10 cousas polas que recomendo visitar Lalín
1: Gozar da natureza
Lalín está situado no corazón do territorio galego, no que domina unha paisaxe de fermosos vales cheos de soutos, carballeiras e ríos de augas cristalinas.
Por esta razón, nas terras do Concello de Lalín, temos moitos lugares onde podemos gozar da natureza, ainda que se hai que escoller un par deles serían sen dúbida a Fraga de Catasós, un fermoso bosque autóctono declarado Monumento Nacional, e a Serra do Candán, incluído na Rede Natura 2000.
Tamén hai lugares fermosos a carón dos ríos. Por exemplo en Ponte Taboada, ao carón do Río Deza, e a Ponte dos Cabalos, nas beiras do Río Arnego.
2: Coñecer a nosa historia
No Concello de Lalín hai unha morea de lugares onde podemos ver as pegadas que deixaron os nosos antepasados. Se comezamos polo neolítico, en Alperiz temos o Altar do Sol, un lugar onde xacen varios monumentos megalíticos. Na pedra dun dos dólmenes, destacan uns curiosos grabados serpentiformes.
Da idade do ferro temos unha multitude de castros espallados polo Concello, sendo o de Doade o que foi excavado máis recentemente. Dentro da idade media, podemos contemplar o románico na Igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba, así coma as pontes medievais de Ponte Taboada e Ponte dos Cabalos.
Xa no barroco, temos numerosas igrexas espalladas polas terras do Concello de Lalín.
3: Descubrir curiosos museos
Unha cousa que me chamou moito a atención de Lalín é a cantidade de museos, algúns deles ben curiosos. Na vila de Lalín, está o Museo Municipal Ramón Aller, onde podemos ver os obxectos do astrónomo e matemático local Ramón Aller, así como numerosos cadros do pintor, tamén de Lalín, Laxeiro.
No lugar de Prado, no interior do fermoso Pazo de Liñares, temos nin máis nin menos que tres museos: O da marioneta, o do aviador local Loriga (coñecido por facer o primeiro traxecto Madrid – Filipinas), e o arqueolóxico.
Outro museo, neste caso etnográfico, é o da Casa do Patrón en Doade, a carón do castro. É un museo completísimo, que ocupa catro casas (unha delas é a reconstrucción dunha vivenda castrexa), onde temos unha completísima colección de obxectos antigos con moitas temáticas (oficios, cociña, escola, gandeiría, etc…).
No museo mesmo podemos xantar, xa que tamén se dan comidas por encargo feitas no forno tradicional.
4: Relaxarse nuns aloxamentos con encanto
Hai moitos tipos de aloxamento onde durmir dentro do Concello de Lalín, tanto na vila como no rural.
Desde económicos hostais ate hoteis con spa (como o hotel Torre do Deza), casas de turismo rural ou mesmo pazos, como o Pazo de Bendoiro, tamén con spa.
Sen dúbida, non vai ser nada difícil encontrar o aloxamento máis axeitado aos nosos gustos.
5: Degustar a súa famosa gastronomía
Falar de Lalín é falar do cocido. E podo asegurar que é o sitio onde mellor se fai.
Mais tamén podo dicir que a gastronomía de Lalín vai moito máis aló, xa que en restaurantes como O Asturiano, Alto da Pena, Fogar de Breogán, Bodegón a Cunca ou a Casa do Patrón, teño probado comida de excelente calidade.
E onde comer o mellor cocido? Pois en moitos dos restaurantes espallados pola vila e o concello, como por exemplo no Bodegón Currás, Casa Cabanas ou na Casa do Patrón.
6: Camiñar polas súas numerosas rutas de sendeirismo
Se queremos gozar da natureza o mellor é botarnos a andar. E en Lalín temos varias rutas de sendeirismo ben sinalizadas, como as que pasan polos montes de Zobra ou por Doade. Ademáis, desde a mesma vila, hai varios quilómetros de paseo a carón do Río Pontiñas.
7: Contemplar as últimas correntes arquitectónicas
Así como falamos antes do patrimonio histórico, en Lalín tamén temos onde contemplar obras arquitectónicas contemporáneas ben curiosas.
O monumento a Loriga, feito na época da Segunda República é un deles.
Ainda que máis recente e espectacular é o propio edificio do Concello, o coñecido como Castro Tecnolóxico, obra dos arquitectos Mansilla e Tuñón, que destaca sobre todo por estar construído en varias formacións completamente circulares, é dicir, sen esquinas. Hoxe alberga tamén a sede de Castrodeza.
8: Xantar no medio da natureza en fermosas areas recreativas
Se somos amantes de xantar e pasar o día no campo, polo Concello de Lalín hai dúas boas áreas recreativas.
A primeira delas é a de Mouriscade, situada a carón dun río, onde temos un muíño e unha ruta de sendeirismo que nos levará ate Doade. Outra área recreativa é a de Rodo, baixo un fermosísimo bosque de frondosas.
9: Evadirse nos Camiños de Santiago
Polas terras do concello de Lalín pasan dous Camiños de Santiago: O Camiño Sanabrés e o Camiño de Inverno. Ambos camiños (moi ben sinalizados) son moi recomendables para fuxir da saturación de peregrinos do Camiño Francés, en especial o de Inverno.
Só o Camiño de Inverno pasa polo centro da vila de Lalín, xuntándose co Sanabrés no lugar de Laxe.
10: Probar a excepcional calidade dos productos locais
Xa falei antes do ben que se come en Lalín. E iso é sen dúbida pola boa calidade dos productos locais. Aparte de todo o relacionado co porco, tamén hai empresas doutros sectores alimenticios que saben facer as cousas ben.
Embutidos coma a Lalinense, queixos como os de Anzuxao, mel coma a de Zobra, licores como os de Pousa,…son bos exemplos diso.
Algúns deles, podemos compralos no mercado da vila, onde tamén encontraremos outros produtos da terra.
Máis información sobre Lalín:
Decir que non é o lugar de O Rodó senón O Rodo e os queixos Anzuxao. Polo demais unha moi boa descripción sobre qué facer no concello de Lalín.
Editado. Graciñas!
Há mesmo muito que fazer em Lalín. Sugestões top! Excelente trabalho.
Obrigado! Um abraço!