A nosa experiencia despois de percorrer case 10000 km nun Toyota Corolla híbrido con caravana
Si deseas leer esta entrada en castellano pincha en este enlace.
Despois de case 10.000 km viaxando con caravana, conto aquí a nosa experiencia de como é moverse nun coche híbrido con ela, xa que apenas encontrei información ao respecto antes de mercar o coche. Ademais, durante as viaxes xa me teñen preguntado xente ao respecto, tendo en conta que cada vez é máis frecuente este tipo de vehículos.
O vehículo:
O coche é un Toyota Corolla híbrido con motor de 180 CV, matriculado en xullo de 2021. O principal problema que en principio ten este coche (e que xa coñecía cando o merquei), é que o peso máximo autorizado para remolcar é de 750kg, o que limita moitísimo a caravana a remolcar, xa que cada vez se fan menos caravanas con menos de ese peso.
A caravana:
Buscar unha caravana de menos de 750kg non é doado, especialmente se queres unha nova ou con pouco uso. Así que nos decantamos por unha das poucas opcións que había nese momento: a Adria Aviva 360DK. É unha caravana de 2 ambientes, con 4 prazas para durmir e con baño. Temos que recoñecer que tivemos moita sorte, xa que a compramos nova e ben de prezo, xusto antes de que se deixara de vender con MMA inferior a 750kg.
Hai suficiente potencia para tirar da caravana?
Tendo en conta que o peso máximo que pode remolcar este vehículo está moi próximo ao peso máximo da caravana, podería parecer que este coche vai algo xusto de potencia. Aínda que ese era un dos meus temores cando comprei o coche e a caravana, desapareceu completamente cando empecei a facer os primeiros quilómetros con ela enganchada.
O coche tira perfectamente de ela mesmo en costas de moita pendente e outras situacións desfavorables como forte vento en contra, polo que non hai en absoluto ningún problema de potencia. O motor revoluciónase máis nas costas arriba e nas aceleracións, algo lóxico debido ao peso extra, mais responde moi ben. Iso si, isto non creo que fose igual co motor de 120CV, xa que eses cabalos de menos si que se poden notar en pendentes moi pronunciadas. (se alguén ten este modelo con esta potencia e leva unha caravana, anímolle a escribir un comentario explicando como vai nestas situacións).
Como responde nos descensos pronunciados?
Outro medo que tiña eu é como respondería nos descensos este modelo, xa que este Toyota Corolla híbrido non ten caixa de cambios, e así non podería axudar á retención nas baixadas. Neste aspecto, tamén non vin problema nos descensos que teño feito, algún deles bastante importante. Conducindo coa palanca en D (100% automático), o motor térmico e eléctrico fan a retención perfectamente de forma automática. De todos os xeitos, se se quere aumentar a retención nalgunha situación, non hai máis que poñer a palanca na posición de manual e reducir relacións, así irá aumentando a retención do motor.
Consumo e autonomía
Se falamos de consumo, hai que dicir que evidentemente aumenta bastante, debido ao peso extra e a mala aerodinámica da caravana. De todos os xeitos, non me parece un exceso de combustible esaxerado. En estradas convencionais, teño feito consumos medios normalmente entre os 7,5 litros e 9 litros aos 100km, dependendo do vento e a orografía. En autopista como é lóxico o consumo é maior (eu nunca supero os 90km/h), así que de media estaría entre os 9 e os 15 litros por 100km, este último con situacións de vento forte en contra e certas pendentes. Tendo en conta o que aumentan os consumos en todos os vehículos tirar cunha caravana, non me parece un consumo alto.
Outro tema é a autonomía. O depoósito de combustible de só 45 litros fai que se o consumo excede dos 10 litros de media, sobre todo en autopista con vento, haxa que facer paradas frecuentes nas gasolineiras. Por esta razón, aos que coma min non lles guste nada circular co depósito preto da reserva, terán que parar a poñer gasolina mesmo antes de facer 200km, cousa que pode ser un pouco molesta á hora de viaxar.
Conclusión:
Polo tanto, este híbrido coa caravana é unha excelente opción en xeral, sen problemas de potencia, retención en costas e consumo. O único «pero» é a autonomía, que está limitada pola capacidade do seu depósito de combustible. Polo demais, todo perfecto.
E como é habitual neste blogue, se tedes algunha dúbida ou se queredes deixar un consello máis, non dubidedes en escribir un comentario,
Se queres ver o diario da viaxe por Europa con esta caravana, pincha neste enlace.