Un percorrido polo mellor do Concello de Lalín
Cando falamos de Lalín, o primeiro que pensamos é na Feira do Cocido e na súa gran calidade gastronómica. E Lalín é moito máis ca iso; xa que sen sair dos límites deste concello do centro do país, podemos pasar uns días visitando interesantes museos, ollando paisaxes que namoran, facendo rutas de sendeirismo e, como non, probando a súa fantástica comida local.
A VILA DE LALÍN
Para comezar a nosa ruta turística pola Vila de Lalín, o mellor é situarnos no vangardista e pintoresco Concello. Esta famosa obra dos arquitectos Mansilla e Tuñón, coñecida como O Castro Tecnolóxico, ten un deseño que non dexa indiferente a ninguén, pola súa particularidade de ser construída en varias formacións completamente circulares, é dicir, sen esquinas.
Camiñando cara o centro da vila chegamos á Praza de Loriga, cun monumento a Joaquín Loriga, famoso aviador nado neste concello. A poucos pasos deste monumento, está o Museo Municipal Ramón Aller, onde podemos ver, aparte dunha colección permanente de cadros do artista lalinense Xosé Otero Abeledo «Laxeiro«, a casa e obxectos do astrónomo e matemático local Ramón Aller, así coma un telescopio que hoxe en día se usa en sesións de visionado astronómico abertas ao público.
Se seguimos camiñando cara a Praza da Igrexa, pasaremos xunto dous puntos ben coñecidos nesta vila: por un lado, o Monumento á Feira do Cocido, un porquiño que sen dúbida algunha é o lugar onde máis se fotografían os turistas e, por outro lado, a placa do Km 0, que nos lembra que estamos no centro do país.
Podemos continuar o noso percurso pola Igrexa de Santa María das Dores e dirixirnos cara o mercado, onde veremos a boa calidade dos produtos desta terra; así como seguir en dirección ao norte para contemplar a beleza do románico na Igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba, xusto na entrada do Camiño de Santiago de Inverno no pobo. Sen dúbida, este paseo pola vila de Lalín non nos deixará tempo para o aburrimento.
E se temos máis ganas de camiñar, unha boa idea é facer o percurso ao carón do Río Pontiñas, con varios quilómetros de lonxitude que nos levará ate un fermoso lago.
AS TERRAS DO CONCELLO DE LALÍN
Dentro dos límites do Concello, que é un dos máis grandes do país, temos tamén moito por ver. Se seguimos pola estrada N-525 en dirección a Silleda, á altura do lugar de Prado, podemos visitar o fermosísimo Pazo de Liñares.
Recén restaurado, alberga no seu interior o Museo Galego da Marioneta, así coma o Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico.
Se nos gusta a etnografía, recoméndovos sen dúbida que vos acerquedes á aldea de Doade para coñecer o Museo Etnográfico da Casa do Patrón. Consta de tres vivendas cheas de obxectos comúns da historia galega (vivendas, traxes, oficios,…) que estou seguro non vai deixar indeferente a ninguén.
Ademáis, é probable que sexa o único museo onde podamos xantar comida caseira no seu interior. Moi preto del temos, ademáis, o Castro de Doade, un dos varios que existen no concello.
Dentro dos límites do concello tamén temos lugares espectaculares para os que amamos a natureza. Un dos máis coñecidos é o Monumento Natural da Fraga de Catasós, con enormes árbores frondosas que no outono teñen unha cor espectacular.
Por outra parte, na Serra do Candán, tamén temos fermosos bosques onde facer rutas de sendeirismo, como a que pasa por Zobra, onde podemos tamén ver cousas tan interesantes coma as antigas estructuras para protexer as colmenas dos osos (albarizas), ainda hoxe en uso ao ser un lugar onde se produce mel en abundancia.
Outros destinos que tamén poden ser de interese dentro do Concello son a aldea de Cheda, cunha antiga escola agraria medieval, o poblado mineiro de A Trigueira, as sobreiras do Río Arnego, as áreas recreativas de Mouriscade e de García Sánchez, ou a ponte medieval de Ponte Taboada.
OS CAMIÑOS DE SANTIAGO EN LALÍN
Dentro dos límites do Concello de Lalín pasan dous Camiños de Santiago. O máis transitado é o Camiño Sanabrés, que é unha variante da Vía de la Plata que chega a Compostela a través da provincia de Ourense e a parte interior da provincia de Pontevedra, en vez de xuntarse co Camiño Francés. Neste enlace podedes ver o diario da viaxe e guía práctica de cando o fixen en bicicleta. O outro camiño é o de Inverno, que se xunta co Camino Sanabrés xusto neste Concello.
A GASTRONOMÍA DE LALÍN
Falar de Lalín é falar do cocido. E que non hai un lugar coma este onde comer esta xoia gastronómica. Hai moitísimos restaurantes onde probalo, tanto na mesma vila coma en todo o Concello, cunha calidade excelente. O último que tomei, no Bodegón Currás foi sen dúbida perfecto.
Mais en Lalín non só hai cocido. Nos restaurantes da zona podemos probar outras delicias locais coma a cociña elaborada (e as súas coñecidísimas tortillas) do Bodegón A Cunca, ou a picaña e polbo á feira do Restaurante Alto da Pena en Prado.
Se nos desprazamos polas terras do Concello, é moi boa idea degustar a excelente calidade dos queixos, coma na Queixería de Pazo de Anzuxao, ou o mel ecolóxico que podemos comprar directamente aos múltiples productores da aldea de Zobra.
E se ficamos con ganas de levar productos típicos desta terra para as nosas casas,en Embutidos Lalinenses atoparemos productos de grande calidade,tanto frescos como fórmulas máis novidosas como o seu pastel de lacón con grelos ou o cocido en conserva.
GUÍA PRÁCTICA
Como chegar:
Lalín está moi ben comunicado por estrada. Se imos desde Compostela ou Ourense temos a autopista A 53, e desde o resto das cidades máis importantes do país por boas estradas nacionais. Tamén é posible ir en tren desde Compostela e Ourense, aínda que a estación está a uns quilómetros da vila. Se queremos ir en autobús, hai desde as principais cidades galegas.
Onde durmir:
En toda a vila hai varios hoteis e hostais de distintas categorías. Hai ademáis un bó hotel de catro estrelas con spa a precios moi interesantes como o Hotel Torre do Deza. Nas terras do concello, hai varias casas rurais, así como tamén é posible alugar as antiguas vivendas dos mineiros da Comunidade de Veciños de Zobra (as Casas das Minas), a un prezo moi económico.
Onde comer:
Anteriormente xa vos falei da boa calidade da comida e restaurantes desta terra. Hai moitísimos e estou seguro que non defaudarán a meirande parte do público. A modo de exemplo, poño aquí os últimos que probei:
Na vila de Lalín: Excelente cocido no Bodegón Currás
Na vila de Lalín: Cociña tradicional e moderna no Bodegón A Cunca (non deixedes de probar as súas famosas tortillas)
Na aldea de Prado: Comida tradicional no Restaurante Alto da Pena
Na aldea de Doade: A comida tradicional caseira da Casa do Patrón
Pois ate aquí o noso percorrido polo Concello de Lalín. E xa sabedes que, como é habitual neste blogue, se tedes algunha dúbida, ou queredes deixar aquí algún aporte máis, non dubidedes en poñer un comentario.
Máis información neste enlace da páxina de turismo do Concello de Lalín