Os meus lugares favoritos para ver a época castrexa
Nesta nova entrada, comparto con vós os que para min son os mellores lugares para ver a época castrexa na Galiza fóra dos museos. Foi difícil decidir cales, xa que temos unha morea de bos exemplos por todo o territorio, mais supoño que moitos concordaredes conmigo de que estes son dos máis importantes. Todos están xeolocalizados en GoogleMaps, polo que non hai máis que escribilo no buscador para chegar a eles.
Os castros, poboados fortificados da idade do ferro, son as pegadas máis visibles da cultura castrexa na Galiza. Aínda que gran parte deles están baixo a terra, hoxe en día podemos gozar dun bo número de castros escavados e mesmo dalgunha reconstrucción (con maior ou menor éxito), ademais de centros de interpretación. Estes son algúns dos meus favoritos:
Comezarei polo Castro de San Cibrao de Las (no Concello de San Amaro), non só por ser un dos máis grandes da Galiza, senón tamén por ter ao seu carón o Centro Arqueolóxico da Cultura Castrexa. A visita (que pode ser guiada) paga a pena, tanto do castro como do Centro Arqueolóxico.
Outro castro ben coñecido, tanto por ser do que máis tempo leva escavado, como pola súa espectacular ubicación, é o Castro de Santa Trega (A Garda).
As vistas desde o alto, coa desembocadura do Miño e o Atlántico ao fondo, é espectacular. Ademais, conta coa reconstrucción dalgunha vivenda, aínda que se adapta de forma dubidosa á realidade.
A non moitos quilómetros ao Norte da cidade de Lugo, en plena Terra Chá, podemos visitar outro importante castro, o Castro de Viladonga (Castro de Rei), onde se poden ver con moita claridade as murallas do poboado. Ten, tamén, centro de interpretación.
De volta á costa, non se podía deixar de falar dun dos castros máis coñecidos pola súa espectacular ubicación: o Castro de Baroña (Porto do Son). Así coma a maior cantidade dos castros soen encontrarse nos altos (outeiros, cuíñas,…), polo seu carácter defensivo, este castro está ubicado nunha fermosa península en plena Ría de Muros e Noia.
No interior da Galiza, non podemos esquecer tamén un castro como o de Castromao (Celanova). A pouca distancia do castro, hai unha recreación dun poboado castrexo.
En época de sequía, cando as augas do Encoro de Belesar o permiten, recomendo visitar tamén o Castro de Candaz (Chantada), sobre todo pola súa especial ubicación e o entorno.
Por último, aínda que non se encontra ao carón de ningún castro, senón dentro da vila de Lalín, non se debe de descartar unha visita a Castrodeza, como Centro de Interpretación da Cultura Castrexa.
Estos son, polo tanto, os que para min son os mellores lugares para visitar a época castrexa na Galiza. Se che gustaría engadir algún máis, ou tes algunha pregunta sobre eles, non dubides en escribir un comentario.