AUGAS SANTAS: ENTRE A HISTORIA E A LENDA

A Lenda de Santa Mariña, e pegadas castrexas, romanas e medievais, a pouca distancia de Allariz

Augas santas, allariz, santa mariña, lendas, galiza, galicia, ourense
A Pía de Santa Mariña e, ao fondo, o antiguo castro do Outeiro dos Pendóns

Poucos lugares hai onde a historia e a lenda sexan tan sorprendentes como en Augas Santas. Quen chega ate aquí, ven sen dúbida buscando algo único. A quen lle guste a historia, vai gozar dunha serie de impresionantes restos da cultura castrexa, romana e medieval, que non son nada comúns. Por outro lado, os amantes das lendas, xa sexan paganas ou cristiáns, van ter neste lugar unha boa fonte para a súa imaxinación, porque non hai pedra, árbore, fonte,…que non teña un significado en toda esta parroquia.

sendeiro, augas santas, allariz, ourense, galiza
Sendeiro pola ruta arqueolóxica de Augas Santas

A maior parte dos visitantes chegan á aldea de Santa Mariña de Augas Santas desde Allariz, que é ao concello ao que pertence, e se encontra a só 6 kilómetros do seu centro.

Santa Mariña, allariz, augas santas
Santa Mariña de Augas Santas está a uns 6 km de Allariz, pola estrada OU-0101

Esta aldea xa, por si soa, hai que dedicarlle un tempo para dar un paseo por ela. Declarado Conxunto Histórico – Artístico, conta con moitas casas tradicionais ben conservadas e nun bo estado en xeral. Ten, ademais, algún artesán nas súas rúas. A igrexa de Santa Mariña, románica do século XII con engadidos do XVIII, destaca sobre o conxunto, especialmente polo seu tamaño e as fontes do seu carón, asociadas a lenda de Santa Mariña.

igrexa, augas santas, santa mariña, allariz, ourense, galiza
Igrexa de Santa Mariña de Augas Santas

Mais debemos sair da aldea e poñernos a andar apenas un quilómetro para coñecer as orixes desta lenda así como moitos dos restos históricos.

ruta, santa mariña, augas santas, allariz
Ruta de aproximadamente 1km desde Santa Mariña de Augas Santas ate o Castro Romanizado da Atalaia

Fronte a fachada sur da Igrexa de Santa Mariña, veremos un camiño á dereita que baixa á carón dunha casa.

augas santas, allariz
Nesta rúa á dereita, comeza a nosa ruta

Vai ser case imposible perderse en toda a ruta, xa que está ben sinalizado cun carteliño verde coa imaxe dun sendeirista.

sinalizacion, sendeirismo, augas santas, allariz, ourense
Sinalización da ruta

Ao pouco de empezar a andar, o camiño cruza unha estrada asfaltada e volve convertirse nun sendeiro baixo árbores autóctonas e pedras gastadas polas rodas dos carros ao longo dos séculos.

augas santas, allariz
Desgaste da pedra polo paso dos carros ao longo dos séculos

Aquí encontraremos o primeiro cartel que o Concello de Allariz instalou para explicarnos ben as cousas deste lugar, comezando pola propia lenda de Santa Mariña. Nel , podemos ler que «A tradición nace vinculada á existencia e martirio de Santa Mariña, que na época de Adriano (sobre o ano 100 d.c.) se resiste aos desexos dun prefecto na Cidade de Armea, que utilizou todo tipo de estratexias para vencer a súa resistencia, incluída a cadea, o xuízo e o castigo. Pero nada deu resultado ante a férrea vontade da moza, nin o látego, nin os garfos, nin o diaño en forma de dragón… Condenada a morrer nun forno próximo, sairá viva grazas a San Pedro que a deixou á beira dun estanque. Finalmente o prefecto ordeou que lle cortasen a cabeza, que foi tallada dun golpe, pero botou tres veces, manando unha fonte de cada bote«

cadeira, santa mariña, augas santas, allariz, ourense, galiza
En primeiro plano á dereita, a Cadeira de Santa Mariña. Ao fondo, as ruinas da igrexa templaria

A poucos metros do cartel está a Cadeira da Santa, onde Santa Mariña se sentaba a tecer e, uns pasos máis adiante, chegamos á primeira xoia do lugar. A simple vista, non parecen máis que unhas simples ruinas, mais se nos adentramos nelas non deixaremos de sorprendernos en cada paso e cada ollada.

igrexa templaria, augas santas, allariz, ourense, galiza
As ruinas da igrexa templaria

E que non son nada máis e nada menos que a mistura dun forno da idade do ferro, uns baños da época castrexa, unha capela posiblemente visigótica, unha cripta subterránea dunha construción posterior e unha igrexa templaria inacabada.

templaria, augas santas, allariz, ourense, galiza
Debemos entrar por esta porta se queremos ver a cripta e o forno celta

Mais para ver todo esto temos que meternos dentro das ruinas. Veremos o acceso por un lateral das mesmas, baixando unhas escadas nas que en días escuros é posible que precisemos da luz dunha linterna. Xa no interior, veremos o altar xunto a unha pequena fiestra. No chan, un pozo con auga e varias lápidas de tumbas medievais.

cripta, augas santas, allariz, ourense, galiza
A cripta

Cara o outro lado, outro recinto da construcción dunha capela posiblemente da época visigótica e, no extremo, o forno da época prerromana. Neste forno é onde a lenda conta que se queimou Santa Mariña, e foi rescatada por San Pedro, aparecendo nunha fonte próxima. Outra razón que fai este lugar ainda máis enigmático é a súa orientación, onde chega a luz de cheo ao lugar xusto cando os castrexos celebraban a metade do inverno, algo que se relaciona con outros lugares arqueolóxicos celtas do resto do mundo.

augas santas
Cartel que nos fala sobre a basilica

Despois de contemplar esta marabilla da historia da nosa terra sairemos ao exterior e continuaremos camiñando moi poucos pasos ate pasar ao carón dunha rocha con forma de fungo. Aquí tamén hai sitio para a lenda, unha moi común na Galiza, que conta que dentro de estas rochas os mouros (seres mitolóxicos celtas), gardan un tesouro.

augas santas, allariz, lendas
Aquí os mouros teñen agochado un tesouro

Xusto nestas rocas o camiño xira á dereita e encontrámonos cunha pia rodeada dun pequeno muro cun carballo.

pia, santa mariña, augas santas, allariz, ourense, galiza
A pía onde apareceu a santa

Ésta é a pía onde apareceu Santa Mariña tras ser rescatada do forno por San Pedro e, para os seus devotos, ten propiedades curativas. Se levantamos a vista da pía e ollamos cara detrás do carballo temos un outeiro, chamado Outeiro dos Pendóns, onde se situaba un antiguo castro. Ate aquí, chega a Procesión dos Pendóns, que se celebra cada ano o día da Ascensión.

Augas santas, allariz, santa mariña, lendas, galiza, galicia, ourense
A Pía de Santa Mariña e ao fondo, o antiguo castro do Outeiro dos Pendóns

Seguiremos o sendeiro e rodearemos o Outeiro dos Pendóns cara a parte de atrás. Aquí encontraremos un castro posterior xa romanizado (a Vila da Atalaia), coma se pode ver polas súas vivendas de forma rectangular ao contrario da planta circular da cultura castrexa.

augas santas, allariz, castro vila da atalaia, ourense galiza
Castro romanizado Vila da Atalaia

Este castro está ainda en proceso de excavación, pero moita da súa superficie xa é descuberta e se aprecian á perfección cousas coma unha lareira e escadas nunha vivenda, rede de saneamento ou rúas empedradas.

castro, vila da atalaia, augas santas, allariz, ourense, galiza
Vista da Vila da Atalaia

Todo o que encontramos durante esta ruta de só un quilómetro foi espectacular. En poucos sitios se poden ver cousas tan interesantes en tan pouco espazo.

arqueloxia, atalaia, augas santas
Na Vila de Atalaia, aínda seguen facendo excavacións

Porén, aínda hai máis lugares máxicos na zona que recomendo ao visitante descubrir: petróglifos, un posible altar celta no Monte do Señoriño,… porque este é sen dúbida un lugar especial, onde calquera pedra nos pode contar algo da nosa historia ou unha fermosa lenda.

vila da atalaia, augas santas, allariz
Vila da Atalaia.

Espero que vos gustase esta historia e que esta entrada vos sexa útil para visitar este lugar tan especial. E xa sabedes que, coma é habitual neste blogue, se tendes algunha dúbida ou queredes deixar aquí algún consello máis, non dubidedes en escribir un comentario.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.