Campo Lameiro, Mogor (Marín) e Tourón (Ponte Caldelas).
Están os tres bastante próximos e os tres están moi ben conservados, teñen unha ruta sinalizada e ate contan cun centro de interpretación.
De estes tres sen dúbida o máis coñecido é o de Campo Lameiro, onde está o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, que conta con diversas actividades e visitas guiadas.
Outro lugar interesante, que todo apunta a ser datado na idade de bronce, é o Altar da Adai (Lugo). A poucos quilómetros da cidade de Lugo podemos ver esta rocha con unhas 15 cavidades ao redor e unha máis grande interior, que posiblemente fose o piso dun santuario.
Moi preto del, podemos ver tamén varios petróglifos, unha anta e un posible crómlech.
Un lugar sen dúbida moi especial, ainda que no día que escribo isto non ten sinalización e ten difícil acceso.
Estos son, polo tanto, os que para min son os mellores lugares para visitar o megalitismo e a arte rupestre na Galicia. Se te gustaría engadir algún máis, ou tes algunha pregunta sobre eles, non dubides en escribir un comentario.