Diario de viaxe de 49 días por Europa en caravana
Si prefieres leer esta entrada en castellano pincha aquí
Xa levamos uns cantos anos facendo viaxes en coche por Europa. A novidade, esta vez, é que decidimos comprar unha caravana, co obxectivo de non ter que depender dos aloxamentos en tempada alta, aforrar costes e, sobre todo, facer a viaxe máis levadeira para o noso fillo Xaquín, que xa ten catro anos. Comparto aquí como foi esta viaxe, a nosa primeira vez en caravana, por varios países europeos; indicando tamén, como é de costume neste blog, diversos consellos e o gasto da viaxe.
Os primeiros días: De Galiza a Girona
Saímos de Galiza sen caravana, xa que a tiñamos encargada desde hai uns meses no concesionario de Girona Ormar Caravan. Por esa razón, levabamos o coche cargado ate os topes de todo o necesario para todos os días que nos quedaban por diante: roupa, sábanas, material de cociña, as bicicletas, mesas e cadeiras de cámping,… Decidimos facer esta primeira etapa en tres días, para que non se lle fixese moi pesado a Xaquín, parando por exemplo en Zaragoza e Girona .
O contacto coa caravana.
Xa en Girona, quedamos co encargado do concesionario da caravana á primeira hora da mañá, para que nos explicase ben como era o funcionamento da mesma. Nós, aínda que si tiñamos algo de experiencia alugando autocaravanas, esta era o noso primeiro contacto co mundo da caravana, polo que pensamos que era bo dedicarlle tempo a coñecer ben o seu funcionamento.
A verdade é que, salvo o que é o enganche o vehículo, o funcionamento xeral pareceunos moi parecido. O máis complicado veu despois, cando comenzamos a circular coa caravana pola estrada, xa que a conducción é completamente diferente. De todos os xeitos, este primeiro día, escollimos un cámping preto en Sant Pere Pescador, para non andar moitos quilómetros e irnos acostumando a ela pouco a pouco. De paso, aproveitamos para coñecer un pouco o Parc Naturalde l’Emporda.
Os primeiros quilómetros en Francia.
Despois dun par de días en Sant Pere Pescador, saímos cara Francia co obxectivo de facer quilómetros ao Norte. A primeira parada foi Gallargues-le-Montueux, un pobo moi tranquilo rodeado de campos de lavanda. Este primeiro traxecto longo coa caravana leveino bastante ben, aínda que había moito vento na A9 entre Narbona e Montpelier.
Ao día seguinte chegamos ate un cámping preto de Vienne, non moi lonxe de Lyon. Aquí, escollimos estar dúas noites, para ver ben sobre todo as ruinas romanas de Vienne.
Continuando en Francia, e tras facer unha parada no lugar de Ranchot, pasamos uns días na Alsacia, moi preto da fronteira con Alemaña, Desde aquí fixemos unha excursión a Basilia (Suíza) e outra a Mulhouse (para ver o museo do ferrocarril e o automóbil).
Alemaña: á beira dos ríos Neckar e Rhin.
Deixamos a Alsacia francesa e seguimos cara Alemaña ate a fermosa localidade de Neckargemünd, onde nos quedamos nun cámping ao carón do Río Neckar.
Aquí, aproveitamos para coñecer Heidelberg, cidade onde nunca paramos noutras viaxes.
Despois, continuamos máis ao Norte ate Braubach, onde chegamos a outro cámping tamén á beira dun río, neste caso o Rhin.
Neste fermoso lugar, pasamos 5 días visitando moitos lugares ao carón dos ríos Rhin e Mosela (Bacharach, Coblenza, Cochem, Ehremburg,…). A verdade é que estos lugares pagan ben a pena para pasar uns días, ainda que sexa en medio dunha forte onda de calor coma foi no noso caso.
Alemaña: Parque Nacional de Eifel.
De lugares á beira do río, onde facía moita calor neses días, cambiamos cara á montaña, concretamente no Parque Nacional de Eifel. É un bo sitio para fuxir das altas temperaturas ao estar máis ao Norte e ter maís altitude e bosques. Ademais, non é un lugar con demasiada saturación turística. Aquí, aproveitamos para dar algún paseo polo parque nacional, ver as paisaxes , así como coñecer o Ordensburg Vogelsang, un edificio que foi construído polos nazis como lugar de adestramento militar.
Holanda: Utrecht e Zelandia
Tiñamos moitas ganas de chegar a Holanda. Primeiro, por ser un país de gran tradición no uso da caravana. Segundo, por ser tamén ben coñecido pola súa infraestructura ciclista. Decidimos estar uns días en Utrecht, xa que queda bastante céntrico e nos permite ir a lugares bastante preto como Amsterdam, que a percorrimos en bicicleta.
Despois de Utrecht, escollimos cambiar a un lugar na costa, concretamente en Zelandia, nun cámping moi tranquilo preto de Tholen. Nesta zona, gozamos das fermosas praias do Atlántico, aínda que non vimos ningunha das frecuentes focas que visitan a zona.
Tamén aproveitamos para ver o Watersnood Museum e coñecer toda a infraestructura de diques que teñen para manter gran parte do País baixo o nivel do mar, así como protexelo dos fortes temporais do inverno. A verdade é que pasar estes días en Holanda coas bicis e a caravana foi un auténtico placer.
Bélxica.
Non estivemos demasiados días en Bélxica, só o suficiente para ver tres lugares que tiñamos gañas de coñecer e que nunca estiveramos antes. Primeiro, o Autoworld de Bruselas, dada a nosa afición ao mundo do motor. Despois, o Fort Breendonk, un forte usado como campo de prisioneiros polo exército alemán durante a Segunda Guerra Mundial.
Por último, a cidade de Malinas, unha das cidades turísticas belgas que nos quedaba por ver despois de Bruxas, Gante e Bruselas.
O Norte de Francia.
A pouca distancia da fronteira belga, a nosa primeira parada de volta en Francia foi a localidade de Péronne. Aquí estivemos tres días, para visitar unha ampla zona do Somme, de moita importancia histórica debido aos combates que se desonvolveron aquí durante a primeira Guerra Mundial. Neste lugar se poden visitar restos de trincheiras, cráteres de bombas,… así coma tamén museos, coma o Historial da Grande Guerra de Péronne ou o Museo somme 1916 de Albert.
Ademais, preto está a cidade de Amiens, onde é obrigatorio visitar a súa catedral gótica.
En somme, tamén é unha boa opción subir ao tren turístico Petit Train de la Haute Somme, ás veces con locomotora de vapor.
Algo máis ao Sur, fixemos unha parada para ver outra fermosa cidade, tamén con unha catedral gótica: Rouen.
A Bretaña.
Para nós, a Bretaña é como estar na casa. Xa a temos visitado en moitas ocasións e penso que a coñecemos bastante ben. Gústanos moito a súa gastronomía (galettes, crepes, kouign-amann,…), as praias, os megalitos,… Por iso, decidimos parar aquí uns cantos días, gran parte deles baixo unha forte onda de calor, Aproveitamos para visitar algúns lugares (moitos deles xa coñecíamos de antes) como Sant Malo, Mont Saint Michel, Dinan, Combourg…ou as súas praias, onde se pode ver a simple vista subir e baixar a marea.
De camiño ao Sur.
Continuando por Francia cara o Sur fixemos dúas paradas: a primeira, preto de Niort, para coñecer o fermoso Parque Natural du Marais Poitevin, todo un descobremento nesta zona.
A segunda, nas Landas, para pasar uns días nas interminables praias do Atlántico, rodeada de inmensos pinares.
A volta a casa.
Nos últimos días da viaxe, fixemos catro paradas co obxectivo de facer máis escalonada a volta a casa. A primeira parada foi en Sumbilla, onde vimos as covas próximas de Zugarramundi e Urdax.
As seguintes foron as tres en Asturies: Colombres, Candás e Castropol, todos fermosos lugares preto da costa.
Tras unha volta relaxada e escalonada, rematamos a viaxe despois de 49 días en caravana, máis outros tres para ir a buscala ate Girona. En total 52 días,nos que fixemos 7511.5km en coche e 436 en bicicleta, que foron unha experiencia completamente nova para nós, e da que gozamos máis do que esperabamos.
Gastos.
Total gastos da viaxe, incluíndo absolutamente todo (cámpings, gasolina, peaxes, comidas, cafés, bebidas, supermercados,….) en 52 días (tendo en conta os 3 días de viaxe a maiores para ir ate Girona a pola caravana) para 2 adultos e un neno de 4 anos: 6109.73 €, unha media de 117.5 € por día.
Ate aquí o diario da viaxe do noso primeiro contacto coa caravana. Espero que vos gustase e, como é habitual neste blogue, se tendes algunha dúbida ou se queredes deixar algún consello máis, non dubidedes en escribir un comentario.