O Camiño Francés en BTT dende O Cebreiro

Ainda que o máis común é facer o camiño francés en bicicleta dende máis lonxe, especialmente se temos en conta que a Compostelana non cha dan se non acreditas un mínimo de 200km, comparto con vos esta parte do Camiño en formato de diario de viaxe (con gastos para dúas persoas, km e consellos), moi recomendable para facer cando non se dispón de moito tempo, xa que apenas tres días son suficientes para facer este tramo galego do Camiño Francés.

Canto tempo dedico a facer este tramo do Camiño?
Eu recomendo facelo en tres días, ainda que é posible facelo en dous se cumplides os seguinte requisitos:
- Estar en boa forma física e habituados a andar en bici
- Gústavos madrugar
- Facedes o camiño cando os días son longos e non hai moito barro (de maio a setembro)
- Non vos importa ir por estrada

Pola contra, eu recomendo facelo en tres días se cumplides un dos seguintes requisitos:
- Queredes ir polo tramo orixinal do camiño, e o mínimo por estrada alternativa
- Tomades o camiño de forma relaxada e, ademáis, non vos gusta madrugar
- Gústavos parar nos lugares de interese, a ver paisaxes, a tomar algo, a comer con calma…
E se a parte do anterior non estás en moi boa forma física ou non estás habituado en andar en bici, penso que é bo considerar un día máis de ruta.

Cómo chegar a O Cebreiro
A forma máis económica de chegar a O Cebreiro, xa fose con bici ou sen ela, é en autobús. A empresa Alsa comunica Pedrafita do Cebreiro (capital do concello, a 4.6 quilómetros da aldea de O Cebreiro) coas principais cidades galegas e do resto da Península. A nós o billete en maio de 2014 dende Compostela a Pedrafita 2 adultos máis 2 bicis saiunos por 55.94 euros (se ides sen bicis botádelle uns 20 euros menos). Unha vez en Pedrafita, se ides con bicis eu recomendovos continuar en bici ate a aldea do Cebreiro, que ainda que é subida ven ben para ir quencendo as pernas para o Camiño. Se polo contrario vides a pé, o mellor é coller un taxi ate o inicio do tramo galego do Camiño. Outra cousa a ter en conta é cándo comezamos a facer o camiño unha vez que chegamos a Pedrafita. Se chegamos pola mañá o lóxico é poñerse xa a pedalear, mais se chegamos tarde ou de noite, en Pedrafita hai algún hostal. Nós quedámonos no Hostal Rebollal, que ten habitacións dobles por 45.50 euros almorzo a parte, un pouquiño caras para o que se estila noutros lugares do camiño, pero coa vantaxe de que te esperan ate que chegue o bus ate horas bastante tardías.
Gastos previos á viaxe:
· Bus Compostela – Pedrafita (2 adultos + 2 bicis) : 55.94 €
· Supermercado para a cea: 8.96 €
· Hostal Rebollal: 45.50 €

Primeira etapa: O Cebreiro – Sarria (43.06 km + 4.65 km desde Pedrafita)
Non pode haber un lugar máis fermoso para comezar o Camiño que O Cebreiro. Situada a case 1300 metros de altitude é unha pequena aldea moi ben conservada con varias pallozas e unha interesante igrexa prerrománica. Despois de parar un ratiño neste lugar idílico e hora de poñerse a pedalear. O camiño orixinal (por onde iremos sempre coas nosas bicis) sae ao carón do albergue de pelegríns e continúa por unha sucesión de pequenos repechos entre bosques e de vez en cando con excepcionais vistas das montañas lucenses. Pouco despois do Alto do Poio, atopamonos cunha forte baixada que obriga a usar moito os freos pola pendente e as pedras, e que remata na localidade de Triacastela, un bo lugar para facer un descanso para tomar algo ou xantar.

Despois de Triacastela temos dúas opcións: A primeira é continuar o camiño orixinal ate Sarria. A segunda é desviarse por Samos, que é recomendable se queredes visitar o interesante Mosteiro desa localidade. Como nós xa coñecemos este mosteiro, decidimos continuar polo camiño orixinal, que discurre por unhas preciosas paisaxes da montaña interior lucense. Despois de subir o alto de Riocabo, a ruta tórnase moi doada ate chegar á vila de Sarria: Un bó lugar para pasar a noite, con moitos aloxamentos onde elexir e bos sitios para cear
Gastos día 1:
· Almorzo (Hostal Rebollal, Pedrafita): 10 €
· Comida (Complexo Xacobeo, Triacastela): 15.80€
· Cea (Pizzeria Matias, Sarria): 20 €
· Hotel Oca Vila de Sarria: 40€
· Outros (Bebidas, cañas, cafés,…): 5.2€

Segunda etapa: Sarria – Melide (66.52 km)
Sen madrugar moito, retomamos o Camiño subindo pola Rua Maior e saíndo de Sarria a carón do Mosteiro da Madalena. Despois, continuamos pedaleando por fermosos lugares nun típico tramo rompepernas ate a localidade de Portomarín, onde é imprescindible un descanso despois de máis de 20 km. Portomarín é a capital do concello do mesmo nome, que foi anegada coa construcción do Encoro de Belesar nos anos 60. A súa igrexa románica foi trasladada pedra a pedra até a ubicación actual, na praza da vila en frente a Casa do Concello.

Ao pasar Portomarín, temos que ter paciencia para enfrentarnos a unha forte e longa subida que fai desta etapa a máis dura destas tres. Ao chegar a Ventas de Narón, comenzamos un descenso ate Palas de Rei, outro concello lucense onde podemos parar a facer un descanso. Despois, o tramo entre Palas e Melide, xa na provincia de A Coruña), transcorre por un relevo con bastantes subidas e baixadas onde podemos xa notar o cansanzo da etapa. Pero todo sacrificio ten a súa recompensa, e en Melide temos bos locais para recuperar forzas cunhas racións de polbo á feira. As pulperías máis famosas son a Garnacha ou Ezequiel, aínda que podemos comer ben calquer tipo de comida, galega ou non, en toda a vila.

Gastos día 2:
· Almorzo (Cafetería Anduriñas, Sarria): 11€
· Comida (2 bocatas+2cañas, Casa Molar, Ventas de Narón): 11.50€
· Cea (Pulpería A Garnacha, Melide): 19.90€
· Hospedaje Sony (Melide): 30 €
· Outros: 15.60€

Terceira etapa: Melide – Compostela (56.10 km)
Esta última etapa do Camiño até Compostela é a típica rompepernas tan común nas terras galegas. Contínuas subidas e baixadas, pero sempre entre fermosas paisaxes do rural. Se xa o Camiño Francés ten moitísima xente no verán, a partir da vila de Arzúa xúntanse toda a afluencia dos camiños do Norte (podedes ver o diario deste camiño en bici desde Irún neste enlace) e Primitivo, polo que estamos ante a etapa máis concurrida do Camiño de Santiago. Concluímos a última subida da etapa en San Marcos e a partir do Monte do Gozo xa podemos ver Compostela e as torres da Catedral. Entramos na cidade polo fermoso Barrio de San Pedro para rematar, como non, na famosa Praza do Obradoiro. Despois de gozar desta impresionate praza, é fundamental adicar polo menos un par de días para coñecer esta cidade, seguindo as recomendacións desta outra entrada do meu blog. E se continuamos con forzas, outra boa opción é seguir pedalenado polo Camiño até Fisterra, da que tamén podedes ver un diario similar a este nesta outra entrada. Bo camiño!

Gastos día 3:
· Almorzo (Restaurante Sony, Melide): 10€
· Comida (2 comidas + 2 bebidas, Rte Esquipa, Salceda): 9.30€
· Outros: 3€
Total gastos: 321.7€ (160.85 € persoa) en 3 dias, incluíndo durmir en Pedrafita e o desprazamento ate alí
Total quilómetros: 170.33 km (segundo o contaquilómetros da bici)
E xa sabedes que como é habitual neste blog, se tedes algunha dúbida, queredes deixar aquí algún consello máis, ou simplemente queredes comentar ou compartir unha experiencia vosa similar, non dubidedes en poñer un comentario.