Guía práctica dunha viaxe de Toronto a Vancouver no mítico tren Transcanadiense.
PORQUE EN TREN?
Todos sabemos que facer unha viaxe de máis de 4000km en tren non é a forma máis económica e aínda moito menos a máis rápida de desprazarse. De feito, entre as cidades de Toronto e Vancouver hai varios voos diarios que duran unhas tres horas e media e costan menos de 400€. Así que, se chegaches ate aquí, xa dou por feito que non só queres desprazarte entre estas dúas cidades, senón que ademais andas a buscar a esencia dunha viaxe mítica.
Sempre me gustou viaxar en tren, e quedeime especialmente enganchado a este medio de transporte fai un ano cando fixen un Interrail por Europa (e que compartín aquí en forma de diario de viaxe e consellos); así que o seguinte paso era facer unha longa viaxe de varios días (concretamente catro días), gozando do movemento dos vagóns, o tempo de lecer na cabina, o encontro con outros viaxeiros, as paradas no medio da nada e, sobre todo, ver como cambia a paisaxe ao longo dos días.
A NOSA VIAXE
Despois de estar uns días en Toronto, e tras facer unha parada previa nos Azores, a nosa idea da viaxe era cruzar Canadá ate a costa Oeste, para estar alí un par de semanas coñecendo a zona de Vancouver e Illa Vancouver e o estado de Washington nos Estados Unidos. Ademais, antes de chegar á costa Oeste, queríamos deternos ao menos unha semana nas Montañas Rocosas de Canadá, para gozar das paisaxes dos seus Parques Nacionais. E así fixemos ao final, complementando todo esto co Transcanadiense como conto nesta entrada.
UNS MOCHILEROS EN PRIMEIRA CLASE…É POSIBLE?
Ao día seguinte de chegar a Toronto, e aínda sen ter claro como cruzar o país, decidimos botarlle unha ollada á web da compañía de trens canadiense (Viarail) para ver o custe do billete… pero a decepción foi enorme, xa que non baixaba dos 2000€ persoa.
Xa coa ollada posta na opción de cruzar Canadá en avión ou autobús (nos coñecidos Greyhound) que nos permitían facer o mesmo desprazamento por uns 400€, gracias ao seu insomnio a miña parella atopou esta páxina de ofertas para o billete do Transcanadiense, que permite facer o mesmo traxecto, e nunhas datas concretas, por un precio moi inferior ao habitual (no noso caso, 525€ persoa). Grazas a isto foi como nós, dous mochileros que viaxan por libre, fixemos a viaxe neste tren.
O TREN TRANSCANADIENSE
O Transcanadiense sae da Union Station de Toronto as 22h os martes e sábados con destino Vancouver, a onde chegará tras algo máis de catro días e case 4500km. Para o que non esté disposto a facer todo ese traxecto dunha vez, tamén se pode parar nas cidades de Winnipeg e/ou Jasper e estar alí uns días. Esta última opción foi a que escollimos nós, xa que fixemos escala en Jasper unha semana para ver as Rocosas Canadienses.
AS CLASES: SLEEPER PLUS OU ECONOMY?
No Transcanadiense hai dous tipos de clases ben diferenciadas. Por un lado a Sleeper Class, que ven a ser coma a primeira clase, e conta con cabinas privadas dobres ou individuais, pensión completa, e acceso ao vagón panorámico e distintas actividades como charlas de información turística ou cata de viños.
Por outro lado está a Economy Class, onde o viaxeiro vai en butaca reclinable e sen comidas incluídas. A diferenza de precio entre elas é considerable, sendo a Sleeper Class tan cara que só é recomendable se temos a sorte de atopar unha boa oferta.
A VIAXE EN SLEEPER CLASS
Gracias á sorte que tivemos de atopar un billete en esta clase a prezo tan asequible, gozamos de viaxar en tren desde Toronto á Jasper coma nunca o fixemos. O billete incluíanos una cabina individual para cada un, cousa que preferimos mellor que unha soa dobre, xa que así temos máis espazo. A cabina está ben equipada, xa que conta cun retrete, un pequeno lavabo plegable, luces, enchufes, ventilación e un asiento. Neste vídeo podedes ver como son estas cabinas.
Se tiramos dunha palanca que hai nun dos laterais, xa temos unha boa cama para durmir. O único malo de ter a cama desplegada é que nos impide usar o retrete, pero é que en tan pouco espazo non se poden pedir milagros. Neste vídeo os ensino como é a cabina coa cama desplegada.
O equipamento da cabina compleméntanse cunha bolsa (a podedes ver nos vídeos colgada ao carón da fiestra) con toallas, champú, xel e pastillas de xabrón. Hai duchas en cada vagón que son de uso común.
Viaxar en Sleeper Class inclúe tres comidas diarias: almorzo, xantar e cea. Como non hai espazo no vagón restaurante para todos, para cada unha delas chaman en turnos que se escollen previamente. Eu recomendo sempre o último turno, porque é o que máis se semella ao noso horario peninsular e ademáis non te apuran tanto para dar paso ao turno seguinte.
Na comida danche a escoller entre tres primeiros, tres segundos e sobremesa, e se pode considerar decente tendo en conta como se come por Norteamérica. O único malo é que ben podía vir incluido bebidas alcólicas lixeiras como unha cervexa ou un vaso de viño.
Outra vantaxe do Sleeper Class é a disponibilidade do vagón panorámico, que se agradece non só polas vistas, senon tamén polas actividades que se organizan nel como información turística ou cata de viños e cervezas.
A VIAXE EN ECONOMY CLASS
Moi ao noso pesar, non atopamos oferta na clase Sleeper Class para a nosa viaxe entre Jasper e Vancouver, polo que este traxecto tivemos que facelo en Economy Class (no noso caso,106€ persoa). Aquí en vez de cabina privada e pensión completa a viaxe se fai nunha butaca abatible (eso si, bastante cómoda) e tes que levar a tua propia comida ou xantar pagando no vagón restaurante.
Como o traxecto entre Jasper e Vancouver dura algo menos dun día ao final só pasamos unha noite nesta clase e a verdade é que durmimos bastante ben xa que os canadienses son bastante respetuosos e non houbo apenas ruido en todo o vagón durante a noite.
VIDA A BORDO DO TRANSCANADIENSE
Non hai nada que máis me guste que viaxar amodo e sen presas. E isto se cumple a bordo deste tren. Sen madrugar moito se escollemos o último turno do almorzo, e despois dun bo descanso (o movemento do tren a min axúdame durmir) a mañá vai pasando entre contemplar a paisaxe no vagón panorámico e ler un libro na cabina.
Ao mediodía volta outra vez ao vagón restaurante a compartir o xantar con outros pasaxeiros (sentan catro pasaxeiros por mesa, e é común que os vaian variando cada vez), cousa que é fantástica para relacionarse con outros viaxeiros. O resto do día vai pasando entre máis lectura, ver a paisaxe e as diferentes actividades no vagón panorámico, onde ademais podemos tomarnos un café, froita ou unhas galletas.
Así van pasando os días a bordo, con descanso, lectura, coñecendo xente e todo mentres ves como a paisaxe vai cambiando da taiga de coníferas ás pradeiras do centro do país, continuando coas Montañas Rocosas e rematando co bosque húmido do Pacífico. Se por min fose, sen dúbida non me importaría que a viaxe durase uns días máis tendo en conta o que gosto de viaxar así, sinceramente o único que botei en falla foi algunha paradiña durante o traxecto, xa que a única vez que pudimos baixar do tren durante un tempo suficiente para turistear un pouco foi na cidade de Winnipeg.
UNHA VIAXE ÚNICA…PARA OS AMANTES DO TREN
Está claro que se che chegaches ate este blog é porque gozas de viaxar en tren. Neste caso, estou convencido de que ésta será para ti unha experiencia única. Sen dúbida algunha, recomendo que escollas a Sleeper Class…sempre que atopes unha boa oferta, así que paciencia… e moita sorte!!
Isto é todo! E xa sabedes que como é habitual neste blog, se tedes algunha dúbida, queredes deixar aquí algún consello máis, ou simplemente queredes comentar ou compartir unha experiencia vosa similar, non dubidedes en poñer un comentario.