VIAXE Ó CABO NORTE
Diario da viaxe realizada en coche dende Lugo ó Cabo Norte (Noruega) en Xullo de 2009, seguindo o percorrido que se pode ver no seguinte mapa:
A VIAXE:
Ésta é unha viaxe que xa queriamos facer desde fai tempo, sobre todo eu, que teño lido moito dos países escandinavos en especial da súa natureza, así que despois de varios viaxes por Europa, coma o primeiro contacto con Escandinavia na viaxe do ano pasado á Dinamarca, por fin se deron as circunstancias idóneas para realizar esta viaxe. Como condicionais da viaxe acordamos, entre os dous, destinar un presuposto entorno os 1500 – 2000 € por persoa (3000 – 4000 € en total), entre 20 e 25 días de duración e sobre todo ir facendo turismo desde practicamente o primeiro día da viaxe, sen levar nada reservado, a excepción das dúas primeiras noites en Francia, para improvisar os nosos destinos diarios.
O noso destino era moi claro: O Cabo Norte, e tiñamos pensado subir vendo as praias do desembarco de Normandía, Bruxas, Gotemburgo e Estocolmo. Xa no retorno, gustaríanos ver as Illas Lofoten e despois xa iríamos improvisando, pero sen voltar por toda a costa Noruega, xa que suporíanos moitos máis días e cartos e, ademais, a esa zona gustaríanos dedicarlle outra viaxe.
Utilizamos o meu coche, un Toyota Avensis Wagon Sol D4D 126 CV do 2008 e cargámolo coas nosas maletas e algo de comida así coma material de acampada, mesa e sillas portátiles, sábanas e un edredón.
A continuación detallase o diario da viaxe, explicando o percorrido día por día. Ó final de cada xornada indícase:
– Os gastos pagados nese día: Inclúe todo o que se pagou nese día: aloxamento, gasoil, comida, peaxes, cafés, etcétera
– Os quilómetros percorridos ese día: Inclúen todos os quilómetros percorridos nesa xornada, desde que se arranca o coche ó inicio da xornada ata que se apaga cando se aparca ata o día seguinte, polo que resulta o desprazamento dunha cidade á outra, as rutas turísticas, buscar aloxamentos,… e tamén os km de máis que fas cando te perdes.
– O tempo durante a xornada, desde o punto de vista climatolóxico, por suposto.
2 DE XULLO: LUGO – SAINT YZANS DE MEDOC
Saímos de Lugo en torno as 10 da mañá co obxectivo de chegar a unha casa rural que tiñamos reservada na zona vinícola do Medoc, preto do Burdeos. Decidimos ir por Burgos, xa que se aforra tempo na viaxe, e xantamos estupendamente de menú nun restaurante preto do Porto do Etxegarate, xunto a A-1. Cruzamos o antigo posto fronteirizo de Behobia sobre as 4 da tarde, chegando ós arredores de Burdeos sobre as 7. A casa rural que tiñamos reservada estaba situada uns 100km ó noroeste de Burdeos, na coñecida zona vinícola do Medoc, ó carón da “ría” do Gironde. Nós xa coñecíamos outra zonas vinícolas de Burdeos pero non ésta.
Esa saída do Gironde ó mar é unha zona moi influenciada polas mareas, coma se pode ver no “porto” de Saint Christoly Médoc desta foto. Neste caso, a marea estaba baixa, e pódese ver na foto a cantidade de lodo que deixa o río cando baixa. O Gironde no seu tramo final ten un color marrón, que non incita en absoluto ó baño.
Outra curiosidade desta zona son estas casetas que entran no Gironde e teñen no seu extremo unha rede que se pode introducir na auga para pescar.
A casa onde durmimos chamábase La Hourqueyre custaba 56 € incluíndo un bo almorzo e estaba bastante ben. http://www.toprural.com/casa-rural-habitaciones/la-hourqueyre_f-fr-cx-26478.htm
Gastos pagados no día: 84.3 €
Km percorridos no día: 903.4 km
Tempo bastante bo, algo cuberto pero sen chuvia.
3 DE XULLO: SAINT YZANS DE MEDOC – BRICQUEVILLE
Despois dun bo almorzo preguntámoslle a propietaria da casa, que falaba algo español, se había un ferry para cruzar o Gironde, xa que si non tiñamos que dar a volta por Burdeos, o que suporía máis quilómetros, horas de viaxe e gastos. Contestounos que había un ferry xusto na unión do Gironde co atlántico, e que saía cunha frecuencia dunha media hora, así que non o dubidamos.
O ferry era bastante cutre, en comparación cos que temos ido outras veces, pero aforrounos bastante camiño. Xantamos nunha área de servizo ó carón da autovía pouco antes de chegar a Rennes, e antes das 6 da tarde xa chegáramos a Bricqueville, unha pequena aldea preto de Bayeux, na Normandía. Dimos bastantes voltas pola dispersa aldea e non dimos atopado a casa que tiñamos reservada, polo que tivemos que buscar alguén para preguntar. Despois de outras cantas voltas atopamos a un home que non sabía falar máis que francés, polo que a comunicación era imposible aínda que el se esforzaba moitísimo en explicarnos. Despois dun rato decidiu que a mellor forma de explicarnos era coller o seu coche e que o seguíramos, cousa que fixemos e llo agradecemos enormemente. A casa era preciosa, e moi barata, 48€ con almorzo, con cociña e unha fermosísima habitación cun baño moi completo.
Despois de localizar a casa aproveitamos para ir ver algunha praia do desembarco, polo que decidimos visitar Omaha Beach. Despois desprazámonos ata a punta de Hoc (Pointe du Hoc), onde se atopan as famosas baterías de cañóns que foron conquistadas polos aliados, polo que se poden ver os refuxios, a localización dos cañóns e un memorial. Ésta visita é moi recomendable e é libre, polo que non hai nin que pagar entrada (cousa raríiisima en Francia) e se pode ver a horas “intempestivas” na Europa, xa que nós a visitamos pasadas as 8 da tarde.
O día rematámolo cunha boa cea aproveitando a cociña que dispoñiamos nesta preciosa casa, chamada Ferme de l´Isle: http://www.toprural.com/casa-rural-habitaciones/ferme-de-l-isle_f-fr-cd-29021.htm
Gastos pagados no día: 164 €
Km percorridos no día: 674.6 km
Tempo moi soleado con bastante calor
4 DE XULLO: BRICQUEVILLE – BRUXAS
Empezamos o día cun fabuloso almorzo que nos preparou a encantadora Beatrice, quen atende la Ferme de l´Isle (mágoa que non fale máis que francés!). Despois, decidimos ir visitar algunha praia máis do desembarco. A Normandía ten moito que visitar, aparte das praias ten varios cantís, moitísimos museos sobre o desembarco, así coma varios cemiterios e memoriais, polo que o normal é estar varios días (intentarei volver cando poda). Decidimos entón facer unha visita á famosa localidade de Arromanches les Bains, onde se poden ver os restos dun dos portos artificiais remolcados polos aliados desde Inglaterra.
Dende Arromanches les Bains seguimos pola costa ata Caen, cruzando despois a enorme ponte de peaxe que cruza o Río Sena ó carón de Le Havre. Antes de chegar a Calais, paramos a comer algo nunha área de servizo. Neste punto estamos moi preto do túnel do Canal da Mancha, e se nota polos cada vez máis numerosos coches con matrícula británica e porque sintonizamos algunha emisora en inglés. Case sen darnos conta xa estabamos en Bélxica
Sobre as 5 da tarde chegamos a impresionante cidade de Bruxas (Brugge en flamenco). Deixamos o coche nun aparcamento subterráneo preto do centro e decidimos buscar un hotel o máis céntrico posible, e atopamos o Hotel Erasmus, a catro pasos da Praza do Mercado. Despois pateamos toda a zona turística da cidade, facendo un descanso para cear nun dos moitísimos restaurantes da zona histórica, polo xeral bastante ben de prezo. O máis bonito da cidade, para o meu gusto, son os canais (a min recordábame bastante a Amsterdam) e a Praza do Mercado. Xa entrada á noite, voltamos ó Hotel.
O Hotel estaba moi ben, e o aire acondicionado se agradecía. Saíunos por 120€, que non está mal tendo en conta que está en pleno centro, ten bastantes comodidades e é sábado (nos hoteis de aquí soen cobrar máis en fin de semana). O único pero é que non incluía o almorzo: http://www.hotelerasmus.com/hotel/index.cfm?langue=UK
Gastos pagados no día: 139.2 €
Km percorridos no día: 519.0 km
Tempo moi soleado e con moita calor
5 DE XULLO: BRUXAS – NEUMÜNSTER
Como nos levantamos cedo, aproveitamos para dar outro paseo polo centro histórico da cidade. É domingo, e iso se nota nas rúas case baleiras. Visitamos a Praza do Concello, xa que ó día anterior estaba pechada por mor dun concerto ó aire libre. Para fuxir do agobio turístico recomendamos ver esta cidade ás primeiras horas da mañá (mellor se é domingo) ou xa de noite.
Despois collimos o coche no aparcamento subterráneo onde o deixamos (Parking Centrum, en Het Zand), pagando apenas 7 € por 17 horas, nada que ver cos abusivos prezos de aquí. Collemos de novo a autoestrada rumbo ó norte de Alemaña. As autoestradas belgas e holandesas son moi boas, con bo firme, ben sinalizadas e sen peaxes. Soen ter moito tráfico, cousa que non nos afectou ó ser domingo pola mañá. Ademais, polo que puiden comprobar neste e nun viaxe anterior, entre estes países non hai posto fronteirizo de ningún tipo, polo que só sabes que entras en Holanda polo sinal ó carón da autoestrada. O único incidente que nos pasou nestas autoestradas é que unha pomba golpeounos ó espello retrovisor esquerdo do coche e descompúxoo bastante, cousa que solucionei cunha reparación de urxencia.
Xantamos uns bocadillos nunha área de servizo próxima á fronteira con Alemaña e seguimos dirección Bremen e Hamburgo. Ésta é a terceira vez que conduzo por autoestradas alemanas, e das dúas anteriores ocasións non teño especialmente bo recordo delas debido á grande cantidade de tráfico e as continuas obras, ademais hai bastantes tramos limitados (sobre todo se inclúes os tramos de obras). Isto fai que só podes ir sen límite de velocidade con seguridade durante pouco tempo. Por outro lado, raro é a vez que non se ve un accidente por alcance, xa que moitos non respectan a distancia de seguridade. Nesta ocasión tivemos pouco tráfico.
Tras pasar Hamburgo, decidimos parar na cidade de Neumünster a buscar ónde durmir. Non tardamos en atopar o Hotel Hildebrandt´s, bastante céntrico, moi novo e cunha bonita decoración “zen”. A nosa habitación tiña unha terraza con vistas a un estanque con peixes. Ademáis tiña wifi libre (cousa que non atopamos dende que paramos, exclusivamente para iso, no Mc Donald de Bayeux). O prezo da habitación foi de 99 € incluído un completísimo almorzo: http://www.hildebrandts-hotel.de/index.php
Aínda que Neumünster non é moi turístico, dimos un paseo pola cidade e despois cenamos unha boa pizza, unha completa ensalada, cervexas e café por menos de 20 euros.
Gastos pagados no día: 179.3 €
Km percorridos no día: 718.0 km
Tempo soleado e bastante calor, aínda que menos que o día anterior
6 DE XULLO: NEUMÜNSTER – BASTAD
Nesta viaxe, a nosa intención era seguir a autoestrada 7/E45 ata Frederikshavn, xa en Dinamarca, e unha vez alí coller o ferry que te deixa xusto en Gotemburgo. Pero aproveitando a wifi do hotel, descubrimos que dito ferry podía estar completo, e ademais, resultábanos máis caro que entrar en Suecia cruzando a Ponte de Öresund, así que escollimos esta segunda opción.
Despois do estupendo almorzo do hotel, saímos dirección Puttgarden, e alí collemos o ferry que nos deixa en apenas media hora en Rødbyhavn, xa en Dinamarca. Tivemos moita sorte, xa que apenas tivemos que esperar cola. Logo duns 160 km por unha boa autoestrada chegamos a Copenhague (København, en danés), e xusto despois cruzamos a famosa Ponte do Öresund.
Ésta ponte une Dinamarca con Suecia por estrada dende que foi inaugurada no ano 2000. Mide 16 km e está composta por unha ponte, un túnel baixo o mar e unha illa artificial no medio. Cruzala costa case 40 euros para turismos, e a área de peaxe está xusto o pisar territorio sueco, preto da cidade de Malmö.
http://gl.wikipedia.org/wiki/Ponte_de_Oresund
Tras abonar o peaxe, seguimos uns poucos quilómetros a autoestrada dirección Gotemburgo e paramos a xantar algo preto dunha estación de servizo, baixo unha intensa tormenta. Suecia é o primeiro país que pisamos nesta viaxe onde non estivemos nunca, polo que todo nos resulta algo máis estraño. Pouco despois de xantar, deixamos a autoestrada e decidimos buscar onde durmir preto de Båstad.
Paramos na pequena poboación costeira de Torekov, e preguntamos no camping desta localidade por canto nos saía unha cabaña para esa noite. A resposta foi de uns 120€ (non me lembro a cifra exacta en coronas), prezo que me pareceu abusivo. Seguimos buscando ata que atopamos un cartel anunciando un Bed & Breakfast no que decidimos preguntar. Nesta bonita casa tiñan habitacións libres por uns 60 euros incluíndo almorzo e cociña, así que non dubidamos en quedarnos: http://www.sjobyggaregarden.se/
Unha vez localizado aloxamento, fixemos un pouco de turismo por esta zona costeira onde abundan as praias coma a da foto. Despois paseamos pola localidade de Båstad, a “capital” da zona, onde se xoga o famoso Torneo de tenis de Båstad.
Voltamos á casa e facemos unha boa cea aproveitando a completísima cociña. Logo descansamos no salón mentres líamos guías de viaxe sobre Escandinavia. Eran as 11 da noite e aínda había algo de claridade, e ó lonxe podíase ver unha espectacular treboada. Eran desas imaxes que nunca se poden esquecer.
Gastos pagados no día: 194 €, 413 SEK (38.96 €)
Km percorridos no día: 467.0 km
Tempo variable, con algunha treboada
7 DE XULLO: BÅSTAD – GOTEMBURGO
Estamos a pouco mais de 170km de Gotemburgo, así que hoxe non toca madrugar en exceso e podemos saborear aínda máis o estupendo almorzo. A nosa intención era chegar á Gotemburgo (Göteborg, en sueco) sobre o mediodía, onde quedaramos en visitar a uns amigos que residen alí. Cando chegamos,os chamamos para que nos dixeran a dirección para introducila no GPS, cousa que fixemos erroneamente, xa que non nos aclaramos coas ø, β, å, ö… letras que non nos resultan nada familiares. Paramos o coche e atopamos a un chileno que, non só nos axuda a introducir a dirección no GPS, senón que se sube ó seu coche e nos di que o sigamos ata alí. Sempre se agradece atoparse con xente tan amable e simpática, pero máis aínda cando estás perdido!
Unha vez localizados ós nosos amigos, nos levan dar unha volta ó redor do precioso lago Slätta damm, e de paso sacamos de paseo a Nina, unha bonita cadela da raza labrador. Despois, invitáronnos a unha riquísima cea sueca, e cuns cantos viños de Rioja e algunhas cervexas danesas, estivemos de charla ata ben entrada a madrugada.
Gastos pagados no día: 650 SEK (61.32 €)
Km percorridos no día: 210.0 km
Tempo bastante bo, aínda que con algo de bochorno. Algunha treboada nocturna.
8 DE XULLO: GOTEMBURGO – ESTOCOLMO
Éste é o primeiro e único día que nos erguimos tarde nesta viaxe, sobre as 12 do mediodía, e estamos algo cansos (por non dicir resacosos). Pese a todo, o día presentase soleado e moi caluroso, e os nosos amigos ofrécense a ensinarnos o centro de Gotemburgo. A cidade ten un centro bastante tranquilo, tendo en conta que ronda o medio millón de habitantes, así que nada de tráfico agobiante nin xente estresada, ademais conta con rúas bastante amplas e bastantes zonas verdes.
O mar está presente en todo Gotemburgo, xa que din que o seu porto é o máis grande de Escandinavia, ademais conta con algún canal (como o da foto) e pódense dar distintos paseos turísticos en barco polo arquipélago.
Como curiosidade poño esta foto da Igrexa do Peixe (Feskekörka, en sueco), chamada así porque, aínda que parece unha igrexa, é en realidade unha lonxa de peixe.
Unha vez visto o centro de Gotemburgo, saímos rumbo Estocolmo sobre as 5 da tarde despois de despedirnos dos nosos amigos, ós que lle estaremos agradecidos eternamente polo aloxamento, comida e por coidarnos tan ben durante a nosa estancia en Gotemburgo: Kersty, Lito e Sofía, un millón de gracias!!!
Sofía reservounos habitación nun hostal (hostel) no centro de Estocolmo, e tiñamos que chegar alí antes das 10 da noite. Fixemos os 470 km ata Estocolmo algo resacosos, e gracias o GPS atopamos o hostal á primeira. O hostal STM Fridhemsplan é moi grande e dispón de aparcamento e wifi libre. A nosa habitación era dobre con baño compartido e, como soe acontecer nestas latitudes, neste tipo de aloxamentos débese levar as propias sábanas (ou alugalas). O prezo da habitación, garaxe e almorzo foi de 88.28 €. http://www.fridhemsplan.se/?p=Main&c=es
Gastos pagados no día: 1280 SEK (120.76 €)
Km percorridos no día: 467.5 km
Tempo bastante bo e con moito bochorno. A partires das 7 da tarde moita choiva
9 DE XULLO: ESTOCOLMO – ÄLVKARLEBY
Non parou de chover en toda a noite, e pola mañá mais do mesmo. O tempo non acompañaba para visitar a cidade, pero as ganas de ver o centro de Estocolmo eran moitas, e se lle engadimos que xusto ese día meus pais facían escala alí mesmo nun cruceiro que estaban a facer polo Báltico, a choiva non ía ser quen de deslucir o día. Deixamos o coche nun aparcamento subterráneo do centro, xa que non levabamos as suficientes moedas para aparcalo na rúa.
Estocolmo está formada por catorce illas, polo que hai auga e pontes por todas partes. Nós decidimos visitar en maior medida a Cidade Vella, o Gamla Stam, empezando polo Palacio Real, lugar onde nos reunimos con meus pais para visitar a cidade, e seguindo pola catedral (Storkyrkan). Para complementar a ruta turística, visitamos o parlamento e o palacio da ópera, xusto ó carón do Gamla Stam.
Para recuperar forzas, xantamos estupendamente (por cantidade, calidade e prezo) no Restaurang Kaffegillet, situado moi preto da catedral, concretamente na rúa Trångsund nº4 onde podedes ser atendidos en castelán por unha muller de orixe chileno. Logo de despedirnos dos meus pais, paseamos de novo polo Gamla Stam, disfrutando das súas rúas estreitas así como o deseño destas casas do casco antigo. Perderse nestas rúas é, para min, o máis recomendable que facer en Estocolmo.
Despois de mercar algo para cear nun pequeno supermercado, saímos da cidade seguindo o noso habitual rumbo cara ó norte. Conducir polas cidades suecas é unha delicia, xa que están moi ben organizadas e apenas teñen tráfico se as comparamos coas nosas, polo que en apenas uns minutos xa nos atopabamos na autoestrada E4.
Tendo en conta que saímos tarde de Estocolmo só nos deu tempo a realizar uns 150 km, ata un camping situado próximo á localidade de Älvkarleby. Alí pasamos a noite baixo unha continua choiva nunha cabaña con baño, cociña e TV, onde vimos nos telexornais suecos as importantes inundacións que todo o surleste de Suecia estaba a sufrir polos continuos chuvascos destes días.
Gastos pagados no día: 1185 SEK (111.8 €)
Km percorridos no día: 174.5 km
Tempo chuvioso durante practicamente todo o día
10 DE XULLO: ÄLVKARLEBY – BYSKE
Non parou de chover en toda a noite, e parece que vai seguir chovendo todo o día, polo que temos as condicións perfectas para dedicar este día a facer un bo número de quilómetros para acercarnos o noso destino ó máximo posible. Polo tanto, saímos de Älvkarleby dirección Gävle, e unha vez alí volveríamos coller a estrada E4, que teríamos que seguir ata case a fronteira con Finlandia. Neste traxecto, a E4 ten tramos de 2, 3 e catro carrís. Os tramos de 3 carrís son moi parecidos ós que se ven nalgunhas estradas de por exemplo Francia ou Alemaña, onde o terceiro carril se vai alternando entre cada sentido para facilitar o adiantamento, non como aquí que só se usan en tramos de pendente ascendente. Algúns tramos de 2 carrís teñen arcéns moi grandes, e os suecos os utilizan para deixarte adiantar aínda que veña un vehículo de fronte (con seguridade, iso si), cousa que se agradece. O que non me gustou en absoluto das estradas suecas son os seus gardarraís, compostos por unha especie de cabos de aceiro trenzados, nada seguros para os motoristas.
Outra cousa que non me gustou das estradas suecas (e de escandinavia en xeral) é a ausencia total de firmes drenantes, polo que as estradas acumulan moita auga cando chove con certa intensidade.
A partir destas latitudes, ademais, hai que ter especial coidado cos alces nas estradas, sobre todo nas zonas indicadas nos sinais e ó iniciar ou rematalo día, xa que poden ocasionar accidentes moi graves, tendo en conta que estes animais poden chegar a pesar ata 450 quilos e medir mais de 2 metros de alto.
Ésta estrada cruza cidades como Sundsvall ou Ornsköldsvik, que están ben organizadas e teñen pouco tráfico, polo que se perde pouco tempo atravesándoas. A E4 discorre tamén pola interesante zona a nivel paisaxístico Costa Alta, Höga Kusten en sueco, patrimonio da humanidade pola Unesco, e resultado da elevación do terreo ó fundirse os glaciares; aínda que a intensísima choiva non nos permitiu ver esa paisaxe.
Xa ben entrada a tarde, a choiva comezou a diminuír, e decidimos parar nun camping que vimos anunciado na estrada en Byske, pouco despois de Skellefteå. O camping, pensado mais que nada a pasar as vacacións en familia na praia, era grande e ben equipado, e tiña acceso directo á praia. Alí pasamos a noite nunha cabaña (a última que quedaba libre) con cociña, televisión e baño por 73 €, que non está mal, tendo en conta que era temporada alta. http://www.skelleftea.se/byskehavsbad/
Gastos pagados no día: 1396 SEK ( 131.7 €)
Km percorridos no día: 650.0 km
Tempo chuvioso todo o día ata a chegada ó camping de Byske
11 DE XULLO: BYSKE – IVALO
Despois de un par de días de chover sen parar, hoxe o día preséntase practicamente despexado e unha temperatura perfecta. Levantámonos cedo para seguir o noso camiño, coa intención de pasar a noite nalgún lugar de Finlandia. Xa a media mañá chegamos á fronteira finesa, e pouco despois xa estabamos a altura de Rovaniemi. A cidade de Rovaniemi non ten nada de especial, salvo o complexo turístico que está xusto por onde pasa o Círculo Polar Ártico.
Aparte de carteis e outros símbolos que indican que estamos xusto no círculo polar (onde a partires de aquí existen días completos de 24 horas, aumentando o número de días completos canto máis ó norte), tamén existen tendas de recordos así coma o Santa Claus Village, a casa de Papa Noel, que nos negamos a visitar.
Unha vez cruzamos o Círculo Polar seguimos pola estrada 4 ou E75, cruzando continuos bosques de coníferas (piceas e piñeiros silvestres), bidueiros e moitos lagos como o da foto, por iso a Finlandia se lle coñece como o pais dos mil lagos.
A estrada apenas ten tráfico. Non hai poboacións durante varios quilómetros. Non se ven mais que bosques de coníferas, bidueiros e algún lago. Na radio do coche pódese escoitar unha emisora rusa. De vez en cando se cruza diante do coche unha manada de renos. Estamos xa na Laponia.
Ésta é unha zona moi aillada, e en inverno a comunicación por estrada é moi difícil. Supoño que por iso a estrada transformábase nunha pista de aterrizaxe de avionetas nalgún tramo, como se pode ver nesta foto
Decidimos parar a durmir en Ivalo, un pouco antes que de costume xa que neste país hai que adiantar no reloxo unha hora máis. A vila non ten ningún interese turístico, pero dispón de servizos de aloxamento, supermercados, gasolineras, etc… para facer escala no camiño. Nesta poboación é habitual atoparse renos polas rúas, a min esta imaxe recórdame á serie Doctor en Alaska, aínda que nese caso era un alce.
Nós pasamos a noite nun camping nunha cabaña con baño, ducha, televisión e ata sauna por 50€ (aquí en Finlandia usan o euro). Antes de durmir, dimos un paseo por Ívalo e o lago próximo ó camping. Aquí xa nunca se fai noite de todo nesta época do ano.
Gastos pagados no día: 112 €
Km percorridos no día: 622.0 km
Tempo soleado e temperaturas moi agradables
12 DE XULLO: IVALO – CABO NORTE
Hoxe erguímonos cedo, xa que estamos a aproximadamente 400km do Cabo Norte, polo que tiñamos pensado chegar hoxe ó noso destino. Saímos de Ivalo dirección Inari e paramos nunha explanada ó carón da estrada para ver o gran lago Inarijärvi, onde nos atopamos a uns viaxeiros de Madrid que ían na súa autocaravana tamén ó Cabo Norte, cos seus tres fillos pequenos, un deles un bebé.
Pouco despois de Inari, collemos a estrada 92 que nos levará ata Karasjok, xa en Noruega. Esta estrada é bastante estreita e está feita sen desmonte ningún, polo que é case todo recto e con moitos cambios de rasante. Pouco antes de Karasjok cruzamos a fronteira Noruega, onde hai dúas cabinas que parecen de peaxe, pero non hai ninguén así que seguimos. Hai que ter coidado porque en certas estradas de Noruega son habituais as peaxes.
Fixemos unha pequena parada en Karasjok, máis que nada para visitar o Parlamento Sami. Os sami son os habitantes orixinarios de toda esta rexión do norte de Escandinavia, a Laponia, que se estende polo norte de Suecia, Noruega e Finlandia e a Península de Kola en Rusia. Antigamente eran nómadas, e vivían da cría de renos, como seguen facendo algúns na actualidade. En Karasjok, ademais do Parlamento existe un museo sami, que non nos resultou moi atractivo.
Dende Karasjok seguimos cara ó norte por unha estrada que pouco a pouco vai gañando en altitude, cruzando unha zona alta onde a única vexetación arbórea existente son salgueiros ananos.
Non moitos quilómetros despois xa nos atopabamos nas beiras do fiordo Porsangen, no Océano Ártico.
A estrada que nos leva cara o norte discorre pola marxe oeste do fiordo, case sempre pegadiña ó mar. É unha estrada bastante estreita e cun firme algo deteriorado. Nesta estrada xa te atopas cun número importante de vehículos con matrículas de distintas nacionalidades, especialmente autocaravanas e bastantes motocicletas, xa que o Cabo Norte é un destino mítico entre os moteros. Seguindo esta estrada, e tras sufrir un “atasco” causado por unha manada de renos nas proximidades de Russenes, chegamos por fin á illa onde se atopa o Cabo Norte: Magerøya. A illa está comunicada co continente cun impresionante túnel baixo o mar. Como o túnel descende moita profundidade ten unha fortísima pendente de baixada (ollo ós freos) e logo de subida. Despois de cruzar o túnel hai que pagar o correspondente peaxe (21 €).
Dende o citado posto de peaxe ata o Cabo Norte hai uns 40 km., aínda que nós decidimos alongar esta distancia para visitar a pequena poboación de Gjesvær, coa escusa de explorar un pouco este preciosísimo entorno. A Illa de Magerøya é un lugar completamente desprovisto de vexetación arbórea, tendo en conta o seu clima extremo. O seu litoral é espectacular, xa que está formado por pequenos fiordos e múltiples cantís que son o hábitat de diversas especies de aves. Non ten máis que tres poboacións: Honningsvåg (a capital), Skarsvåg e Gjesvær.
Despois de contemplar a paisaxe de Gjesvær, decidimos que xa era hora de visitar o noso obxectivo da viaxe: O Cabo Norte, polo que, tras reservar unha cabaña na poboación de Skarsvåg, puxemos rumbo a ese lugar. Conforme nos íamos aproximando ó noso destino non podíamos conter a emoción, que nos foi cortada de súpeto ó ter que abonar na peaxe correspondente os 32€ esixidos por entrar no recinto onde se atopa o complexo turístico do Cabo Norte. Unha vez pagada a peaxe deixamos o coche no aparcamento, repleto de autocaravanas, e nos diriximos ata a famosísima bola do mundo que simboliza este lugar, situado nin mais nin menos que a 71º 10´ 21” N, o punto de Europa máis setentrional accesible por estrada.
Despois das fotos pertinentes xunto a bola do mundo, decidimos visitar o complexo turístico onde hai , entre outras cousas, un bar restaurante, unha tenda de recordos, un miradoiro, unha capilla, etc,… así como un cine onde se pode ver unha película de un cuarto de hora sobre a vida durante todo o ano neste lugar. Nós non perdimos moito tempo no complexo e saímos para gozar das impresionantes vistas do lugar.
Aproveitamos para pasear polos arredores e para facer distintas fotos, considerándonos uns afortunados por estar disfrutando deste lugar, con unhas condicións meteorolóxicas nada comúns por aquí: practicamente despexado, uns 18 grados e sen vento.
Aínda que se considera este punto como o máis setentrional (xa que é accesible por estrada e ademais remata nun impresionante cantil), en realidade está un pouquiño máis ó norte o cabo Knivskjellodden, xusto á carón do Cabo Norte, onde só se pode acceder facendo unha ruta a pe de unhas horas.
Despois de disfrutar deste lugar voltamos á cabaña que reservamos pola tarde en Skarsvåg, onde nos obsequiamos cunha estupenda cea regada cun bo viño de mencía galego, como non podía ser menos. Despois, calzámonos coas nosas botas de monte para andar durante un rato ata o noso punto escollido para ver o sol de medianoite, sitio recomendado por un empregado do camping.
O lugar estaba situado a uns 45 minutos de Skarsvåg andando monte arriba, e as vistas que se tiñan nese lugar, co Cabo Norte ó fondo eran simplemente espectaculares. Estivemos nese lugar entre as 23 horas do día 12 de xullo e a 1 do día 13 de xullo, é dicir, estivemos contemplando o final do día e o inicio de outro, solpor e amencer, sen poñerse o sol polo horizonte. Este momento será inesquecible, axudado ademais, pola ausencia case total de nubes, sen vento, unha agradable temperatura e, o que é para min máis importante, sen presenza humana ó noso redor que poderamos ver, polo que ó único son, aparte da pequena oleaxe do mar, eran as das aves que aniñaban nos cantís próximos. Nesta foto (que é a da cabeceira do meu blog) da conta de todo isto.
Despois de disfrutar de ese par de horas do sol de medianoite, voltamos á Skarsvåg á pasear pola poboación, eran máis da unha da mañá e lucía o sol.
Tras o paseo por Skarsvåg, voltamos á cabaña á durmir (moi boa, 53 €, situada dentro do Cámping Kirkeporten, segundo o seu propietario, é o camping situado máis ó norte de Europa: http://www.kirkeporten.no ). Mañá comezaríamos a viaxe de retorno. Levábamos percorridos exactamente 5.887 quilómetros. Tiñamos que facer polo menos outros tantos de volta. Esperabamos disfrutalos tanto como os de ida.
Gastos pagados no día: 20 € + 1357 NOK (173.2 € en total)
Km percorridos no día: 481.0 km
Tempo soleado e temperaturas moi agradables
13 DE XULLO: CABO NORTE – SKIBOTN
O día volvía estar completamente soleado, e con bastante calor para estas latitudes. Como tiñamos decidido, agora tocaba visitar as famosas Illas Lofoten, dedicando este día para acercarnos o máximo posible a elas, polo que faremos o máximo de quilómetros posible, pero con múltiples paradas para disfrutar da impresionante paisaxe da estrada E6, que percorre gran parte da costa noruega.
Durante 140 km, temos que voltar pola mesma estrada (E 69) ata o cruce coa E6, polo que temos que volver cruzar a Illa de Magerøya, o túnel baixo o mar que a une ó continente, e seguir a estrada E69 ata Russenes, sempre ó carón da fermosa paisaxe do fiordo Porsangen.
Esta estrada é bastante estreita, tortuosa e con numerosos túneles sen iluminar. Dentro dun destes, tivemos que auxiliar a unha parella de moteros alemáns que perderan o equilibrio ó entrar nun túnel debido a humidade da estrada e a ausencia de luz. Só quedou nun susto e seguiron sen problemas.
Pouco despois de Russenes, tomamos nun cruce á dereita a estrada E6 dirección Alta. Esta estrada ata Alta (110 km) é polo xeral bastante boa, ancha e sen apenas curvas para ser unha estrada de Noruega. A partires de Alta serán estreitas, con curvas e un firme regular.
Alta pódese considerar cidade nestas latitudes, xa que supera os 10.000 habitantes. É famosa polas súas pinturas rupestres e por ser un lugar extraordinario para divisar auroras boreais no inverno.
Os case 300 km que separan Alta de Skibotn pola E6 discorren por paisaxes impresionantes coma se pode ver nas seguintes fotos. Recomendo percorrer esta estrada con calma, disfrutando do percorrido.
Xa ben entrada a tarde decidimos buscar unha cabaña en Skibotn. Atopamos no primeiro camping que vimos, o Skibotn Camping NAF, e por uns 50 € nos aloxamos nunha cabaña aceptable, con unhas excelentes vistas ó mar. Pouco despois de chegar ceamos algo (agás unha especie de filloa rechea que mercamos nunha gasolinera próxima, que non a dimos comido ningún dos dous, e iso que eu son bo comedor) e logo paseamos un bo rato pola vila, o seu pequeno porto e, sobre todo, pola beira do fiordo, disfrutando dun fermoso atardecer.
Neste lugar, a mediados de Xullo, aínda non se chega facer de noite de todo.
Gastos pagados no día: 1009.2 NOK (113.9 € en total)
Km percorridos no día: 510.9 km
Tempo soleado e temperaturas moi agradables
14 DE XULLO: SKIBOTN – KABELVÅG
Hoxe madrugamos coa intención de dedicar o día a visitar as Illas Lofoten, polo que saímos de Skibotn rumbo Svolvær, a “capital” das Lofoten. A estrada ata alí está en regular estado, agás un tramo que foi inaugurado fai pouco tempo, con numerosas pontes e túneles, un deles baixo o mar. Pouco despois de pasar Svolvær, decidimos buscar unha cabaña nun camping para pasar a noite, e así dedicar o día a percorrer as illas en coche.
Reservamos a cabaña en Kabelvåg, a pouca distancia de Svolvær, no Orsvågvær Camping, cun precioso entorno.
Despois de deixar as cousas no camping, comezamos a ruta turística polas Lofoten visitando Henningsvær, unha pequena aldea de pescadores enclavada en pequenas illas e unidas por estrada a través de dúas grandes pontes. Un paseo por esta localidade é a mellor maneira de coñecela.
Despois seguimos pola E10, que percorre toda a costa das Lofoten ata Å, onde remata a estrada. A E10 é considerada unha estrada turística, e dispón de múltiples aparcamentos e lugares de interese sinalizados. Percorrer a estrada en si, disfrutando das vistas, xa é un pracer. Nós realizamos múltiples paradas ó longo da mesma, contemplando paisaxes como as que se mostran a continuación.
A estrada remata en Å, unha acolledora aldea de pescadores onde se conservan varias casas tradicionais de madeira, que na actualidade soen utilizarse como aloxamentos para turistas. Å, que se pronuncia como se fose unha “o”, é a última poboación das Lofoten, e atópase xusto en fronte da forte corrente de Moskenes, unha das máis grandes que existen no mundo. A mellor forma de ver Å é dando un paseo.
Despois de disfrutar de Å e do seu entorno, percorremos a E10 de volta outra vez ata o camping, volvendo disfrutar da paisaxe das Lofoten.
Despois de dedicar o día a percorrer as Lofoten, chegamos tarde ó camping, xusto á hora de cear. Alí coñecemos a Xavier, un catalán residente nunha localidade ó norte de Noruega que estaba de vacacións coa súa familia neste lugar “ó sur”, e que nos contou interesantes historias da vida diaria nestes lugares, sobre todo en inverno.
Gastos pagados no día: 1350 NOK (152.4 € en total)
Km percorridos no día: 662.8 km
Tempo soleado e temperaturas moi agradables, con algunhas néboas litorais.
15 DE XULLO: KABELVÅG – JUKKASJÄRVI
Hoxe erguémonos coa intención de ir adiantando camiño de volta. Xa levamos dúas semanas de viaxe e aínda nos queda moito camiño por percorrer. Descartamos voltar pola estrada da costa de Noruega, xa que precisariamos moito tempo (e cartos) e ademais, a iso gustaríanos adicarlle outra viaxe. Polo tanto regresaremos por Suecia, primeiro dirección Kiruna, e despois seguiremos pola estrada E4 ata Dinamarca.
Partimos entón dirección Kiruna pola E10, desandando o percorrido de onte ata Bjerkvik, e pouco antes de Narvik, comezamos a ascender a serra cara ó interior da Península Escandinava. A estrada ata a fronteira con Suecia atravesa unhas fermosas paisaxes de montaña. Neste tramo, pódese ver ademais algún recordatorio da Batalla de Narvik do 1940, e xa preto da fronteira, moitas cabañas de madeira privadas.
Tras pasar o posto fronteirizo, pasamos pola localidade de Abisko, famosa polo ski e o seu parque nacional. O entorno xunto o lago Torneträsk e bastante fermoso.
Uns 100 km despois xa chegabamos a Kiruna, unha das cidades mais importantes destas latitudes, xa que conta con mais de 20.000 habitantes e unha importante industria entorno a extracción de ferro. A poboación en si non ten nada a destacar, o noso xuízo, dende o punta de vista turístico, salvo a súa igrexa de madeira. Aproveitamos o paso por esta localidade para mercar comida nun centro comercial.
Buscamos aloxamento na localidade próxima de Jukkasjärvi, famosa polo coñecido Hotel de Xeo. Alí atopamos unha cabaña dentro dunha propiedade que era como unha especie de camping xunto un lago. A cabaña en si estaba bastante ben e tiña un prezo razoable 550SEK (51€). Despois de cear, paseamos xunto o lago disfrutando da paisaxe.
Esta era a última noite por encima do Círculo Polar Ártico desta viaxe. Nestas latitudes e nestas datas, tampouco se chega facer de noite de todo.
Gastos pagados no día: 1069.5 SEK (100.9 € en total)
Km percorridos no día: 428.0 km
Tempo soleado, con algunhas choivas intermitentes. Temperaturas bastante mais baixas que os últimos días.
16 DE XULLO: JUKKASJÄRVI – ANTJÄRN
Temos por diante dúas xornadas de moitos quilómetros para cruzar toda Suecia de norte á sur. Saímos cedo para aproveitar ben o día de viaxe. Tomamos a E10 dirección Luleå, unha estrada moi recta, en bo estado e sen apenas tráfico, salvo algún insufrible tramo en obras, sen asfalto e sen sinalizar. Parece mentira que nun país como Suecia as obras nestas latitudes non se sinalicen, nin sequera cando se corta un carril (e durante varios quilómetros!).
E como é frecuente nestes lugares, hai que ter coidado con certos usuarios da estrada
Despois de superar a localidade de Malmberget, cruzamos de novo o Círculo Polar Ártico. Neste lugar tamén se indica por onde cruza esta liña imaxinaria, pero non ten nada que ver co que vimos en Rovaniemi hai uns días, xa que aquí non hai ningún complexo turístico.
Antes da localidade de Luleå, tomamos a estrada E4, que vai paralela á costa do Golfo de Botnia, e que xa coñecemos, pois foi a que utilizamos na “subida”. Desta vez, non tivemos tanta choiva como fai uns días neste mesmo percorrido, así que polo menos disfrutamos da paisaxe da Costa Alta que hai a carón da estrada.
Ó chegar á localidade de Härnösand, decidimos buscar unha cabaña para pasar a noite. No camping da localidade xa as tiñan ocupadas, pero moi amablemente, chamaron por teléfono a un camping próximo para ver se tiñan algunha libre.
No Antjärns Camping, situado en Antjärn, a poucos quilómetros de Härnösand, dispoñían dalgunha libre, así que para alí imos. A cabaña era moi boa e barata (425SEK, é dicir, 40€), e o camping excelente e moi ben atendido. Estaba a carón dun pequeno lago, e dispoñía de sauna e de moitas actividades para nenos. Como curiosidade, tiñan un Citroën Mehari coa carrozaría feita en madeira (e andaba!).
http://www.antjarnscamping.com/uk_cmp_index.htm
Ceamos e dimos un paseo polos arredores do camping, unha paisaxe chea de lagos, pinos e piceas.
Gastos pagados no día: 879 SEK (83 €)
Km percorridos no día: 808.6 km
Algunhas choivas durante o día. Temperaturas inferiores a 10ºC pola mañá.
17 DE XULLO: ANTJÄRN – STRÖMSNÄSBRUK
Hoxe volvemos ter por diante outro día de seguir facendo camiño cara ó sur. A verdade é que Suecia é un país moi grande, e atravesalo leva o seu tempo. Volvemos coller a E4, e volvemos pasar por poboacións que xa cruzamos na viaxe de ida: Sundsvall, Uppsala, Estocolmo, Jönköping,… Por sorte, non chove e hai pouco tráfico, incluso na circunvalación de Estocolmo. Xa pola tarde, e tras case 900 km decidimos parar a buscar onde durmir en Strömsnäsbruk, despois de superar a localidade de Jönköping. Atopamos unha cabaña dun particular (estilo a de Jukkasjärvi, preto de Kiruna), moi boa, con cociña, baño, sala, habitación separada, por 500SEK (uns 47€).
En Strömsnäsbruk aproveitamos para facer a compra no noso último día en Suecia nesta viaxe, e de paso, dar un paseo para estirar as pernas despois das tantas horas de coche de hoxe. Para iso, nesta localidade hai un bo paseo xunto o lago.
Gastos pagados no día: 1306 SEK (123.2 €)
Km percorridos no día: 890.8 km
Tempo despexado en xeral e temperaturas agradables. Algunha treboada ó final do día
18 DE XULLO: STRÖMSNÄSBRUK – BERGEN
Despois de dous días de tantas horas no coche, hoxe decidimos seguir o noso camiño de volta con mais calma, intentando non facer moito mais de 500km. Polo que temos pensado parar a durmir nalgún lugar preto de Hamburgo, en Alemaña, para así dirixirnos ó día seguinte ata a Selva Negra, no extremo suroccidental do país, e tomar alí un día de descanso.
Tomamos a E4 e logo a E6 ata cruzar de novo a Ponte do Öresund (e pagar outra vez os 37€ de peaxe), entrando en Dinamarca uns quilómetros ata chegar a Rødbyhavn, onde colleremos de novo o ferry que nos levará ata Puttgarden, en Alemaña (75€). Desta vez, tivemos que esperar unha hora para embarcar.
Xa en Alemaña, e tras pasar Hamburgo, decidimos buscar onde durmir na localidade de Bergen, xa que preto desta poboación podemos visitar o antigo campo de concentración de Bergen – Belsen. Así que, como imos ben de cartos respecto o que tiñamos pensado gastar, decidimos buscar un hotel para durmir, e atopamos o SeminarHotel Schulz, un bo hotel de tres estrelas por 78€ con almorzo e wifi incluido: http://www.seminarhotel-schulz.de/content/unser-haus-seminare.html
Unha vez localizado onde durmir, decidimos buscar o antigo campo de concentración. Como non vimos a sinalización, acabamos entrando nunha base militar próxima, onde moi amablemente nos indicaron onde quedaba o antigo campo de concentración.
Este campo de concentración utilizouse entre os anos 1940 e 1945, e estímanse un número de vítimas superior á 50.000, contabilizando prisioneiros de guerra do exército aliado e xudeus.
O campo organízase en varios túmulos como o que se pode ver nesta fotografía. O conxunto a verdade é que impresiona moito, tendo en conta a cantidade de falecidos neste triste lugar.
Tamén existe un monumento recordando os que morreron neste lugar
Entre os túmulos, atopamos a lápida de Margot e Anne Frank (quen escribiu o seu “Diario de Ana Frank”), que faleceron neste lugar pouco antes de ser liberado o campo de concentración.
De volta a Bergen, aproveitamos a Wifi do Hotel para ver o correo electrónico e reservar unha casa de turismo rural en Francia onde durmir cando pasemos por ese país dentro duns días.
Despois dimos un paseo por Bergen e ceamos nun restaurante unha estupenda comida (por cantidade e calidade) polo módico prezo de 24 € en total
Gastos pagados no día: 395 SEK, 560 DKK e 69 € (181.5 € en total)
Km percorridos no día: 580.9 km
Treboadas pola mañá. Ceo nuboso pola tarde. Temperaturas agradables
19 DE XULLO: BERGEN – TITISEE
Como onte fixemos menos quilómetros que os dous días anteriores, estabamos bastante mais descansados; pero aínda nos quedaban uns 600 km para chegar o noso “lugar de descanso” da viaxe, A Selva Negra.
Case todos os km que temos por diante son por autopistas alemáns, que, como xa teño comentado neste diario, é unha mestura de tráfico intenso, obras e de algún intre rodando a altas velocidades. As veces que conducín por aquí sempre foron así. Pese a todo, chegamos á Friburgo (cidade de “entrada” da Selva Negra) sobre as catro da tarde.
Dentro da Selva Negra, decidimos quedarnos a durmir esta noite e a seguinte na localidade de Titisee. A razón é simplemente sentimental, xa que no camping desta localidade tamén pasaramos dúas noites no noso primeiro viaxe a Alemaña, aló polo ano 2005, e gustounos moito este lugar, no alto da fermosa Selva Negra, e xunto un lago.
Pero desta vez, que viaxamos cunha mellor situación económica, aloxarémonos nun hotel en lugar do camping, e para celebrar o feliz retorno da nosa viaxe acabamos nin mais nin menos que nun hotel de catro estrelas, o Hotel Alemannenhof, a carón do Lago de Titisee. Custa 135 € a noite con almorzo, nunca en ningunha viaxe pagamos tanto por durmir, pero tíñamos ganas de darnos este luxo:
http://www.drubba.com/d/alemannenhof/
Para relaxarnos aínda máis, dimos un bo paseo por Titisee e aproveitamos para cear unha pizza e tomarnos unhas cervexas ata a noite.
Gastos pagados no día: 90€
Km percorridos no día: 683.0 km
Bo tempo, con algunhas nubes. Temperaturas agradables.
20 DE XULLO: TITISEE – TITISEE
Hoxe xornada de descanso, polo que o coche só o usaremos para facer turismo pola Selva Negra, aproveitando para visitar lugares que non vimos na nosa viaxe de fai catro anos. Despois de almorzar (o estupendo almorzo tipo buffet do hotel), dedicámonos a facer algunhas compras, encher o depósito de gasoil, etc… para logo explorar a rexión o resto do día.
Comezamos facendo unha ruta paisaxística circular de Schönau – Müllheim – Staufen – Wieden – Schönau, que merece a pena polos seus fermosos paisaxes rurais do interior da Selva Negra, e a curiosa zona hortícola e vinícola nos arredores de Müllheim e Staufen.
Preto do final desta ruta circular, hai unha estrada que tras uns poucos quilómetros nos deixa preto da cima ó Monte Belchen, de 1413 metros de altitude, no que o tramo final de ascensión se pode facer andando ou en teleférico (a estrada está pechada ó trafico salvo vehículos autorizados). Nos escollemos a opción de camiñar, que falta nos fai despois destes tres últimos días de coche.
O sendeiro é bo e sen demasiada pendente, e en menos dunha hora xa se chega ó cumio do monte Belsen. Hai algunha vaia electrificada para controlar o ganado que non se deben tocar, xa que dan unha descarga considerable, e que puden comprobar eu mesmo.
Xa no cumio, as vistas nun día con visibilidade como este, son estupendas. Ó Norte e o Este, a grande masa montañosa e forestal da Selva Negra, ó Oeste, o Río Rhin e a Alsacia francesa, e ó Sur, Basel (Suíza) cos Alpes ó fondo, e se o día estivese aínda máis claro, poderíase ver ata o Mont Blanc.
A Selva Negra recibe o seu nome pola cor das árbores deste lugar, que son polo xeral piceas (Picea abies), dunha cor verde escura. Segundo teño lido, soen estar danadas pola choiva ácida, moi frecuente en Centroeuropa por mor da contaminación atmosférica. Eu a verdade non vin exemplares danados.
Despois do ascenso ó Belchen, voltamos a Schönau, e dende alí acercámonos ata Schluchsee, preciosísima localidade con bonita arquitectura da Selva Negra, outro dos encantos desta rexión.
Tras a excursión, voltamos de novo a Titisee a descansar un rato, e tomarnos na terraza do hotel unhas cereixas e moras silvestres que acabamos de mercar. Despois, damos un paseo ó redor do lago para rematar de novo en Titisee, para beber unhas cervexas e cear.
En Titisee hai unha gran cantidade de restaurantes, xa que é un lugar bastante turístico. Nós ceamos no restaurante Bergsee, moi recomendable, por calidade da comida, cantidade e bo prezo.
Gastos pagados no día: 82€
Km percorridos no día: 178.5 km
Bo tempo, con algunhas nubes. Temperaturas agradables.
21 DE XULLO: TITISEE – ORADOUR SUR GLANE
Por nos quedariamos un par de días máis neste lugar, pero tiñamos que estar na casa o día 24, así que continuamos ca nosa viaxe de regreso. No hotel de Bergen reservamos por internet unha casa rural nunha aldea preto de Oradour sur Glane, a poucos quilómetros de Limoges (Francia), polo que tiñamos por diante uns 700 km ata alí.
Estes 700 km os fixemos estupendamente, xa que non tivemos apenas tráfico, nin polas estupendas autopistas de peaxe francesas, nin polas súas as veces mediocres estradas nacionais. O único a resaltar son algúns tramos en obras na N-145. O noso percorrido foi: Titisee – Friburgo – Mulhouse – Chalon sur Saône – Montluçon – Limoges – Oradour sur Glane.
Pola tarde chegamos a Oradour sur Glane e nos puxemos a buscar a casa que tiñamos reservada. Pero as indicacións que vimos en internet non se correspondían coa realidade, xa que non atopabamos a casa por ningún lado. Despois de unha hora larga de busca, atopamos por casualidade o lugar: unha preciosa casa a carón dun muíño, todo un conxunto moi ben restaurado.
A casa atópase no lugar de La Fauvette, xusto á carón dereita da estrada D9 saíndo de Oradour dirección Javerdat.
A casa e todo o conxunto son unha marabilla, pero mellor aínda son os seus propietarios (Amanda e Mike), simpáticos e moi amables e atentos. Nada máis chegar invitáronnos a unha cervexa para coñecernos e refrescarnos un pouco da intensa calor que facía, interesándose pola nosa viaxe. Amanda e Mike son ingleses, e acaban de poñer en marcha este fermoso aloxamento fai escasos días, polo que están moi ilusionados. Supoño que terán éxito, xa que as instalacións son moi boas, o prezo é moi razoable (a nos cobráronnos 50 €, almorzo incluído) e a atención dos propietarios é excelente.
Na súa web podedes ver fotos da casa, actividades e tarifas:
http://lemoulindelafauvette.com/12/
Gastos pagados no día: 365.6 € (inclúe as dúas noites no caro hotel de Titisee)
Km percorridos no día: 736.3 km
Día despexado, con moita calor pola tarde. Treboada pola noite.
22 DE XULLO: ORADOUR SUR GLANE – SAN VICENTE DE LA BARQUERA
Despois de almorzar e de despedirnos de Mike, Amanda e familia, decidimos ir visitar a interesante poboación de Oradour sur Glane, que foi construída de novo tras a súa destrución no ano 1944, ó carón do antigo emprazamento.
O 10 de xuño do 1944, a división nazi das SS Das Reich arrasou a cidade queimando no seu interior á toda a poboación, que se negou a abandonar o lugar. No centro da vila hai tamén un monumento de recordo ós 642 mártires deste suceso.
As ruínas da cidade anterior á súa destrución se poden visitar, así como o centro de interpretación, que forman un conxunto. As ruínas están tal cal quedaron no ano 1944, polo que se pode pasear polo interior da mesma vendo os restos das casas, rúas, algún coche, etc…
Tras visitar Oradour sur Glane, tomamos de novo a estrada N-141 dirección Burdeos. Esta estrada discorre por autovía e as veces por estrada convencional, con algún tramo en obras. Mentres non rematen de construír a circunvalación, a estrada cruza La Rochefoucauld, unha poboación que ten un bonito castelo que compre parar a contemplar.
O resto da xornada foi seguir facendo quilómetros a través de autopistas e autovías. Non atopamos apenas tráfico, nin en puntos coma a circunvalación de Burdeos ou o tramo entre Bayona e Donostia, tramos que soen ter bastantes retencións nestas épocas do ano. Tras pasar Donostia decidimos seguir pola A8 en vez de tomar a A1 a Burgos, xa que nos apetecía parar a durmir nalgún punto da costa.
Como acostumamos a facer cando voltamos dunha viaxe por Europa, cando entramos en Euskadi sempre paramos a disfrutar da excelente comida vasca, neste caso na localidade de Zumaia, e así de paso volver contemplar a paisaxe costeira entre Zarautz e Getaria, que tanto nos gusta e recordos nos trae de outros viaxes por estas terras.
Seguimos o noso camiño e decidimos parar a durmir en San Vicente de la Barquera, unha bonita vila da costa cántabra. Escollemos o Hotel Azul de Galimar, de tres estrelas: 85€ con garaxe pero sen almorzo. Aínda que non é barato, o prezo o consideramos normal para ser un bo hotel nun sitio tan turístico no verán como é San Vicente de la Barquera. http://www.hotelazuldegalimar.es/
Para rematar o día, celebramos a nosa última cena da viaxe no Mesón Madrid, no centro da vila.
Gastos pagados no día: 155.3 €
Km percorridos no día: 688.3 km
Día con tempo variable. Algunha treboada nocturna.
23 DE XULLO: SAN VICENTE DE LA BARQUERA – LUGO
Este é o último día desta viaxe e estamos medio tristes, porque non temos ningunha gana de que se acabe. Pero por outro lado estamos contentos polo tanto que disfrutamos do mesmo. Estamos seguros de que imos voltar a algún dos sitios que visitamos nesta viaxe, como soemos facer cando nos gusta moito un lugar (como por exemplo Titisee, que xa estiveramos no 2005).
Almorzamos no centro de San Vicente e damos un paseo pola zona do castelo, como tamén xa fixeramos noutra viaxe. Gústame San Vicente, pero prefiro estar noutra época do ano con menos turistas e veraneantes.
Seguimos a estrada A8 dirección Asturias e paramos en Avilés a comer. Sempre que paso por Asturias, onde tiven a sorte de vivir dous estupendos anos, aproveito para comer un dos meus pratos favoritos: ou a fabada, ou o cachopo. Neste caso decanteime polo cachopo, no Bar Parrillada Vistamar, en Coto Carcedo (concello de Castrillón, moi preto de Avilés).
Xa ben entrada a tarde cruzamos a Ponte dos Santos de Ribadeo. Estamos xa a menos de 100km de Lugo.
Nada mais chegar a Lugo, tomamos uns viños para celebrar a nosa chegada: Estamos contentos polo ben que o pasamos e que todo saíra ben. Non nos importaría volver facer esta mesma viaxe ó día seguinte.
Gastos pagados no día: 136 €
Km percorridos no día: 343.5 km
Bo tempo e temperaturas agradables.
E se facemos os cálculos de toda a viaxe:
Gastos pagados en toda a viaxe: 3094.2 € (1547.1 € cada un)
Km percorridos en total: 12398.6 km
GUIA DA VIAXE
Documentación:
Todos os países polos que pasamos pertencen a Unión Europea salvo Noruega, e neste último caso tamén pertence ó Grupo Schengen, polo que o único requisito de entrada nos países para cidadáns da UE é que leven o seu DNI. De todas formas, non está de máis levar o pasaporte.
Fronteiras:
Nalgúns sitios son inexistentes, coma por exemplo nos países do Benelux. Respecto o resto, o único que poden controlar nalgunhas delas pode ser que non nos pasemos da cantidade de alcohol ou tabaco permitido.
Seguridade persoal:
Todos os países que visitamos son moi seguros, así que a única norma de seguridade a seguir é a do sentido común: non deixar cartos nin obxectos de valor á vista no coche, vixiar a carteira e mochila en aglomeracións, etcétera…
Urxencias sanitarias:
Para axilizar os trámites en caso dunha urxencia sanitaria nestes países, recoméndase levar a Tarxeta Sanitaria Europea, que calquera beneficiario da seguridade social a pode pedir gratuitamente nas oficinas da seguridade social. En moitas oficinas as dan o momento.
Cómpre levar ademais certos medicamentos de uso corrente para a diarrea, estreñimento, paracetamol, alcohol, auga osixenada, …
Comunicacións:
A cobertura de móbiles é moi ampla en toda Europa, aínda que algo inferior nas zonas do norte de Escandinavia mais deshabitadas ou montañosas. Nalgunhas compañías pode ser preciso chamar a atención ó cliente por se hai que activar algo para chamar dende o estranxeiro. Nós levabamos dous móbiles, un de contrato e outro de tarxeta e de dúas compañías distintas, e ó móbil de contrato tivo problemas para chamar nalgúns países. Tamén é recomendable informarse de que compañías teñen tarifas máis baratas nos países para así escoller dende o noso móbil a compañía máis económica (con selección do operador manual).
As veces é recomendable buscar acceso a internet para falar coa familia (e aforrar cartos en chamadas), buscar aloxamento, información turística, etc… Nós levamos un ordenador portátil e atopamos distintas redes wifi polo camiño en hoteis, restaurantes, bares, campings,… En Francia atopamos menos redes wifi que noutros países, pero sempre queda o truco de ir a un Mc Donalds a tomar polo menos un refresco, xa que alí todos teñen wifi gratuíta. Se non levades ordenador, sempre se pode atopar un cíber ou unha biblioteca pública.
Información turística:
En moitas das localidades que visitamos contan con oficinas de turismo onde proporcionan información turística gratuitamente. Nós informámonos antes da viaxe de moitos dos lugares turísticos por medio de guías de viaxe e internet. Ademais, levabamos con nós varias guías de países, algunhas nosas e a maioría prestadas gratuitamente por bibliotecas públicas. As que máis utilizamos foron as guías de El Pais Aguilar e as de Lonely Planet.
Cartos:
Convén levar cartos en metálico e en tarxeta. Os cartos en metálico non se deben gardar todos xuntos, senón en lugares separados, para evitar roubos e perdas. Case todos os países que visitamos usan o euro como moeda, agás Dinamarca (usa coronas danesas DKK), Suecia (coronas suecas SEK) e Noruega (coronas noruegas NOK). Nós levabamos algo de DKK, SEK e NOK en metálico dende aquí, e se non se leva pódese cambiar aló en bancos ou no ferry (nos cambiamos no ferry de Puttgarden os cartos en metálico que nos sobraron á volta), noutros lugares convén vixiar ben a comisión.
Débese levar ademais varias tarxetas, mellor as de crédito que as de débito, xa que estas últimas non as aceptan nalgúns lugares (peaxes de Francia, aparcamentos, etc..). Visa ou Mastercard como tarxetas de crédito e Visa Electron e Maestro como de débito son das máis frecuentes.
Horarios:
Hai que ter en conta que os establecementos destes países sempre pechan antes que aquí, polo que moitas tendas sobre as 5 e media da tarde xa están pechadas. Os restaurantes e bares igual, polo que compre adiantar a hora da comida e da cea. Isto tamén é importante á hora de buscar aloxamento, especialmente en localidades pequenas.
Cómpre destacar que en Finlandia se debe adiantar unha hora máis o reloxo.
Ónde durmir:
En todos os países visitados hai moitas posibilidades de aloxamento en cantidade e calidades, e nos durmimos en moitos tipos distintos salvo o camping, que si temos utilizado moitas veces noutras viaxes.
En Francia escollemos as casas de turismo rural, moi boas por calidade e prezo, xa que inclúen almorzo e as veces dereito a cociña. Na páxina http://www.toprural.com/ pódense atopar e reservar moitas delas. Pero tamén hai moitos camping e hoteis baratos como os da cadea Formule 1. No resto de Europa decantámonos desta vez polos hoteis, onde se atopan moitos e dunha grande variedade de prezos. Tamén son frecuentes os aloxamentos tipo Bed & Breakfast, do estilo onde nos quedamos a primeira noite en Suecia, e bastante recomendables.
Nos países nórdicos todo é máis caro, polo que cómpre apertarse o cinto e non escoller hoteis. Nós utilizamos as numerosas cabañas, que soen estar en campings ou en casas paticulares, moitas delas anunciadas ó carón das estradas co símbolo ou o nome Stuga (Suecia) ou Hytter (Noruega). Nas cabañas tes que levar as túas propias sábanas, e deixar todo recollido e limpo, por iso son tan baratas. Soen ter unha pequena cociña e algunhas baño, ducha ou incluso sauna. Hainas de 2 ata 6 prazas.
Nas poboacións máis grandes hai que ter en conta os aloxamentos tipo albergue, bastante económicos, e os Hostel, tipo hostal moi frecuentado pola xuventude, onde tamén hai que levar as propias sábanas, e os baños e duchas son compartidos. Nós escollemos este tipo de aloxamento para durmir en Estocolmo.
A maior parte das veces non reservamos aloxamento, salvo as casas rurais francesas e o hostel de Estocolmo que reservamos antes para avisar que chegabamos tarde. Se viaxades por libre desta forma aconséllovos non reservar nunca salvo se sabedes fixo que ides durmir alí.
Ónde comer:
Nos países que percorremos existen múltiples opcións en canto ó comer. Respecto ó almorzo, moitos hoteis e aloxamentos tipo Bed & Breakfast xa o inclúen, e ademais moi completo salvo os que busquedes un zume de laranxa natural. As cabañas dos países escandinavos soen ter unha pequena cociña, polo que se pode quentar un pouco de leite e unhas tostadas para facer un bo almorzo.
A hora de comer, hai moitas opcións nestes países, dende restaurantes de luxo ata hamburgueserías. Nós en bastantes ocasións xantamos de bocadillo e latas, por cadrarnos no medio dun traxecto, por aforrar tempo, por aforrar cartos ou por estar nun lugar apartado onde non había outra opción.
Para cear as opcións tamén son moi numerosas. Na maior parte dos países que visitamos cear fora non supón un gasto excesivo sempre e cando busques os lugares axeitados. Así por exemplo, nos fixemos tres ceas abundantes en Alemaña sen superar nunca os 30€. Non se pode dicir o mesmo dos países escandinavos, que son máis caros, especialmente Noruega, onde aconsellamos cear aproveitando as cociñas das cabañas para así aforrar uns cartos, mercando a comida nun supermercado. En Francia recomendamos cear nas abundantes creperías.
O vehículo:
Para realizar unha viaxe tan longa como esta cómpre revisar ben o vehículo antes de saír, sobre todo se conta con moitos anos ou uso. Eu aproveitei para cambiar as rodas dianteiras que xa as tiña bastantes gastadas e poñerlle unha roda de reposto de tamaño normal, por se acaso.
Para rodar polas estradas destes países compre levar o permiso de circulación do vehículo, o recibo do seguro e recoméndase tamén a carta verde do seguro. Non está de máis pedir na compañía de seguros un parte europeo de accidente. Se o vehículo non leva distintivo do estado na placa de matrícula, debe colocar un adhesivo identificativo. Nalgúns países é obrigatorio levar, aparte do que xa o é aquí, un extintor e un botiquín de primeiros auxilios homologado, que se poden mercar nas tendas de accesorios.
Respecto ó combustible se pode atopar en todos estes países gasolina sen chumbo e gasóleo en todos eles sen problemas, iso si, máis caros. En Francia é recomendable repostar en gasolineiras dos centros comerciais, algo moi habitual alí, xa que o aforro respecto as estacións de servizo das autopistas é considerable. No Norte de Escandinavia convén non apurar moito o depósito, xa que pode haber bastante distancia entre estacións de servizo. Ningunha das gasolineiras onde repostamos tiñan servizo atendido, como é común nestes países, e incluso as hai sen personal en caixa, polo que se debe de pagar coa tarxeta de crédito no mesmo surtidor (nós tratábamos de non usar este tipo de estacións). Os prezos varían tamén entre as estacións de servizo do mesmo país, pero para facer unha comparación entre países, cito o prezo por litro de gasóleo dalgunhas estacións de servizo que atopamos polo camiño:
· Euskadi: 0.945 €/l
· Francia (nunha autopista): 1.16 €/l
· Alemaña: 1.029 €/l
· Suecia: 11.04 SEK/l = 1.042 €/l
· Finlandia: 1.009 €/l
· Noruega: 11.13 NOK/l = 1.256 €/l
Conducir:
O primeiro é facerse cun bo mapa de estradas. Co obxectivo de non andar con varios mapas, utilizamos o mapa de Europa de Michelín, que xa o temos utilizado noutras viaxes e estamos acostumados a el. As veces resulta interesante ter algún máis dunha zona en concreto cunha escala máis detallada; nós para elo usábamos os mapas das guías. Aparte tiñamos un G.P.S. con mapa de Europa de Viamichelín, sen actualizar dende o 2006, e sen incluír Bélxica e Holanda. Aínda que non é infalible, si serve de gran axuda.
En Francia son moi frecuentes as autopistas de peaxe, moi boas pero caras. O límite máximo nelas é de 130 km/h pero con humidade baixa ata 110 km/h. Hai bastantes radares, uns sinalizados e outros non. Os condutores soen cumprir escrupulosamente cos límites de velocidade.
En Bélxica e Holanda as autopistas son moi numerosas e todas gratuítas. Están limitadas a 120km/h. Soen ter moito tráfico, xa que son zonas moi poboadas.
En Alemaña cómpre destacar que non hai límite de velocidade nalgúns tramos dalgunhas autopistas (todas gratuítas). Aínda así, as veces non é recomendable correr moito nestes tramos se hai mal tempo ou moito tráfico. Hai moitos tramos en obras. Están recomendadas as luces de cruce durante ó día, pero non son obrigatorias.
Nos países escandinavos os límites de velocidade son bastante estritos. Poucos son os tramos de autopista onde permitan circular a 120 km/h. Ademais, é necesario cumprir ó 100% coas normas de circulación, xa que as multas son carísimas, así que se vedes un límite de 60, é de 60, nin máis nin menos. Os radares son moi frecuentes, e moitos deles están sinalizados. Hai algunhas estradas que están en regular estado, sobre todo as das zonas menos poboadas, xa que teñen o firme deteriorado polas quitaneves. Hai que ter moitísimo coidado cos alces (atropelar un alce soe ser mortal, debido ó seu tamaño), e presentes en calquera lugar (excepto Dinamarca), e os renos, máis pequenos pero máis numerosos cos alces, e só nas rexións do norte. Salvo casos excepcionais, como pontes moi longas, non hai que pagar peaxes, agás en Noruega, onde hai peaxes ata para entrar en varias poboacións. En todos os países escandinavos é obrigatorio as luces de cruce todo o día, así que coidado con non acendelas ó empezar andar (aconsello pegar algo no coche para non esquecerse), e coidado con non apagalas ó parar, se non queredes quedar sen batería.
Aparcar:
Para aparcar nas cidades hai dúas opcións: Ou buscar un aparcamento subterráneo (máis cómodo, seguro e caro), ou buscar unha zona de aparcamento público na rúa. Neste último caso, buscar onde aparcar soe ser difícil, perdendo ás veces moito tempo en buscar un sitio libre. Cómpre, ademais, levar cartos soltos para os parquímetros, e controlar o seu límite de tempo. Nalgunhas poboacións dos países nórdicos hai que comprar un disco nun estanco que indica ó tempo de estacionamento.
DESGLOSE DE GASTOS PAGADOS POR DÍA
2 de Xullo: Lugo – Saint Yzans de Médoc
Peaxes: 22.1 €
Comida: 27.2 €
Gasoil: 35 €
Total: 84.3 €
3 de Xullo: Saint Yzans de Médoc – Bricqueville
Ferry a Royan: 28.5 €
Peaxes: 14.7 €
Comida: 8.8 €
Gasoil: 55 €
Aloxamento en Saint Yzans: 57 €
Total: 164 €
4 de Xullo: Bricqueville – Bruxas
Peaxes: 16.5 €
Comida: 14.7 €
Gasoil: 33 €
Aloxamento en Bricqueville: 50 €
Cea: 25 €
Total: 139.2 €
5 de Xullo: Bruxas – Neümunster
Aparcamento: 7.3 €
Gasoil: 32 €
Aloxamento en Bruxas: 120 €
Cea: 20 €
Total: 179.3 €
6 de Xullo: Neümunster – Båstad
Gasoil: 31 €
Aloxamento en Neümunster: 99 €
Ferry: 64 €
Peaxe Ponte Öresund: 395 SEK
Comida: 18 SEK
Total: 194 € + 413 SEK
7 de Xullo: Båstad – Gotemburgo
Aloxamento en Båstad: 650 SEK
Total: 650 SEK
8 de Xullo: Gotemburgo – Estocolmo
Gasoil: 300 SEK
Aloxamento en Estocolmo: 870 SEK
Comida: 110 SEK
Total: 1280 SEK
9 de Xullo: Estocolmo – Älvkarleby
Gasoil: 370 SEK
Aloxamento en Älvkarleby: 510 SEK
Comida: 85 SEK
Aparcamento: 195 SEK
Café: 25 SEK
Total: 1185 SEK
10 de Xullo: Älvkarleby – Byske
Gasoil: 360 SEK
Aloxamento en Byske: 800 SEK
Comida: 186 SEK
Almorzo: 50 SEK
Total: 1396 SEK
11 de Xullo: Byske – Ivalo
Gasoil: 30 €
Aloxamento en Ivalo: 50 €
Comida: 22 €
Recordos: 10 €
Total: 112 €
12 de Xullo: Ivalo – Cabo Norte
Gasoil: 20 €
Aloxamento en Skarsvåg: 485 NOK
Peaxe Illa Magerøya: 192 NOK
Peaxe entrada ó complexo Cabo Norte: 280 NOK
Recordos: 400 NOK
Total: 20 € + 1357 NOK
13 de Xullo: Cabo Norte – Skibotn
Gasoil: 260.2 NOK
Aloxamento en Skibotn: 450 NOK
Peaxe Illa Magerøya: 192 NOK
Comida: 107 NOK
Total: 1009.2 NOK
14 de Xullo: Skibotn – Kabelvåg
Gasoil: 330 + 300 NOK
Aloxamento en Kabelvåg: 460 NOK
Recordos: 110 NOK
Comida: 150 NOK
Total: 1350 NOK
15 de Xullo: Kabelvåg – Jukkasjärvi
Gasoil: 290 SEK
Aloxamento en Jukkasjärvi: 550 SEK
Comida: 229.5 SEK
Total: 1069.5 SEK
16 de Xullo: Jukkasjärvi – Antjärn
Gasoil: 410 SEK
Aloxamento en Antjärn: 425 SEK
Comida: 44 SEK
Total: 879 SEK
17 de Xullo: Antjärn – Strömsnäsbruk
Gasoil: 518 SEK
Aloxamento en Strömsnäsbruk: 500 SEK
Comida: 288 SEK
Total: 1306 SEK
18 de Xullo: Strömsnäsbruk – Bergen
Gasoil: 45 €
Ferry: 560 DKK
Peaxe Ponte Öresund: 395 SEK
Cea: 24 €
Total: 395 SEK + 560 DKK + 69 €
19 de Xullo: Bergen – Titisee
Aloxamento en Bergen: 78 €
Cea: 12 €
Total: 90 €
20 de Xullo: Titisee – Titisee
Gasoil: 35 €
Comida: 17 €
Cea: 30 €
Total: 82 €
21 de Xullo: Titisee – Oradour Sur Glane
Gasoil: 52.8 €
Peaxes: 14.8 €
Aloxamento en Titisee: 270 €
Comida: 28 €
Total: 365.6 €
22 de Xullo: Oradour Sur Glane – San Vicente de la Barquera
Gasoil: 40 €
Peaxes: 15.3 €
Aloxamento en Oradour: 50 €
Comida: 8 €
Cea: 42 €
Total: 155.3 €
23 de Xullo: San Vicente de la Barquera – Lugo
Gasoil: 25 €
Aloxamento en San Vicente: 85 €
Comida: 23 €
Almorzo: 3 €
Total: 136 €
TOTAL: 1790 € + 8573.5 SEK + 3716.2 NOK + 560 DKK
A 25/7/2009 o cambio de SEK, NOK e DKK a € era o seguinte:
Por 1 €:
· 10.5995 SEK
· 8.8600 NOK
· 7.4447 DKK
Polo que o gasto total foi de 3094.2 € (1547.1 € cada un)
FIN
Se desexades mais información, podedes escribir a cabonorte2009@hotmail.es