Diario dunha viaxe polo Sur do Reino Unido en caravana
Si prefieres leer esta entrada en castellano pincha aquí
Nesta nova entrada, comparto con vós como foi a viaxe desde Compostela ate o Reino Unido en caravana. Foron un total de 38 días, dous adultos e un neno de 5 anos, utilizando o ferry de Santander a Plymouth para aforrar tempo e quilómetros, e aproveitar máis tempo no Reino Unido. Ao final, como é de costume neste blogue, publico tamén consellos e os gastos totais da viaxe. Espero que vos guste e sexa útil!
Os primeiros días da viaxe: desde Compostela ao Reino Unido no ferry.
Queriamos aproveitar ao máximo do tempo en Reino Unido, polo que saímos directamente desde Compostela ate unha localidade preto de Santander, concretamente a Cabuérniga. O ferry sae ás 4 da tarde, así que nós chegamos sobre a 1 para pasar o control de entrada con tempo (non nos gusta chegar aos ferries moi xustos de tempo, por se houbese algún imprevisto).
A travesía no ferry dura 20 horas, polo que recomendo reservar un camarote. Nós escollimos un camarote exterior, de catro literas (non quedaban de 2).
Como gran parte da travesía é de noite, o tempo pasa rápido tomando algo nalgún dos bares e restaurante do ferry (os prezos non son desorbitados), ou dando algún paseo pola cuberta. Nesta ruta de ida, tivemos a mar con bastante temporal, polo que o barco moveuse moito pola noite.
Toma de contacto co Reino Unido: Costa sur de Devon e Cornualles
Os primeiros días no Reino Unido os pasamos preto de Plymouth, durmindo nun camping preto de Modbury. Desde alí, onde estivemos tres noites, visitamos a localidade de Dartmouth, así como o seu castelo.
Tamén fomos á famosa Illa de Burgh, onde para acceder con marea alta é necesario subirse a un peculiar tractor adaptado.
Tras uns días en Modbury, decidimos ir ate a zona de Cornualles, deixando a caravana nun camping en Carnon Downs, moi preto de Truro. Dende aquí, movímonos por varios lugares turísticos de Cornualles, comezando polo Land’s End, o Fin da Terra, un fermoso lugar aínda que cheo de turistas.
Preto de alí, está o círculo lítico de Merry Maidens, que paga a pena ver, así como o St Michael’s Mount, que parece unha réplica do Mount Saint Michel francés.
Aparte de Truro e os seus arredores, tamén estivemos no Pendennis Castle, preto de Falmouth, un castelo que ten pegadas de diversas épocas desde de inicios da Idade Moderna ate baterías de canóns da Segunda Guerra Mundial.
Costa Xurásica e arredores de Stonehenge
A non moita distancia de Cornualles está a Costa Xurásica, ao Sur de Inglaterra. É ben coñecida pola grande presenza de fósiles na zona, así coma as súas fermosas paisaxes. A zona de Abbotsbury é simplemente espectacular.
Non moi lonxe da Costa Xurásica, un pouco máis ao Norte, está unha das zonas con máis megalitos de Inglaterra. Stonehenge é o máis coñecido, aínda que tamén destaca Avebury (unha localidade dentro dun henge) e os arredores.
Aquí estivemos uns días nun camping ao carón do Longleat, ben situado para ver os castelos de Nunney e Farleigh Hungerford, así como a impresionante cidade de Bath, un dos imprescindibles nunha viaxe ao Reino Unido.
O País de Gales
Aínda que para coñecer un pouco de Gales xa se necesitarían polo menos un par de semanas, nós decidimos facer só unha visita polo sur, acampando uns días nun camping non moi lonxe de Cardiff, a capital. Ademais da propia capital, deunos tempo a ver algúns lugares turísticos dos arredores, coma os castelos de Caerphilly e Coch, ou as ruinas romanas de Caerleon, que inclúe os baños, museo, e o que queda do campamento e anfiteatro.
Tamén tiñamos ganas de ver algunha paisaxe da costa sur de Gales, e as atopamos ben fermosas nos cantís de Duraven Bay.
De novo no centro de Inglaterra
A verdade é que foi pouco o tempo que pasamos en Gales. Mais se estivésemos máis días aquí, non veríamos moitas das cousas que tiñamos previstas ver no Reino Unido. Así que coa promesa de voltar a Gales noutro momento, continuamos cara o centro de Inglaterra. Primeiro, paramos na cidade de Cirencester, un bo lugar para ver a arquitectura típica das Cotswolds na propia cidade e nos pobos dos arredores.
Outro lugar imprescindible do centro de Inglaterra é a cidade de Oxford, un bo sitio para pasar o día pese a saturación turística. Gustounos moitos o Museo de historia Natural, sobre todo a sa adicada á etnografía de moitos lugares do mundo.
Polo sur de Inglaterra
Continuamos a viaxe cara o sur, parando primeiro nun camping preto da cidade de Salisbury. O mellor desta localidade é sen dúbida a catedral, onde se pode ver unha das copias da Carta Magna, un documento único que obrigaba a todo o mundo, mesmo ao monarca, a obeceder a lei. Tamén cómpre ir a Old Sarum, onde se situaba antiguamente a catedral.
Xa na costa, visitamos o Seacity Museum en Southampton, cunha sa adicada ao Titanic, que saiu desta cidade. Na cidade de Portsmouth, gozamos moitísimo da visita ao Historic Dockyard. Se es dos que gustan da historia e dos barcos este é un lugar único. Primeiro polo HMS Victory, un barco orixinal (está restaurado, non é reconstruído) de finais do século XVIII, que mesmo loitou en Trafalgar, onde morreu o Almirante Nelson. Outro barco histórico deste museo son os restos do barco afundido Mary Rose, do século XVI, onde se pode ver tamén moitos obxectos que levaba. Ademais, tamén se pode entrar no Warrior, un acorazado do século XIX, e no HMS M33, da Primeira Guerra Mundial.
Moi preto de aquí, está o Museo do Día D, onde se poden ver moitos obxectos relacionados co Desembarco de Normandía da Segunda Guerra Mundial, e mesmo entrar nunha das barcazas utilizadas no desembarco.
Seguindo polo sur de Inglaterra, mais un pouco cara o interior, aproveitamos para ir a cidade de Winchester, que conta cunha impresionante catedral cun dos coros mellor conservados que existen. Ademais, no Great Hall desta cidade está, segundo a lenda, a Táboa Redonda do Rei Arturo. Uns poucos quilómetros ao norte de Winchester está un dos edificios máis visitados de Inglaterra: o Highclere Castle.
É ben coñecido por ser onde se grabou a serie Downton Abbey, así como polo museo exipcio do Conde de Carnarvon.
Rematando a viaxe na costa norte de Devon.
Para pasar os últimos días da viaxe escollimos un lugar máis ou menos tranquilo na costa norte de Devon. Queríamos un lugar costeiro, con fermosas paisaxes onde rematar a viaxe, e o atopamos en Woolacombe. Desde aquí, non queriamos facer moitos quilómetros para visitar sitios, e pasar máis tempo gozando de lugares próximos e paseos andando e bicicleta.
Os pobos costeiros de Lynton e Lynmouth (unidos por un funicular), Combe Martin, o tren a vapor de Lynton and Barnstaple e, sobre todo, a costa dos arredores de Woolacombe, foron perfectos para despedirnos desta viaxe polo Reino Unido.
Desde Woolacombe, voltamos a Plymouth para coller de novo o ferry de volta a Santander. Esta vez cun mar máis tranquilo, chegamos a Santander ao día seguinte, e pasamos a noite no mesmo camping que ao inicio da viaxe, para así visitar a coñecida aldea de Bárcena Mayor.
Ao día seguinte, ruta de volta a Compostela, poñendo fin a unha viaxe de 38 días e 4170 km polo Reino Unido.
Guía práctica:
Caravana e campings:
A caravana é un medio ideal para percorrer o Reino Unido. É un país onde se usan moito; xunto con Holanda, é onde máis teño visto polas estradas. Hai ademais moitísimos cámpings. Para esta viaxe nós fixémonos socios do Caravan Club, cunha rede de cámpings de moi boa calidade a precios razonables (entre 35 e 45 libras).
Lista de cámpings: (todos os cámpings do Reino Unido son da rede do Caravan Club)
· El Molino de Cabuérniga (2 noites).
· Modbury (3 noites).
· Carnon Downs (4 noites).
· Ilmister (2 noites).
· Longleat (4 noites).
· Tredegar House Country Park (3 noites).
· Cirencester (3 noites).
· Salisbury Hillside (3 noites).
· Rowan Park (Bognor Regis) (3 noites).
· Winchester (3 noites).
· Willingcott (Woolacombe) (5 noites).
Conducir:
Esta xa é segunda vez que imos ao Reino Unido co noso vehículo. A verdade é que un se acostuma bastante rápido a conducir pola esquerda, así coma ao curioso (e útil) sistema que teñen de situarse nas rotondas.
O peor: as estradas principais soen ter moito tráfico, e as secundarias soen ser moi estreitas, polo que é moi frecuente ter que parar nos numerosos «passing place» para deixar pasar os vehículos en sentido contrario. Isto último, coa caravana, chega a ser bastante desquiciante.
A bicicleta:
O Reino Unido non é un lugar moi preparado para andar en bici. As estradas polo xeral non teñen arcén, e as principais teñen moito tráfico, polo que non tiven máis remedio que evitalas por seguridade. No rural, vin varios camiños que eran privados, e algúns outros non permitían o paso de bicicletas.
Nas cidades soe haber carrís bici, aínda que nin de lonxe teñen a infraestructura doutros países europeos. Iso si, unha vez que se encontran estradas con moi pouco tráfico, camiños públicos e algún carril bici, se o tempo acompaña (que iso é outra), pódense facer rutas moi fermosas. Con todo, fixen uns 255km na bici polo Reino Unido.
Gastos: O total de gastos incluíndo absolutamente todo (ferry, combustible, comida, cámpings, entradas, etc…) foron de 6822 euros nunha viaxe de 38 días (a media de cambio da libra foi 1.16 euros 1 libra).
Ate aquí o diario da viaxe polo Reino Unido con caravana. espero que vos gustase e, como é habitual neste blogue, se tendes algunha dúbida ou se queredes deixar algún consello máis, non dubidedes en escribir un comentario.