Ruta turística polo mellor do Concello de A Estrada
Para un santiagués coma min o Concello de A Estrada non é en absoluto descoñecido. De feito, xa visitei o Pazo de Oca en outras ocasións, paseei varias veces ao carón do Río Ulla en lugares como Pontevea ou o Xirimbao, e mesmo non fai moito tempo que contemplei a paisaxe da comarca desde miradoiros como o de San Miguel de Castro.
Pero ainda que é un lugar familiar para min, sempre quedan cousas por descubrir, por iso non dubidei nin un segundo en aceptar a invitación do Concello de A Estrada a unha volta por varios lugares de interese turístico, xunto cos meus compañeiros da Asociación de Bloggers de Viaxes de Galicia (GaliciaTB).
A ruta polo concello comezou polo famoso Pazo de Oca. O máis destacado deste lugar son sen dúbida os xardíns, cun trazado que data do século XVIII, por onde podemos dar un bo paseo entre a vexetación de diferentes especies e formas, entre figuras de pedra e mesmo un lago.
Nós tivemos a sorte de visitar tamén parte do seu interior da planta baixa, onde o que máis chama a atención son a antigüedade do seu mobiliario.
Continuamos o percorrido polo concello pola beira do Río Ulla, por unha estrada que frecuento nas miñas saídas en moto precisamente polas súas fermosas paisaxes.
Detivémonos no areal de Berres, que é unha agradable área recreativa ao carón do río onde dan ganas de pasar horas e horas nas tardes de bo tempo.
Despois de un paseíño polo Areal de Berres visitamos o lagar da Sidra Ribela, de elaboración completamente artesanal, e que comprobamos de primeira man grazas a explicación dos seus propietarios, que mesmo utilizan mazás da zona.
Tras a degustación das sidras, chegounos a hora de xantar. Para elo desplazámonos ate a Casa da Pastora, na aldea de Outeiro, onde tivemos a sorte de encher o bandullo cun espectacular cocido. Na sobremesa, sorprendeunos a visita dos coñecidos Xenerais do Ulla, uns personaxes típicos do entroido de este concellos e de algúns limítrofes.
A excursión por terras da Estrada rematou coa visita dos Xenerais do Ulla, ainda que se tivésemos máis tempo aínda habería moitas mais cousas por ver. De feito, A Estrada conta tamén con numerosas igrexas románicas, castros e lugares dunha natureza singular como as fevenzas do Río Curantes.
Ademáis, se temos a sorte de visitar a primeira fin de semana de xullo, é imprescindible ir a Sabucedo á famosa Rapa das Bestas, un evento único e singular que non deixará indiferente a ninguén.