Guía para visitar un dos entroidos máis orixinais da nosa terra
En que consiste o Entroido do Oso de Salcedo?
O entroido da aldea de Salcedo, situado no Concello de Pobra do Brollón (Lugo), é sen dúbida un dos máis orixinais da Galiza. Non ten nada que ver cos entroidos que estamos acostumados a ver por aquí, aínda que si os hai similares en lugares tan lonxanos como nos Alpes, Romanía ou mesmo no Xapón.
Consiste na representación dun oso, que percorre as rúas de Salcedo manchando aos veciños (e visitantes) con auga misturada con cinza. Tanto ten que tentemos fuxir do oso; se ve que non estamos manchados, el e os seus criados farán todo o posible para capturarnos, e mancharnos con esa auga con cinza.
Que representa?
Segundo parece, esta chegada do oso á aldea representa o final do inverno e o inicio da primavera, ao despertar o animal do seu período de invernación.
Cando ten lugar?
O entroido do oso de Salcedo celébrase o luns de entroido. Sobre as 5 da tarde, o oso aparece pola parte alta da aldea, e comeza a percorrer as rúas cun balde de auga con cinza e rodeado dos seus criados.
Hai moita xente?
Parece ser que cada ano ten máis público disposto a ser manchado polo oso. De todos os xeitos, malia que hai bastantes veciños e curiosos, non deixa de ser unha festa ben animada e para nada agobiante.
Temos que ir disfrazados?
Podemos ir disfrazados ou non, como máis nos guste. Mais o que si debemos ter en conta é que nos imos manchar. Así que deixemos as nosas mellores galas na casa.
Cómo chegar?
Chegar a Salcedo é ben doado. Encóntrase a só 16 km da vila de Monforte, desde a que se pode ir pola LU-933 ou pola N-120, e seguir pola LU-P-4710 ate Salcedo. Se vimos desde Lugo non temos máis que seguir a LU-652 ate o lugar de A Estación, onde continuaremos tamén pola LU-P-4710 ate mesmo a aldea de Salcedo.
Espero que vos sexa útil esta guía para visitar o fermoso entroido do Oso de Salcedo. E xa sabedes que, como é habitual neste blogue, se tedes algunha dúbida ou queredes deixar aquí algún consello máis, non dubidedes en poñer un comentario.
Único topónimo válido e legal para este concello A Pobra DO Brollón (Lei N.L. 3/1983)
Editado! Graciñas polo aporte!
Ola, Monforte de Lemos non é unha vila, está nomeada por un Real Decreto como unha Cidade,un saúdo.