A miña experiencia despois de 17 anos e 40.000 km coa Suzuki GS500.
Si prefieres leer esta entrada en castellano pincha en este enlace
Aínda que neste blogue son máis habituais os diarios de viaxe de longas rutas en coche por Europa, para outras rutas, algunhas máis preto da casa e que tamén teño partillado aquí, é bastante común que use a miña Suzuki GS500.
Despois de 17 anos e 40.000 km, falo aquí da miña experiencia con ela, xa que é unha quilometraxe bastante importante para unha moto, e vos pode facer unha idea de como é.
A Suzuki GS500
A miña Suzuki GS500 foi comprada nova no ano 2007. É a versión sen carenado (naked), sen limitación de potencia (tamén había unha limitada a 34 CV), de cor negro e gris. O único accesorio engadido é unha cúpula para o aire. O motor é o coñecido bicilíndrico de 487c.c. e 44 CV refrixerado por aire.
Leva caixa de cambios de 6 velocidades, frenos de disco nas dúas rodas, e un amortiguador regulable traseiro. É polo tanto unha moto bastante sinxela, con fama de fiable, aínda que algo anticuada no momento que a comprei, xa que comenzou a venderse no 1989.
Cousas como a carburación e a refrixeración por aire delatan a súa vellez, aínda que para min, isto dalle un toque retro que me fai gozar máis desta moto.
Motor e comportamento
A Suzuki GS500 non é unha moto que lle sobre potencia. Aínda así, os seus 44 CV fan que se mova con moita soltura en cidade e nas rutas por estrada, onde podemos facer mesmo unha conducción moi divertida. Se levamos pasaxeiro, hai que levar o motor algo máis subido de voltas se precisamos máis potencia, mais cumple de sobra na maioría dos casos.
En autoestrada, pode ir sen problema a velocidades legais, aínda que o que máis limita a estas velocidades é a ausencia de carenado. Polo tanto, é unha moto que cumple de sobra en materia de prestacións, aínda que non é unha moto deportiva.
Na parte ciclo, non hai ninguha queixa respecto aos freos, suspensión (regulable a traseira) e transmisión, bastante avanzados para a época. No que si se nota bastante os anos no seu deseño, son en cousas como a ausencia de indicador de combustible (nen sequera luz de reserva), a batería con mantemento ou a presencia de stárter manual.
Tamén hai que dicir que esta vellez xoga no seu favor na súa simplicidade e na presencia dun equipamento xa inusual nas motos actuais, como o caballete central ou a bolsa de ferramentas.
Falando de consumos, nunca superei os 6 litros cada 100 km, cunha media de 4.5 litros cada 100 km nunha condución tranquila habitual. Isto, unido a un depósito de 20 litros, fai que teña unha autonomía bastante xeitosa.
Mantemento:
Cada ano ou 6000 km hai que facerlle o mantemento básico, é dicir, cambio de aceite e filtro de aceite. Filtro de aire e buxías, deben cambiarse cada 12000 km. Todo este mantemento, así como o axuste da cadea, é moi fácil de facer, e en moitos casos o fago eu mesmo. O único algo máis complexo é o cambio do filtro de aire, xa que hai que mover o depósito de combustible.
Ao longo destes 17 anos e 40.000km tamén se lle fixo o seguinte mantemento:
- Un axuste do xogo de válvulas aos 24.000 km.
- Cambio de varias baterías: Xa perdín a conta, mais penso que leva unhas 5 baterías (unha batería cada tres anos, aproximadamente). Leva batería con mantemento.
- Cambio do kit de transmisión: Aos aproximadamente 30.000 km.
- 2 cambios de rodas dianteiras e tres das traseiras. O último cambio de ambas foi hai uns poucos días, poñendo unhas Michelin Pilot Street que de momento van moi ben.
É polo tanto un mantemento moi simple e económico. Ademáis, ao ser refrixerada por aire, non hai que cambiarlle o líquido refrixerante. As pastillas de freo aínda son as de fábrica. O único que penso é un pouco excesivo é a pouca duración da batería, aínda que non dou atopado unha mellor que colla nese sitio.
Avarías e outras incidencias:
Esta é unha moto con fama de fiable, e a verdade é que ate o momento nunca me deixou tirado, nin tiven que chamar nunca ao guindastre. Aínda así, si que tivo algunha avaría penso que en xeral leve:
- Desprazamento do volante motor: É a única avaría polo que a tiven que levar ao taller, aínda que foi rodando. Parece ser que se afloxaron os parafusos do volante motor un pouquiño e por iso non engranaba o motor de arranque (aínda que se podía encender empurrando). Unha avaría que foi fácil de solucionar e nada cara.
- Perda de aceite da horquilla da suspensión dianteira. Perde un pouco de líquido polo retén da parte dereita da suspensión. Foi falla leve na ITV.
- Caída da masa antivibracións da parte esquerda do manillar. Sen golpe aparente, podería ser polo apodrecido da goma que o engancha ao manillar.
- Luces fundidas: Unha do contarrevolucións e outra de freo.
Esta Suzuki GS500 sempre pasou a ITV sen fallas, excepto a citada perda de líquido de suspensión que foi falla leve. Polo demáis, esta moto nunca tivo caídas, excepto unha en parado que fixo que rompera o extremo da maneta do embrague, que foi cambiada no seu momento.
O mellor da Suzuki GS500:
- É unha moto moi simple, económica e fácil de manter.
- Ten unha potencia máis que suficiente para un uso normal, aínda que hai que ter en conta que non é unha moto deportiva.
- O seu comportamento é moi bo, e mesmo divertido.
- No meu caso, pódese considerar moi fiable.
O peor da Suzuki GS500:
- Hai cousas que delatan os anos do seu deseño: Sen indicador de combustible, batería con mantemento, un só fusible para toda a instalación eléctrica,…
- A duración das baterías: Non consigo que duren máis de tres anos.
- Ao ser refrixerada por aire, enfríase máis rápido unha vez apagada, polo que hai que usar un pouco máis o estrangulador do aire. Tamén fai que consuma algo máis de aceite se a temperatura exterior é moi alta, aínda que nunca é excesivo.
Conclusións:
Despois de todo este tempo coa Suzuki GS500, podo dicir que é unha moto simple, fiable e barata de manter, mais tamén con potencia suficiente para gozar de boas viaxes por estrada.
É unha opción moi recomendable na segunda man, nun mercado onde se poden atopar moitas motos deste modelo (da que se venderon moitas unidades durante varios anos) ben de prezo. Polo que se atopades unha en bo estado, sería unha moi boa compra.
E xa sabedes que, como é habitual neste blogue, se tedes algunha dúbida, ou queredes partillar algunha cousa ou consello máis desta moto, non dubidedes en escribir un comentario.
Un comentario sobre “Suzuki GS500. Así foron 40000 km con esta moto”