Archivo de la categoría: en galego

O ENTROIDO DO OSO DE SALCEDO

Guía para visitar un dos entroidos máis orixinais da nosa terra

oso de salcedo, salcedo, pobra de brollón, entroido
O Oso e os seus criados

En que consiste o Entroido do Oso de Salcedo?

O entroido da aldea de Salcedo, situado no Concello de Pobra do Brollón (Lugo), é sen dúbida un dos máis orixinais da Galiza. Non ten nada que ver cos entroidos que estamos acostumados a ver por aquí, aínda que si os hai similares en lugares tan lonxanos como nos Alpes, Romanía ou mesmo no Xapón.

salcedo
Localización de Salcedo na Galiza
salcedo
Salcedo pertence a Pobra do Brollón, moi preto de Monforte de Lemos

Consiste na representación dun oso, que percorre as rúas de Salcedo manchando aos veciños (e visitantes) con auga misturada con cinza. Tanto ten que tentemos fuxir do oso; se ve que non Seguir leyendo O ENTROIDO DO OSO DE SALCEDO

RUTA TURÍSTICA POLO CONCELLO DE LALÍN

Un percorrido polo mellor do Concello de Lalín

Porco, Lalín, Cocido

Cando falamos de Lalín, o primeiro que pensamos é na Feira do Cocido e na súa gran calidade gastronómica. E Lalín é moito máis ca iso; xa que sen sair dos límites deste concello do centro do país, podemos pasar uns días visitando interesantes museos, ollando paisaxes que namoran, facendo rutas de sendeirismo e, como non, probando a súa fantástica comida local.

Monumento a Loriga, na Vila de Lalín
Monumento a Loriga, na Vila de Lalín

A VILA DE LALÍN

Para comezar a nosa ruta turística pola Vila de Lalín, o mellor é situarnos no vangardista e pintoresco  Concello. Esta famosa obra dos arquitectos Mansilla e Tuñón, coñecida como O Castro Tecnolóxico, ten un deseño que non Seguir leyendo RUTA TURÍSTICA POLO CONCELLO DE LALÍN

OS PETRÓGLIFOS DE MOGOR

Visita aos petróglifos de Mogor

petroglifo, petróglifo, labirinto, mogor

Moi preto de Marín, na parroquia de Mogor, temos uns dos gravados rupestres máis interesantes da Galiza.

Laxe dos Mouros, Petróglifos de Mogor
Laxe dos Mouros, Petróglifos de Mogor

Trátase de tres conxuntos de grupos de petróglifos ben diferenciados, onde destacan sobre todo os labirintos e cazoletas. O conxunto encóntrase nun bo estado de conservación e conta cun centro de interpretación no lugar.

Situación dos Petróglifos de Mogor
Situación dos Petróglifos de Mogor

Chegar aos petróglifos é moi doado. Pouco despois de pasar Marín pola estrada en dirección a Bueu, veremos un Seguir leyendo OS PETRÓGLIFOS DE MOGOR

AUGAS SANTAS: ENTRE A HISTORIA E A LENDA

A Lenda de Santa Mariña, e pegadas castrexas, romanas e medievais, a pouca distancia de Allariz

Augas santas, allariz, santa mariña, lendas, galiza, galicia, ourense
A Pía de Santa Mariña e, ao fondo, o antiguo castro do Outeiro dos Pendóns

Poucos lugares hai onde a historia e a lenda sexan tan sorprendentes como en Augas Santas. Quen chega ate aquí, ven sen dúbida buscando algo único. A quen lle guste a historia, vai gozar dunha serie de impresionantes restos da cultura castrexa, romana e medieval, que non son nada comúns. Por outro lado, os amantes das lendas, xa sexan paganas ou cristiáns, van ter neste lugar unha boa fonte para a súa imaxinación, porque non hai pedra, árbore, fonte,…que non teña un significado en toda esta parroquia.

sendeiro, augas santas, allariz, ourense, galiza
Sendeiro pola ruta arqueolóxica de Augas Santas

A maior parte dos visitantes chegan á aldea de Santa Mariña de Augas Santas desde Allariz, que é ao concello ao que pertence, e se encontra a só 6 kilómetros do seu centro.

Santa Mariña, allariz, augas santas
Santa Mariña de Augas Santas está a uns 6 km de Allariz, pola estrada OU-0101

Esta aldea xa, por si soa, hai que dedicarlle un tempo para dar un paseo por ela. Declarado Conxunto Histórico – Artístico, conta con moitas casas tradicionais ben conservadas e nun bo estado en xeral. Ten, ademais, algún artesán nas súas rúas. A igrexa de Santa Mariña, románica do século XII con engadidos do XVIII, destaca sobre o Seguir leyendo AUGAS SANTAS: ENTRE A HISTORIA E A LENDA

VISITA AO POZO DA FERIDA E O SOUTO DA RETORTA

Guía para coñecer unhas das xoias paixasísticas do concello de Viveiro e da Mariña Lucense

pozo da ferida, viveiro, galiza, lugo
Pozo da Ferida

O concello de Viveiro é ben coñecido sobre todo polo seu casco antigo, coa famosa Porta de Carlos V, e as súas praias, que atraen a moitos turistas cada ano. Pero tamén esconde outras marabillas que a moitos dos seus visitantes se lle escapan. Por un lado o Pozo da Ferida, unha espectacular fervenza que remata nunha bucólica paisaxe cun lago que parece un conto de fadas. Por outro lado o Souto da Retorta (tamén coñecido como Eucaliptal de Chavín), que máis que pola súa paisaxe, é un bosque que destaca sobre todo polos seus enormes exemplares de eucalipto, plantados a principios do século XX, e que alcanzan proporcións enormes, o que fan deste sitio tamén un lugar único.

Pozo da Ferida, Viveiro, Lugo, Galiza
Pozo da Ferida

O Pozo da Ferida

Ainda que se pode chegar desde varias rutas, a máis rápida e cómoda é ir en coche ate a estrada máis preto da fervenza, e despois continuar andando uns 700 metros por un sendeiro que nos levará ate o mesmo Pozo da Ferida.

Acceso pozo da ferida, pozo da ferida, viveiro
Acceso ao Pozo da Ferida en coche

Teremos que conducir 14 km desde o centro da localidade de Viveiro, primeiro saindo pola LU-540 dirección Lugo, despois tomar un cruce á esquerda pola LU-161 dirección Mondoñedo (neste cruce viraremos á dereita se vimos pola estrada de Lugo), e posteriormente seguir os carteis que nos levarán pola LU-P-2604. Tras pasar uns km de monte, ao ver as primeiras casas, seguir a indicación á dereita ate que a estrada se converta nunha pista de terra. Neste punto aparcaremos o noso vehículo e comezaremos a andar os 700 metros que nos separan do Pozo da Ferida.

ruta a Pozo da Ferida, Pozo da Ferida, Viveiro
Acceso ao Pozo da Ferida a pé

Tras dar os primeiros pasos pola pista de terra, unha indicación ao carón dunha casa en ruinas nos indicará un camiño á dereita.

pozo da ferida, viveiro
Indicación ao Pozo da Ferida pouco despois de aparcar o vehículo
pozo da ferida, viveiro
Inicio do camiño a pé

Ao pouco de comezar a andar, pasamos por diante doutras ruinas, e despois duns cantos metros máis, vemos que do noso camiño sae un ramal á dereita, que nos leva a un río cunha pequena presa e á parte superior da fervenza do Pozo da Ferida. Ainda que o lugar tamén ten o seu encanto, debemos continuar polo sendeiro anterior, que agora se converte nunha pronunciada baixada.

Pozo da Ferida, Viveiro
Chegando ao Pozo da Ferida

Tras unha curva á dereita, a pendente disminúe e nos leva aos pocos metros xa directamente ao Pozo da Ferida.

Muiño, pozo da ferida, viveiro
Muiño á chegada ao Pozo da Ferida

O primeiro que vemos é un antigo muíño, e xa detrás de el, encontrámonos coa fermosa fervenza e o seu lago. Un lugar inesquecíble.

pozo da Ferida, viveiro, xove, lugo, galiza
Pozo da Ferida

O Souto da Retorta

O Souto da Retorta, tamén coñecido como o Eucaliptal de Chavín, non é un lugar tan fermoso coma o anterior, mais non por elo menos interesante.

souto da retorta, viveiro, eucalipto, chavin, lugo galiza
Enorme eucalipto no Souto da Retorta

De feito, trátase dun pequeno bosque de eucalipto acompañado de outras especies do país, nunha paraxe á beira do Río Landro. A particularidade do lugar está en que os eucaliptos foron plantados a finais do século XIX, polo que podemos ver as árbores máis altas da Galiza. Entre elas destaca «o avó«, un enorme eucalipto que chega ate os 67 metros de altura e 10,5 metros de perímetro do tronco, que semella a pata dun elefante.

souto da retorta, viveiro, chavin
Acceso en coche ao Souto da Retorta

Chegar ate o Souto da Retorta é doado. Encóntrase a só 7,3 km en coche desde o centro de Viveiro, e non hai máis que seguir a LU-540 dirección Lugo ate chegar a un cruce á esquerda ao pouco de sair da vila, que nos leva pola LU-161 dirección Mondoñedo. Se vimos desde Lugo pola LU-540 non nos fará falla entrar en Viveiro, xa que podemos virar neste mesmo cruce á dereita. Despois continuamos pola estrada LU-161 ate a localidade de Chavín, onde está indicado o aparcamento onde deixaremos o noso vehículo. O aparcadoiro está xusto aos pes do Souto da Retorta, e xusto á entrada xa temos un panel explicativo sobre o lugar.

souto da retorta, viveiro
Acceso a pé ao Souto da Retorta
souto da retorta, viveiro
Panel de inicio do camiño
Souto da Retorta, Viveiro
Primeiros pasos polo Souto da Retorta

Desde aquí ate o exemplar más famoso (o avó) non hai máis de 800 metros, por un sendeiro sen pendente que vai a carón dun canal, rodeado sempre de bosque.

o avó, souto da retorta, eucaliptal de chavin, eucalipto, chavin, viveiro, lugo, galiza
O avó

O avó é doado de localizar. Rodeado dun valado de madeira, para non danalo, destaca sobre as demáis árbores.

o avó, souto da retorta, chavin, viveiro
O pé de O Avó

Ao seu carón, un panel explicativo nos conta por que esta é unha das árbores máis coñecidas do país.

souto da retorta, chavin, viveiro
Souto da Retorta

Pois isto é todo! e xa sabedes que, coma é habitual neste blog, tedes algunha dúbida, queredes deixar aquí algún consello máis, ou simplemente vos gustaría comentar algo sobre o lugar, non dubidedes en escribir un comentario.

VISITA AOS PETRÓGLIFOS DE CAMPO LAMEIRO

Descubrindo unhas das mellores pegadas de arte rupestre do mundo

Campo Lameiro
Campo Lameiro

Ainda que non é estrano na nosa terra encontrar petróglifos, un dos lugares onde temos unha maior concentración deles é no Concello de Campo Lameiro. Situado a poucos quilómetros ao nordés da cidade de Pontevedra, nas terras de Campo Lameiro podemos ver unhas das mellores mostras deste tipo de arte rupestre, que se poden ver talladas en pedras por distintos puntos do concello ou mesmo dentro do recinto do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR), onde ademais dun centro de interpretación, hai unha superficie de máis de 20 hectáreas cunha gran concentración de importantes petróglifos, que mesmo se poden ver nunha visita guiada.

Petróglifo no Chan da Lagoa
Petróglifo no Chan da Lagoa

O PAAR DE CAMPO LAMEIRO

Ao chegar a Campo Lameiro, o primeiro que recomendo facer é visitar o PAAR. Está ben sinalizado, xa antes de chegar á capital da vila, polo que é case imposible perderse. Unha vez no PAAR, e tras pagar a entrada (4,50€), nos diriximos a ver o centro de interpretación, onde uns paneis nos explican as orixes e outras informacións sobre o arte rupestre. Podemos ver tamén unha proxección sobre a mesma temática, así como a reconstrucción de como sería a vida nesa época.

Petróglifo no PAAR
Petróglifo no PAAR

Pero o mellor do PAAR está no exterior. Co mapa que nos deron na entrada, saímos a descobrir un excepcional conxunto de petróglifos por unha ruta de máis de 3 quilómetros ben sinalizada. Para elo, recomendo facer a ruta cunha visita guiada (só 1€ a maiores da entrada), que soe haber entre 2 e 3 ao día dependendo da tempada.

Laxe dos Cabalos
Laxe dos Cabalos

A visita guiada comeza coa Laxe da Forneiriña, onde temos o primeiro contacto co lugar. Despois continua coa impresionante Laxe dos Cabalos, cunha fermosa e enorme figura animal. A seguinte parada é o Outeiro dos Cogoludos, con varios círculos concéntricos, así como algunha figura animal e ate un guerreiro. A visita acaba cunha parada na reconstrucción dun poboado da época, onde se pode acceder a varias chozas. Este percorrido dura aproximadamente unha hora, ainda que se se desexa, se poden ver o resto dos petróglifos do recinto por libre.

Petróglifo en Matabois
Petróglifo en Matabois

OUTROS PETRÓGLIFOS NO CONCELLO

Mais non só hai petróglifos no PAAR. Non moi lonxe do centro de interpretación, tamén podemos ver outras xoias do arte rupestre. Uns dos máis destacados son os do Campo de Matabois, onde se poden ver ate espadas. Non moi lonxe, está o de Chan da Lagoa, onde se poden ver algunhas figuras de animais.

Chan da Lagoa
Chan da Lagoa

Outro dos conxuntos máis interesantes do concello é a que está no Castro de Penalba. Situado nun alto sobre os restos dun antigo castro e preto dunha capela, podemos ver a famosa Pedra da Serpe, onde se representa a unha serpe, ou se cadra dúas no momento do apareamento. Como é común na Galiza, este lugar ten asociado unha serie de lendas e crenzas, relacionadas coa fertilidade.

Área de Peñalba
Área de Peñalba

E ainda temos máis petróglifos espallados polo concello, algúns deles non tan famosos e outros en zonas de peor acceso. De todos os xeitos, todos os anteriores son unha boa mostra do mellor do arte rupestre, e estou seguro que non defraudarán a ninguén que visite este lugar.

Pedra da Serpe
Pedra da Serpe

Pois isto é todo! Espero que esta pequena guía vos sexa útil e vos guste este lugar polo menos tanto coma a min. E xa sabedes que, como é habitual neste blogue, se tendes algunha dúbida ou queredes deixar aquí algún consello máis, non dubidedes en escribir un comentario.

SUBIDA AO MONTE PINDO

Guía para subir ao Monte Pindo, unha das montañas máis emblemáticas da Galiza

Desde o cumio do Monte Pindo
Desde o cumio do Monte Pindo

Para os que coma min vivimos algún tempo na comarca da Costa da Morte, O Monte Pindo, ou A Moa como lle chamábamos na zona, sempre foi un lugar moi especial. En primeiro lugar a súa forma, con esas rochas de cor anaranxada que chaman tanto a atención desde moitos quilómetros ao redor; por outro lado a súa beleza, os atractivos naturais, as vistas de gran parte dunha das rías máis fermosas que existen, así coma as súas lendas e historia, fan de Monte Pindo un lugar que recomendo coñecer a todo o mundo. Comparto polo tanto aquí, unha pequena guía práctica que pode ser útil para todo aquel que pretenda subir a pé (non existe outra forma) ate o cumio desta montaña emblemática.

Mapa Monte Pindo
Mapa Monte Pindo

Que posibles rutas hai para chegar ao cumio?

As rutas máis utilizadas son dúas: A máis famosa e recomendable, e tamén máis longa, é a que sae desde a localidade de O Pindo, que describirei máis abaixo. Hai outra máis curta, que empeza preto do Encoro de Santa Uxía, que permite aforrarnos uns cantos metros de desnivel, pero na que nos perderemos partes interesantes do percorrido.

O Monte Pindo desde Fisterra
O Monte Pindo desde Fisterra

Hai que estar en boa forma física?

Como ten bastantes metros de desnivel e o camiño non está en moi bo estado, hai que ter un mínimo de forma física para subilo. De todos os xeitos, non fai falla ser un atleta e poden subir mesmo nenos que non sexan moi pequenos.

Cartel ao inicio da ruta
Cartel ao inicio da ruta

Están ben sinalizadas?

Ainda que hai un cartel onde empeza a ruta e unhas cantas pintadas coas liñas blanca e amarela nalgunha rocha, non está sinalizado onde fai máis falla, é decir, nos cruces de camiños. De todos os xeitos, hai poucos cruzamentos, e nestes casos , sempre ir pendiente arriba.

Como está o camiño?

O camiño é moi estreito e ten moita pedra, especialmente no tramo intermedio e final, polo que hai que esquecerse de levar carritos ou cousas similares e recomendo ir con botas de montaña. No inverno, hai zonas húmidas, para o que non estaría mal levar calzado goretex.

Altimetría da subida ao Monte Pindo
Altimetría da subida ao Monte Pindo

Cal é a duración e distancia?

A subida máis longa son só algo máis de 4 quilómetros, que se pode facer entre unha hora e media e dúas horas, dependendo a forma física. A baixada pódese facer en algo menos de tempo, pero nalgunhas zonas as pernas sofren bastante polo desnivel (máis de 600 metros)

Afectan moito as condicións climatolóxicas?

Si. Hai que ter sempre presente que é unha montaña bastante alta e que está moi preto da costa. Esto, unido a que o camiño ás veces non se ve moi ben, fai que non se debe subir o Monte Pindo se hai néboa ou pouca visibilidade. Ademais, nestes casos non imos poder gozar de unha das maiores recompensas da ascensión: as vistas desde o cumio.

Inicio da ruta
Inicio da ruta

GUÍA DE SUBIDA DESDE O PINDO

Se vimos co noso vehículo, deixarémolo na localidade de O Pindo, nun aparcamento que hai ao carón da Igrexa de San Clemente. Por detrás da igrexa, ao fondo, vemos un camiño cun indicador preto dunha ponte de madeira. Ahí podemos decir que empeza a nosa ruta. Pouco despois do indicador, tomamos o camiño á dereita e xa comezamos subir por un camiño parte de el pegado a un muro de pedra. Despois dun rato, chegamos a unhas rochas que forman un pequeno outeiro onde estivo o antiguo Castelo de San Xurxo.

Restos do incendio do 2013
Restos do incendio do 2013

Nestas rochas, viramos nun pequeno cruzamento de sendeiros á esquerda e voltamos subir por unha ladeira onde podemos ver moitos piñeiros queimados do enorme incendio que sofreu este espazo natural no ano 2013.

Praia de Carnota desde o Monte Pindo
Praia de Carnota desde o Monte Pindo

Pouco despois, temos unhas das zonas da ruta con maior pendente e máis rochas, onde nalgún momento é mesmo necesario poñer a man para axudarnos a subir. Ás veces, pode que pareza que o camiño se perde pero non nos debemos preocupar, xa que non é difícil ver a ruta máis adiante e tamén temos sinais feitos colocando pequenas pedras unhas enriba de outras, postas por outros sendeiristas, que nos serven de guía.

O Guerreiro
O Guerreiro

Xa a pouca distancia do final, a pendente danos un respiro, e cruzamos unha pequena turbeira onde da gusto pasear e nos recuperamos do cansanzo. Aquí, podemos ver unha rocha cunha forma curiosa, coñecida como O Guerreiro.

Fisterra e Ría de Corcubión e Cée desde o cumio do Monte Pindo
Fisterra e Ría de Corcubión e Cée desde o cumio do Monte Pindo

Os metros do final da ascensión volven ser difíciles, pero estamos moi motivados pola panorámica e a proximidade do cumio. Cando vemos o sinal de formigón do vértice xeodésico sabemos que chegamos ao final da nosa ruta. Agora só nos queda descansar e gozar das fermosas vistas. En dirección ao mar, temos o Cabo Fisterra e toda a Ría de Corcubión e Cee. Xusto debaixo, a praia e a localidade de O Pindo. Ao sur, podemos ver a Praia de Carnota, a máis longa da Galiza. Ao norte, as terras do Concello de Dumbría, onde non hai que deixar de visitar moi preto deste lugar a Fervenza do Ézaro. E ao leste, se a visibilidade é boa, podemos chegar a ver ate o Monte Pedroso de Compostela. Sen dúbida, un lugar excepcional que farán esquecer todos os esforzos da subida.

Terras do Concello de Dumbría desde o cumio do Monte Pindo
Terras do Concello de Dumbría desde o cumio do Monte Pindo

Pois isto é todo! Espero que esta pequena guía vos sexa útil e vos guste este lugar polo menos tanto coma a min. E xa sabedes que, como é habitual neste blogue, se tendes algunha dúbida ou queredes deixar aquí algún consello máis, non dubidedes en escribir un comentario.

QUE VER E GUÍA PRÁCTICA DE TOQUIO

Que ver e guía práctica para visitar a capital do Xapón

Barrio de Shibuya
Barrio de Shibuya

Durante a nosa viaxe de un mes por Xapón, decidimos dedicar uns días para visitar esta gran cidade. Ao principio non demasiado tempo, xa que a nós as cidades grandes agóbiannos bastante, e nun par de xornadas xa queremos fuxir delas…pero Toquio foi unha excepción. É unha metrópole que ten moito que ver e na que ademáis estivemos moi a gusto, ao non ser para nada agobiante. A continuación, cóntovos o que para nós é imprescindible de visitar dedicándolle catro ou cinco días, seguido dunha pequena guía práctica que vos pode ser moi útil á hora de percorrer a cidade.

Rañaceos en Toquio
Rañaceos en Toquio

QUE VER EN TOQUIO

O primeiro lugar onde fomos nada máis chegar á Toquio foi o impresionante mercado do peixe de Tsukiji. É un sitio único e espectacular, caótico e á vez ordenado, onde podemos ver desde onde se subasta o peixe (ás 5 da mañá) ate a súa venta (a partir das 9h). Sen dúbida unha parada imprescindible ao visitar a cidade, que non deixa indiferente a ninguén.

Mercado de Tsukiji
Mercado de Tsukiji

Outro lugar dos imprescindibles é o Templo de Senso-ji, un dos mellores templos budistas da cidade. Situado no barrio de Asakusa, é un lugar cheo de espiritualidade dentro dunha gran metrópole, a onde sen dúbida paga a pena ir.

Senso-ji
Senso-ji

Ao outro lado da cidade está o Santuario de Meiji, onde aparte do lugar sagrado temos uns fermosos xardíns para pasear e fuxir por unhas horas do asfalto. Moi preto deste tranquilo espazo temos unhas das zonas con máis ambiente urbano de Toquio: Os barrios de Harajuku e Shibuya; moi bos para comprar os artigos máis sorprendentes do xapón e para gozar da vida nocturna.

Auga purificadora antes de entrar no templo
Auga purificadora antes de entrar no templo

Se queremos visitar barrios máis comerciais rodeados de enormes rañaceos debemos desprazarnos ate os barrios de Shinjuku e Ginza. Neste último lugar temos a uns pasos os xardíns do Palacio Imperial e a estación central de tren, o que podemos considerar o centro de Toquio.

Vistas de Toquio
Vistas de Toquio

Para completar a visita á cidade sería perfecto buscar unha boa panorámica da mesma. Nós escollimos para elo o edificio do Museo de Arte Mori, cunha vista espectacular que en días con boa visibilidade pode chegar a alcanzar o Monte Fuji.

Parque Ueno
Parque Ueno

Con todo o anterior xa temos para varios días, ainda que se temos algo de tempo non estaría de máis ir ate o Parque Ueno e os seus lagos ou ate o Barrio de Akihabara e as súas tendas manga.

En bici por Kamakura
En bici por Kamakura

EXCURSIÓNS PRETO DA CIDADE

Gran Buda de Kamakura
Gran Buda de Kamakura

Kamakura

A pouco máis dunha hora en tren do centro de Toquio temos a cidade costeira de Kamakura. É un lugar espectacular, situado entre varias montañas e a costa. Alí podemos ver varios templos, entre os que destacan o de Hachiman-gu e o de Kotoku-in, co seu buda xigante. Para ver varios dos templos e percorrer o lugar recomendo alugar unhas bicis, que se pode facer xusto en frente da estación de tren.

Monte Fuji desde Kawaguchiko
Monte Fuji desde Kawaguchiko

Kawaguchiko

Este lugar encóntrase na ladeira do Monte-Fuji. Así como a excursión ate Kamakura se pode facer indo e volvendo no mesmo día, neste caso recomendo durmir un día na zona, ou dous se pretendemos subir andando ate o cumio do Fuji. Vir só ate aquí paga a pena polas vistas desta montaña espectacular e os paisaxes do arredor, como o lago Kawaguchiko. Se non nos apetece facer a caminata do Fuji, unha boa idea para relaxarse neste lugar sería alugar unhas bicis para rodear o lago.

Ponte en Nikko
Ponte en Nikko

Nikko

Outro lugar espectacular a pouca distancia de Toquio e, coma no caso anterior, recomendo quedarse durmir polo menos un día, ainda que moita xente só lle dedica unhas pocas horas. Aquí hay numerosos templos sagrados dun valor incalculable, rodeados de montañas e preto dun espazo natural de gran valor.

Budas en Nikko
Budas en Nikko

GUÍA PRÁCTICA

Como desprazarse

O primeiro que hai que facer e pedir un bo mapa do metro nunha oficina de turismo. Comprar o billete non é difícil, e non hai máis que seguir as indicacións da máquina. Se temos o JapanRailPass, o metro non nos está incluído, pero si as liñas de tren que cruzan a cidade como son o Yamanote Line ou o Chuo Line. Tamén podemos desprazarnos en bus, onde hai que ter en conta que se sae pola porta de adiante, que vai ser onde pagaremos.

Onde comer

Hai moitos ltipos de restaurantes onde comer e moitísimos tipos de comida e prezos. Os mellores para min son onde van os salary man, os currantes das empresas da cidade, a xantar ou a cear ao rematar o traballo. En calidade – prezo son do mellor.

Onde durmir

Non é nada fácil buscar un aloxamento bo e ben de prezo nesta cidade. Eso sí, non fai falla pagar moito por un céntrico xa que éste non está nada ben definido e está todo moi ben comunicado con metro ou tren urbano. Nós quedamos nos seguintes, en habitación doble para dúas persoas:

· Hotel MyStays Kanda: entre 40 e 80€ a noite dependendo do día

· Hotel Horidone Villa: 55€ noite

· Hotel MyStays Kameido: 80€ noite

· En Kawaguchiko: Kawaguchiko Station Inn: 63€ noite

· En Nikko: Stay Nikko Guesthouse: 58€ noite

Pois isto é todo! E xa sabedes que, como é habitual neste blog, se tedes algunha dúbida, quederes deixar aquí algún consello máis, ou simplemente queredes comentar ou compartir algunha experiencia similar, non dubidedes en escribir un comentario.

QUE EQUIPAXE LEVAR NUNHA VIAXE SEN FACTURAR

Equipaxe que se pode levar nunha mochila ou maleta pequena para una viaxe longa…e sen facturar.

Equipaxe nunha viaxe de mochileros polos Países Bálticos
Equipaxe nunha viaxe de mochileros polos Países Bálticos

Depois de varias viaxes en avión ou tren, algún deles de máis dun mes de duración, moita xente me pregunta como podemos viaxar durante tanto tempo simplemente con una mochila de apenas 37.5 litros. Eu sempre respondo que si é posible, xa que por experiencia propia, moitas veces enchemos a maleta de “por se acasos” que o único que fan é ocuparnos espazo na equipaxe e cargarnos con máis peso. Ademais, un exceso de equipaxe fai que teñamos que facturar nos avións, cousa que non fai máis que aumentar o prezo do billete nalgunhas compañías e perder o tempo nos aeroportos.

Por iso, pensamos que cunha simple mochila é suficiente para levar o necesario, axudado de un pequeno bolso de viaxe para levar a documentación, o diñeiro e cousas similares

Mochila de 37.5 litros
Mochila de 37.5 litros

QUE LEVAR NA MOCHILA

Nós utilizamos una mochila de apenas 37.5 litros, que a consideramos suficiente para albergar toda a nosa equipaxe e ademáis non factura. Decidímonos por unha da marca North Face que é impermeable, xa que nos é moi útil cando viaxamos e se nos pon a chover, e así non mollamos o que hai no seu interior. O malo de este modelo é que ao ser tipo alforxa, non ten case ningún bolsillo exterior ou interior, polo que temos que levar outro bolso interior para levar certas cousas máis pequenas. Esto é o que levamos dentro da mochila nunha viaxe en verán (un por persoa. Neste caso poño o meu, pero a da miña parella é similar):

  • 1 pantalón (aparte do que se leva posto). Moito mellor se é de secado rápido
  • 6 camisetas de manga corta
  • 1 camiseta de manga larga
  • 1 camiseta térmica
  • 1 polar
  • 1 chuvasqueiro
  • 7 calzoncillos
  • 8 pares de calcetíns
  • 1 mini botiquín (tiritas, ibuprofeno, paracetamol,…)
  • gafas de reposto
  • 1 gorra
  • zapatos Gore-Tex
Equipaxe dentro da mochila
Equipaxe dentro da mochila

E esto é o que levamos na bolsa interior:

  • Cargador do móbil
  • Cargador da tablet
  • Cable GoPro
  • Cargador da cámara
  • Batería portátil
  • Trípode pequeño portátil
  • Adaptador de enchufe (en países con enchufes diferentes ao europeo)
  • Ladrón
  • Desodorante
  • Móbil de reposto
  • Xabrón
  • Pasta e cepillo de dentes
  • Crema de protección solar
Bolsa interior
Bolsa interior

QUE LEVAR NO BOLSO DE VIAXE

Como vos comentei antes, penso que é preciso levar tamén un bolso de viaxe aparte da mochila, para albergar cousas como documentación, cartos e similares. Esto é o que levamos dentro do noso bolso de viaxe: (Neste caso, pode ser un para dúas persoas ou levar dous bolsos máis pequenos)

  • Cámara de fotos compacta
  • Cámara tipo GoPro. Recoméndoa só para aficionados a este tipo de fotografía
  • Auriculares. Como complemento da tablet
  • Libreta de notas e bolígrafo
  • Tablet. Moi útil para entreterse en desprazamentos longos
  • Documentación. (pasaporte, billetes de avión, carnet de conducir internacional, etc…) Aconsello gardala protexida nun plástico
  • Carteira. Con tarxetas, DNI e cartos. Os cartos mellor repartilos en lugares diferentes
Bolso de viaxe
Bolso de viaxe

QUE LEVAR SE IMOS DURMIR EN ALBERGUES E HOSTELS

Se tedes previsto durmir en hostels ou albergues, preciso que vos pode ser necesario deixar algo de espazo para estes obxetos

· Chanclas, para as duchas

· Toallas. Nós usamos unhas de secado rápido

· Saco de dormir

· Candado. Nos albergues e hostels hai bastantes roubos

· Tapóns para durmir, tendo en conta o ruido de moitos albergues

QUE LEVAR SE VIAXAMOS EN INVERNO

Se viaxamos en inverno, teremos que deixar tamén algo más de espazo para a roupa, xa que ocupa máis. Haberá que engadir ademáis:

· Un bo abrigo. Se ten un forro dos que se quitan por dentro mellor. Polo xeral vai sempre fora da mochila

· Un par de amisetas interiores

· Polo menos un dos pares de zapatos que sexan tipo GoreTex

· Substituir a gorra por un gorro de inverno

· Luvas e bufanda se temos pensado ir a lugares moi frios

40 cm respecto á mochila de 37.5 litros
40 cm respecto á mochila de 37.5 litros

PARA NON ESQUECERSE DE NADA

Deixovos aquí un check list en pdf para anotar todo o que vaiades poñendo na mochila e non esquecervos de nada:

checklistequipaxe

Pois isto é todo! E xa sabedes que como é habitual neste blog, se tendes algunha dúbida, queredes deixar aquí algún consello, ou simplemente pensades que para vós sería imprescindible algunha cousiña máis, non dubidedes en poñer un comentario.

O CAMIÑO PRIMITIVO EN BICI

Guía práctica, etapas e gastos para facer o Camiño Primitivo en bici

En bici polo Camiño
En bici polo Camiño

Cal é o Camiño Primitivo?

Como o seu nome indica, parece ser que esta ruta foi a que primeiro utilizaron os peregrinos que se dirixían a Compostela, xa que a capital do Reino na época das primeiras peregrinacións estaba en Oviedo. Na actualidade, este Camiño cruza o Principado de Asturias desde Oviedo, dirixíndose hacia Galiza pola montaña occidental asturiana pasando por localidades como Salas, Tineo, Pola de Allande e Grandas de Salime. Despois entra en Galiza por Fonsagrada, continuando en dirección a Lugo e xuntándose co Camiño Francés na localidade de Melide.

Neste lugar sepáranse o Camiño Primitivo e o do Norte
Neste lugar sepáranse o Camiño Primitivo e o do Norte

Onde comeza o Camiño Primitivo?

O Camiño Primitivo comeza en Oviedo, ainda que moita xente o fai como unha variante polo interior do Camiño do Norte, que vai hacia Compostela pola beira do mar Cantábrico. Polo tanto, no caso de que o peregrino veña facendo o Camiño do Norte desde Irún, verá que pouco despois da localidade asturiana de Villaviciosa o Camiño se divide en dous: Hacia Xixón seguindo pola costa; ou continuar hacia Oviedo polo Camiño Primitivo.

O Camiño Primitivo preto de A Fonsagrada
O Camiño Primitivo preto de A Fonsagrada

Cantos quilómetros ten?

Un total de 320 km se se fai polo trazado orixinal desde Oviedo, aínda que como veremos máis adiante coas etapas, nalgún tramo en bici é aconsellable ir por estrada, facendo algún quilómetro máis.

Tramo entre Lugo e Melide en pleno inverno
Tramo entre Lugo e Melide en pleno inverno

É apto para facelo en bicicleta?

Gran parte do Camiño se pode facer en bici polo trazado orixinal, aínda que nalgunhas zonas da alta montaña asturiana é moi difícil debido ao estado do camiño e a pendiente, en especial se imos con alforxas. Tamén depende moito do mes do ano no que o fagamos, xa que en época de choiva as veces está case impracticable. No apartado das etapas falo de que tramos son aptos ou non e posibles alternativas.

Puerto del Palo
Puerto del Palo

É moi duro para facelo en bici?

Desde logo que este non é un camiño nada fácil para facer en bici. Hai etapas de bastante pendente, que  pode complicarse máis pola climatoloxía da zona, con choivas frecuentes e ate nevadas nas zonas de maior altitude. Tanto este camiño como o do Norte non teñen nada que ver co Camiño Francés, polo que aquí as etapas son bastante máis duras e hai que prever facer bastante menos quilómetros. De todos os xeitos, nada é imposible, sobre todo para ciclistas con algo de fondo e experiencia. Ademáis, sen dúbida algunha as paisaxes compensan o esforzo.

O Camiño con A Fonsagrada ao fondo
O Camiño con A Fonsagrada ao fondo

Canto pode costar?

Eu sempre digo que facer un camiño non é unha forma cara de viaxar, xa que os albergues non son caros e apenas hai que gastar en comer e pouco máis. O precio dun albergue privado anda sobre os 10€ persoa, pero se preferimos durmir en unha habitación privada, non é difícil encontrar sitios por 30 ou 35 € en habitación dobre (un pouco máis se inclúen almorzo). Para comer, hai bastantes sitios onde serven o menú do peregrino, que son moi consistentes e non soen pasar de 10€. A nós, indo dúas persoas e en 6 días, saíunos nun total de uns 435€, durmindo en habitación privada (ao final do post poño o desglose de gastos).

Así levamos as bicis no autobús
Así levamos as bicis no autobús

Como levo a bicicleta ao inicio do Camiño?

Pódese utilizar as empresas de mensaxería, pero nós preferimos levalas no autobús connosco. A empresa de buses ALSA, permite levar as bicicletas cun sobrecoste de 10€ por cada unha delas. Só hai que quitarlle a roda dianteira e tapalas cun plástico (pode ser mesmo con bolsas de lixo, xa que non son moi esixentes nisto).

O Camiño preto de Oviedo
O Camiño preto de Oviedo

Hai moitos peregrinos?

Afortunadamente o Camiño Primitivo aínda non está moi transitado. É decir, neste aspecto non ten nada que ver co Camiño Francés. E se nos referimos ao número de usuarios en bici aínda é moito menor, xa que é bastante duro.

En Lugo
En Lugo

Hai unha boa infraestructura?

Este camiño nunca o fixen en temporada alta, pero o resto do ano dispón dun número de albergues e outros aloxamentos que penso que é suficiente. Se nos referimos a bares e restaurantes, tamén non temos ningún problema, aínda que nas zonas de alta montaña hai distancias máis grandes sen eles.

A cuncha sinala de forma distinta en Galiza e Asturias
A cuncha sinala de forma distinta en Galiza e Asturias

Está ben sinalizado?

Nós non tivemos ningún problema neste camiño no referente á sinalización, polo que non hai máis que seguir as frecuentes frechas e cunchas para chegar a Compostela. O único a ter en conta é que a forma da cuncha é diferente en Asturias que en Galiza. Así, en Asturias, a dirección a seguir a indica o interior da mesma, mentres que en terras galegas é xusto ao contrario.

O Camiño preto de A Fonsagrada
O Camiño preto de A Fonsagrada

ETAPAS

Etapa 1: Villaviciosa – Oviedo: 45.64km

Ainda que para moita xente o Camiño Primitivo comeza en Oviedo, nós tomámolo coma unha prolongación cara o interior do Camiño do Norte, que xa fixemos un tempo antes e podedes ver neste enlace as etapas do mesmo. De feito, pouco despois de Villaviciosa temos unha bifurcación cos seus respectivos moxóns onde podemos escoller de seguir pola costa ou por Oviedo.

Subindo ao Alto de La Campa
Subindo ao Alto de La Campa

Unha vez que tomemos en dirección a Oviedo comezamos a subir o Alto de La Campa, no que nos últimos quilómetros finais deste alto recomendo facelos por estrada, xa que se hai moito barro é unha pista moi difícil para bici con alforxas e é preciso empurrar. Despois do alto o resto da etapa a Oviedo é moi fácil e podemos ir todo o rato polo camiño orixinal.

Etapa Villaviciosa - Oviedo
Etapa Villaviciosa – Oviedo
Etapa Villaviciosa - Oviedo
Etapa Villaviciosa – Oviedo

Etapa 2: Oviedo – Salas: 50,02km

Esta é unha etapa que pasa por paisaxes moi fermosas, e que é posible facer sempre polo camiño orixinal, ainda que as pendentes nalgún punto son bastante fortes, como por exemplo a subida ao Alto do Escamplero e, sobre todo, ao Alto do Fresno; este último tanto na subida como na baixada.

Baixada perigosa nesta etapa
Baixada perigosa nesta etapa

A etapa acaba cunha lixeira subida ate a fermosa e descoñecida vila de Salas.

Etapa Oviedo - Salas
Etapa Oviedo – Salas
Etapa Oviedo - Salas
Etapa Oviedo – Salas

Etapa 3: Salas – Pola de Allande: 61.3km

Nesta etapa as cousas se complican, xa que nos adentramos en zonas de montaña e a altitude e , sobre todo, o estado dos camiños deixan moito que desexar para unha bicis con alforxas. Sen dúbida que as paisaxes polo camiño que utilizan os peregrinos de a pé son ainda mellores, pero se non queremos sufrir sobre a bicicleta penso que é mellor facer esta etapa por estrada.

Por terras de Tineo
Por terras de Tineo

Sairemos de Salas pola N-634 ate La Espina, con apenas tráfico debido a recente apertura dunha autoestrada. Despois continuaremos ate Tineo pola AS-216, con algo máis de tráfico, pero que se reduce considerablemente tras pasar esta localidade. A poucos quilómetros de Tineo desviámonos cara á dereita pola AS-218 que nos leva a carón de dous importantes mosteiros: O de Obona e o de Bárcena.

Pola de Allande
Pola de Allande

A partir de aquí collemos unha estrada case deserta (a AS-219) ate Pola de Allande, subindo xa o noso primeiro porto de montaña deste Camiño, o Alto de Lavadoira.

Etapa Salas - Pola de Allande
Etapa Salas – Pola de Allande
Etapa Salas - Pola de Allande
Etapa Salas – Pola de Allande

Etapa 4: Pola de Allande – A Fonsagrada: 73.3km

Nesta etapa nos adentramos na alta montaña asturiana, polo que teremos aínda máis dificultades orográficas e de infraestructuras que a anterior, así que recomendo facer este tramo case sempre por estrada alternativa. Empezamos saindo de Pola de Allande subindo os case 10km do Puerto del Palo pola estrada AS-14, que non é que sexan excepcionalmente duros pola pendente pero un pouco si pola lonxitude.

Baixando Puerto del Palo
Baixando Puerto del Palo

Despois temos unha longa baixada, con fermosísimas vistas da montaña asturiana, que remata na Presa de Salime.

Presa de Salime
Presa de Salime

Desde a presa temos unha longa subida de case 800 metros de desnivel ate o Alto do Acevo, con algunhas pendientes considerables, sobre todo ao principio (ate a localidade de Grandas de Salime) e ao final. Pouco despois de cruzar o Alto do Acevo entramos en Galiza, onde a partir de aquí xa recomendo seguir o camiño orixinal ate A Fonsagrada.

Etapa Pola de Allande - A Fonsagrada
Etapa Pola de Allande – A Fonsagrada
Etapa Pola de Allande - A Fonsagrada
Etapa Pola de Allande – A Fonsagrada

Etapa 5: A Fonsagrada – Lugo: 60.6km

Nós esta etapa xa a fixemos varias veces, e sempre polo camiño orixinal mesmo no inverno, para gozar aínda máis das impresionantes paisaxes. De todos os xeitos, hai algún tramo onde pode ser boa opción ir por estrada no caso de ir moi cansos ou estar o camiño en mal estado, por exemplo entre Paradavella e A Lastra.

Antigo hospital de pereginos preto de A Fonsagrada
Antigo hospital de pereginos preto de A Fonsagrada

Unha vez que pasamos o Alto da Fontaneira o camiño vólvese moi fácil, e a partires de Castroverde pódese considerar case chan en comparación coas etapas anteriores.

Etapa A Fonsagrada - Lugo
Etapa A Fonsagrada – Lugo
Etapa A Fonsagrada - Lugo
Etapa A Fonsagrada – Lugo

Etapa 6: Lugo – Compostela: 103.62km

Esta é unha etapa bastante longa, e que pode ser difícil facela nun día para moita xente, polo que unha boa opción tamén sería acortala ate Melide ou Arzúa para chegar máis descansado a Compostela o día seguinte. Non é unha etapa moi dura, sobre todo se a comparamos coas anteriores, aínda que si se pode considerar un pouco rompepernas debido aos seus frecuentes «repechos».

Pola Serra do Careón
Pola Serra do Careón

Ate Melide (50 km aprox.) o único alto a resaltar é a subida á Serra do Careón, que non ten unha dificultade excesiva. Despois de Melide o Camiño Primitivo únese ao Camiño Francés, con todas as vantaxes que ten ( mellor infraestructura, mais servizos,…) e inconvintes (moitísima xente, paisaxe máis humanizado,…).

Chegando á Praza do Obradoiro en Compostela
Chegando á Praza do Obradoiro en Compostela

Chegamos a Compostela despois dunha baixada e entramos na cidade polo Barrio de San Pedro para acabar despois na impoñente Praza do Obradoiro. Recomendo descansar despois en Compostela polo menos un par de días, xa que é unha cidade que ben o merece, como conto neste post. E se aínda nos sobran forzas (e tempo) sería moi boa idea continuar ate Fisterra (neste enlace podedes ver a ruta en bici ate alí), para finalizar a nosa viaxe cunhas impresionantes vistas ao mar.

Etapa Lugo - Compostela
Etapa Lugo – Compostela
Etapa Lugo - Compostela
Etapa Lugo – Compostela

DESGLOSE DE GASTOS (para dúas persoas)

Como é habitual neste blog, poño aquí os gastos que fixemos na viaxe para que vos sexa útil ao facer o voso propio presuposto, ainda que lle tedes que sumar o coste de durmir nos dous días finais (en Lugo e Compostela), que nos non tivemos que pagar por ter aloxamento familiar. Tende en conta que tamén podedes aforrar un pouco máis se decides durmir de albergue e buscades sitios onde cear máis económicos.

O Camiño preto de Oviedo
O Camiño preto de Oviedo

· Día 1: Villaviciosa – Oviedo

  • Bus: tícket 2 persoas de Lugo a Villaviciosa con bicis: 80.48€
  • Almorzo: 4.6€
  • Cea: (Tierra Astur, Oviedo): 34.41€
  • Supermercado: 11€
  • Hotel Longoria, Oviedo: 41.90€ con almorzo

· Día 2: Oviedo – Salas

  • Comida (Sidrería Feudo Real, Grado): 13.5€
  • Supermercado: 2.65€
  • Cea (Casa Pachón, Salas): 20€
  • Hotel Soto, Salas: 30€
A Catedral de Oviedo
A Catedral de Oviedo

· Día 3: Salas – Pola de Allande

  • Almorzo: 9.4€
  • Supermercado: 8.03€
  • Cea: (Nueva Allandesa, Pola de Allande): 30€
  • Hotel Nueva Allandesa, Pola de Allande: 45€ con almorzo

· Día 4: Pola de Allande – A Fonsagrada

  • Supermercado: 10.14€
  • Cea (Restaurante Cantábrico, A Fonsagrada): 25€
  • Hostal Cantábrico, A Fonsagrada: 35€
Alto do Acevo, A Fonsagrada
Alto do Acevo, A Fonsagrada

· Día 5: A Fonsagrada – Lugo

  • Almorzo: 10€
  • Supermercado: 10.22€

· Día 6: Lugo – Compostela

  • Almorzo: 5.6€
  • Supermercado: 7.3€

Total gastos: 434,23€ (217.12€ persoa) en 6 días.

O Camiño Primitivo preto de Lugo
O Camiño Primitivo preto de Lugo

Pois isto é todo! E xa sabedes que como é habitual neste blog, se tendes algunha dúbida, queredes deixar aquí algún consello máis, ou simplemente queredes comentar ou compartir algunha experiencia vosa similar, non dubidedes en poñer un comentario.