Archivo de la etiqueta: dumbria

SUBIDA AO MONTE PINDO

Guía para subir ao Monte Pindo, unha das montañas máis emblemáticas da Galiza

Desde o cumio do Monte Pindo
Desde o cumio do Monte Pindo

Para os que coma min vivimos algún tempo na comarca da Costa da Morte, O Monte Pindo, ou A Moa como lle chamábamos na zona, sempre foi un lugar moi especial. En primeiro lugar a súa forma, con esas rochas de cor anaranxada que chaman tanto a atención desde moitos quilómetros ao redor; por outro lado a súa beleza, os atractivos naturais, as vistas de gran parte dunha das rías máis fermosas que existen, así coma as súas lendas e historia, fan de Monte Pindo un lugar que recomendo coñecer a todo o mundo. Comparto polo tanto aquí, unha pequena guía práctica que pode ser útil para todo aquel que pretenda subir a pé (non existe outra forma) ate o cumio desta montaña emblemática.

Mapa Monte Pindo
Mapa Monte Pindo

Que posibles rutas hai para chegar ao cumio?

As rutas máis utilizadas son dúas: A máis famosa e recomendable, e tamén máis longa, é a que sae desde a localidade de O Pindo, que describirei máis abaixo. Hai outra máis curta, que empeza preto do Encoro de Santa Uxía, que permite aforrarnos uns cantos metros de desnivel, pero na que nos perderemos partes interesantes do percorrido.

O Monte Pindo desde Fisterra
O Monte Pindo desde Fisterra

Hai que estar en boa forma física?

Como ten bastantes metros de desnivel e o camiño non está en moi bo estado, hai que ter un mínimo de forma física para subilo. De todos os xeitos, non fai falla ser un atleta e poden subir mesmo nenos que non sexan moi pequenos.

Cartel ao inicio da ruta
Cartel ao inicio da ruta

Están ben sinalizadas?

Ainda que hai un cartel onde empeza a ruta e unhas cantas pintadas coas liñas blanca e amarela nalgunha rocha, non está sinalizado onde fai máis falla, é decir, nos cruces de camiños. De todos os xeitos, hai poucos cruzamentos, e nestes casos , sempre ir pendiente arriba.

Como está o camiño?

O camiño é moi estreito e ten moita pedra, especialmente no tramo intermedio e final, polo que hai que esquecerse de levar carritos ou cousas similares e recomendo ir con botas de montaña. No inverno, hai zonas húmidas, para o que non estaría mal levar calzado goretex.

Altimetría da subida ao Monte Pindo
Altimetría da subida ao Monte Pindo

Cal é a duración e distancia?

A subida máis longa son só algo máis de 4 quilómetros, que se pode facer entre unha hora e media e dúas horas, dependendo a forma física. A baixada pódese facer en algo menos de tempo, pero nalgunhas zonas as pernas sofren bastante polo desnivel (máis de 600 metros)

Afectan moito as condicións climatolóxicas?

Si. Hai que ter sempre presente que é unha montaña bastante alta e que está moi preto da costa. Esto, unido a que o camiño ás veces non se ve moi ben, fai que non se debe subir o Monte Pindo se hai néboa ou pouca visibilidade. Ademais, nestes casos non imos poder gozar de unha das maiores recompensas da ascensión: as vistas desde o cumio.

Inicio da ruta
Inicio da ruta

GUÍA DE SUBIDA DESDE O PINDO

Se vimos co noso vehículo, deixarémolo na localidade de O Pindo, nun aparcamento que hai ao carón da Igrexa de San Clemente. Por detrás da igrexa, ao fondo, vemos un camiño cun indicador preto dunha ponte de madeira. Ahí podemos decir que empeza a nosa ruta. Pouco despois do indicador, tomamos o camiño á dereita e xa comezamos subir por un camiño parte de el pegado a un muro de pedra. Despois dun rato, chegamos a unhas rochas que forman un pequeno outeiro onde estivo o antiguo Castelo de San Xurxo.

Restos do incendio do 2013
Restos do incendio do 2013

Nestas rochas, viramos nun pequeno cruzamento de sendeiros á esquerda e voltamos subir por unha ladeira onde podemos ver moitos piñeiros queimados do enorme incendio que sofreu este espazo natural no ano 2013.

Praia de Carnota desde o Monte Pindo
Praia de Carnota desde o Monte Pindo

Pouco despois, temos unhas das zonas da ruta con maior pendente e máis rochas, onde nalgún momento é mesmo necesario poñer a man para axudarnos a subir. Ás veces, pode que pareza que o camiño se perde pero non nos debemos preocupar, xa que non é difícil ver a ruta máis adiante e tamén temos sinais feitos colocando pequenas pedras unhas enriba de outras, postas por outros sendeiristas, que nos serven de guía.

O Guerreiro
O Guerreiro

Xa a pouca distancia do final, a pendente danos un respiro, e cruzamos unha pequena turbeira onde da gusto pasear e nos recuperamos do cansanzo. Aquí, podemos ver unha rocha cunha forma curiosa, coñecida como O Guerreiro.

Fisterra e Ría de Corcubión e Cée desde o cumio do Monte Pindo
Fisterra e Ría de Corcubión e Cée desde o cumio do Monte Pindo

Os metros do final da ascensión volven ser difíciles, pero estamos moi motivados pola panorámica e a proximidade do cumio. Cando vemos o sinal de formigón do vértice xeodésico sabemos que chegamos ao final da nosa ruta. Agora só nos queda descansar e gozar das fermosas vistas. En dirección ao mar, temos o Cabo Fisterra e toda a Ría de Corcubión e Cee. Xusto debaixo, a praia e a localidade de O Pindo. Ao sur, podemos ver a Praia de Carnota, a máis longa da Galiza. Ao norte, as terras do Concello de Dumbría, onde non hai que deixar de visitar moi preto deste lugar a Fervenza do Ézaro. E ao leste, se a visibilidade é boa, podemos chegar a ver ate o Monte Pedroso de Compostela. Sen dúbida, un lugar excepcional que farán esquecer todos os esforzos da subida.

Terras do Concello de Dumbría desde o cumio do Monte Pindo
Terras do Concello de Dumbría desde o cumio do Monte Pindo

Pois isto é todo! Espero que esta pequena guía vos sexa útil e vos guste este lugar polo menos tanto coma a min. E xa sabedes que, como é habitual neste blogue, se tendes algunha dúbida ou queredes deixar aquí algún consello máis, non dubidedes en escribir un comentario.