Guía práctica, etapas e gastos para facer o Camiño Primitivo en bici
Cal é o Camiño Primitivo?
Como o seu nome indica, parece ser que esta ruta foi a que primeiro utilizaron os peregrinos que se dirixían a Compostela, xa que a capital do Reino na época das primeiras peregrinacións estaba en Oviedo. Na actualidade, este Camiño cruza o Principado de Asturias desde Oviedo, dirixíndose hacia Galiza pola montaña occidental asturiana pasando por localidades como Salas, Tineo, Pola de Allande e Grandas de Salime. Despois entra en Galiza por Fonsagrada, continuando en dirección a Lugo e xuntándose co Camiño Francés na localidade de Melide.
Onde comeza o Camiño Primitivo?
O Camiño Primitivo comeza en Oviedo, ainda que moita xente o fai como unha variante polo interior do Camiño do Norte, que vai hacia Compostela pola beira do mar Cantábrico. Polo tanto, no caso de que o peregrino veña facendo o Camiño do Norte desde Irún, verá que pouco despois da localidade asturiana de Villaviciosa o Camiño se divide en dous: Hacia Xixón seguindo pola costa; ou continuar hacia Oviedo polo Camiño Primitivo.
Cantos quilómetros ten?
Un total de 320 km se se fai polo trazado orixinal desde Oviedo, aínda que como veremos máis adiante coas etapas, nalgún tramo en bici é aconsellable ir por estrada, facendo algún quilómetro máis.
É apto para facelo en bicicleta?
Gran parte do Camiño se pode facer en bici polo trazado orixinal, aínda que nalgunhas zonas da alta montaña asturiana é moi difícil debido ao estado do camiño e a pendiente, en especial se imos con alforxas. Tamén depende moito do mes do ano no que o fagamos, xa que en época de choiva as veces está case impracticable. No apartado das etapas falo de que tramos son aptos ou non e posibles alternativas.
É moi duro para facelo en bici?
Desde logo que este non é un camiño nada fácil para facer en bici. Hai etapas de bastante pendente, que pode complicarse máis pola climatoloxía da zona, con choivas frecuentes e ate nevadas nas zonas de maior altitude. Tanto este camiño como o do Norte non teñen nada que ver co Camiño Francés, polo que aquí as etapas son bastante máis duras e hai que prever facer bastante menos quilómetros. De todos os xeitos, nada é imposible, sobre todo para ciclistas con algo de fondo e experiencia. Ademáis, sen dúbida algunha as paisaxes compensan o esforzo.
Canto pode costar?
Eu sempre digo que facer un camiño non é unha forma cara de viaxar, xa que os albergues non son caros e apenas hai que gastar en comer e pouco máis. O precio dun albergue privado anda sobre os 10€ persoa, pero se preferimos durmir en unha habitación privada, non é difícil encontrar sitios por 30 ou 35 € en habitación dobre (un pouco máis se inclúen almorzo). Para comer, hai bastantes sitios onde serven o menú do peregrino, que son moi consistentes e non soen pasar de 10€. A nós, indo dúas persoas e en 6 días, saíunos nun total de uns 435€, durmindo en habitación privada (ao final do post poño o desglose de gastos).
Como levo a bicicleta ao inicio do Camiño?
Pódese utilizar as empresas de mensaxería, pero nós preferimos levalas no autobús connosco. A empresa de buses ALSA, permite levar as bicicletas cun sobrecoste de 10€ por cada unha delas. Só hai que quitarlle a roda dianteira e tapalas cun plástico (pode ser mesmo con bolsas de lixo, xa que non son moi esixentes nisto).
Hai moitos peregrinos?
Afortunadamente o Camiño Primitivo aínda non está moi transitado. É decir, neste aspecto non ten nada que ver co Camiño Francés. E se nos referimos ao número de usuarios en bici aínda é moito menor, xa que é bastante duro.
Hai unha boa infraestructura?
Este camiño nunca o fixen en temporada alta, pero o resto do ano dispón dun número de albergues e outros aloxamentos que penso que é suficiente. Se nos referimos a bares e restaurantes, tamén non temos ningún problema, aínda que nas zonas de alta montaña hai distancias máis grandes sen eles.
Está ben sinalizado?
Nós non tivemos ningún problema neste camiño no referente á sinalización, polo que non hai máis que seguir as frecuentes frechas e cunchas para chegar a Compostela. O único a ter en conta é que a forma da cuncha é diferente en Asturias que en Galiza. Así, en Asturias, a dirección a seguir a indica o interior da mesma, mentres que en terras galegas é xusto ao contrario.
ETAPAS
Etapa 1: Villaviciosa – Oviedo: 45.64km
Ainda que para moita xente o Camiño Primitivo comeza en Oviedo, nós tomámolo coma unha prolongación cara o interior do Camiño do Norte, que xa fixemos un tempo antes e podedes ver neste enlace as etapas do mesmo. De feito, pouco despois de Villaviciosa temos unha bifurcación cos seus respectivos moxóns onde podemos escoller de seguir pola costa ou por Oviedo.
Unha vez que tomemos en dirección a Oviedo comezamos a subir o Alto de La Campa, no que nos últimos quilómetros finais deste alto recomendo facelos por estrada, xa que se hai moito barro é unha pista moi difícil para bici con alforxas e é preciso empurrar. Despois do alto o resto da etapa a Oviedo é moi fácil e podemos ir todo o rato polo camiño orixinal.
Etapa 2: Oviedo – Salas: 50,02km
Esta é unha etapa que pasa por paisaxes moi fermosas, e que é posible facer sempre polo camiño orixinal, ainda que as pendentes nalgún punto son bastante fortes, como por exemplo a subida ao Alto do Escamplero e, sobre todo, ao Alto do Fresno; este último tanto na subida como na baixada.
A etapa acaba cunha lixeira subida ate a fermosa e descoñecida vila de Salas.
Etapa 3: Salas – Pola de Allande: 61.3km
Nesta etapa as cousas se complican, xa que nos adentramos en zonas de montaña e a altitude e , sobre todo, o estado dos camiños deixan moito que desexar para unha bicis con alforxas. Sen dúbida que as paisaxes polo camiño que utilizan os peregrinos de a pé son ainda mellores, pero se non queremos sufrir sobre a bicicleta penso que é mellor facer esta etapa por estrada.
Sairemos de Salas pola N-634 ate La Espina, con apenas tráfico debido a recente apertura dunha autoestrada. Despois continuaremos ate Tineo pola AS-216, con algo máis de tráfico, pero que se reduce considerablemente tras pasar esta localidade. A poucos quilómetros de Tineo desviámonos cara á dereita pola AS-218 que nos leva a carón de dous importantes mosteiros: O de Obona e o de Bárcena.
A partir de aquí collemos unha estrada case deserta (a AS-219) ate Pola de Allande, subindo xa o noso primeiro porto de montaña deste Camiño, o Alto de Lavadoira.
Etapa 4: Pola de Allande – A Fonsagrada: 73.3km
Nesta etapa nos adentramos na alta montaña asturiana, polo que teremos aínda máis dificultades orográficas e de infraestructuras que a anterior, así que recomendo facer este tramo case sempre por estrada alternativa. Empezamos saindo de Pola de Allande subindo os case 10km do Puerto del Palo pola estrada AS-14, que non é que sexan excepcionalmente duros pola pendente pero un pouco si pola lonxitude.
Despois temos unha longa baixada, con fermosísimas vistas da montaña asturiana, que remata na Presa de Salime.
Desde a presa temos unha longa subida de case 800 metros de desnivel ate o Alto do Acevo, con algunhas pendientes considerables, sobre todo ao principio (ate a localidade de Grandas de Salime) e ao final. Pouco despois de cruzar o Alto do Acevo entramos en Galiza, onde a partir de aquí xa recomendo seguir o camiño orixinal ate A Fonsagrada.
Etapa 5: A Fonsagrada – Lugo: 60.6km
Nós esta etapa xa a fixemos varias veces, e sempre polo camiño orixinal mesmo no inverno, para gozar aínda máis das impresionantes paisaxes. De todos os xeitos, hai algún tramo onde pode ser boa opción ir por estrada no caso de ir moi cansos ou estar o camiño en mal estado, por exemplo entre Paradavella e A Lastra.
Unha vez que pasamos o Alto da Fontaneira o camiño vólvese moi fácil, e a partires de Castroverde pódese considerar case chan en comparación coas etapas anteriores.
Etapa 6: Lugo – Compostela: 103.62km
Esta é unha etapa bastante longa, e que pode ser difícil facela nun día para moita xente, polo que unha boa opción tamén sería acortala ate Melide ou Arzúa para chegar máis descansado a Compostela o día seguinte. Non é unha etapa moi dura, sobre todo se a comparamos coas anteriores, aínda que si se pode considerar un pouco rompepernas debido aos seus frecuentes «repechos».
Ate Melide (50 km aprox.) o único alto a resaltar é a subida á Serra do Careón, que non ten unha dificultade excesiva. Despois de Melide o Camiño Primitivo únese ao Camiño Francés, con todas as vantaxes que ten ( mellor infraestructura, mais servizos,…) e inconvintes (moitísima xente, paisaxe máis humanizado,…).
Chegamos a Compostela despois dunha baixada e entramos na cidade polo Barrio de San Pedro para acabar despois na impoñente Praza do Obradoiro. Recomendo descansar despois en Compostela polo menos un par de días, xa que é unha cidade que ben o merece, como conto neste post. E se aínda nos sobran forzas (e tempo) sería moi boa idea continuar ate Fisterra (neste enlace podedes ver a ruta en bici ate alí), para finalizar a nosa viaxe cunhas impresionantes vistas ao mar.
DESGLOSE DE GASTOS (para dúas persoas)
Como é habitual neste blog, poño aquí os gastos que fixemos na viaxe para que vos sexa útil ao facer o voso propio presuposto, ainda que lle tedes que sumar o coste de durmir nos dous días finais (en Lugo e Compostela), que nos non tivemos que pagar por ter aloxamento familiar. Tende en conta que tamén podedes aforrar un pouco máis se decides durmir de albergue e buscades sitios onde cear máis económicos.
· Día 1: Villaviciosa – Oviedo
- Bus: tícket 2 persoas de Lugo a Villaviciosa con bicis: 80.48€
- Almorzo: 4.6€
- Cea: (Tierra Astur, Oviedo): 34.41€
- Supermercado: 11€
- Hotel Longoria, Oviedo: 41.90€ con almorzo
· Día 2: Oviedo – Salas
- Comida (Sidrería Feudo Real, Grado): 13.5€
- Supermercado: 2.65€
- Cea (Casa Pachón, Salas): 20€
- Hotel Soto, Salas: 30€
· Día 3: Salas – Pola de Allande
- Almorzo: 9.4€
- Supermercado: 8.03€
- Cea: (Nueva Allandesa, Pola de Allande): 30€
- Hotel Nueva Allandesa, Pola de Allande: 45€ con almorzo
· Día 4: Pola de Allande – A Fonsagrada
- Supermercado: 10.14€
- Cea (Restaurante Cantábrico, A Fonsagrada): 25€
- Hostal Cantábrico, A Fonsagrada: 35€
· Día 5: A Fonsagrada – Lugo
- Almorzo: 10€
- Supermercado: 10.22€
· Día 6: Lugo – Compostela
- Almorzo: 5.6€
- Supermercado: 7.3€
Total gastos: 434,23€ (217.12€ persoa) en 6 días.
Pois isto é todo! E xa sabedes que como é habitual neste blog, se tendes algunha dúbida, queredes deixar aquí algún consello máis, ou simplemente queredes comentar ou compartir algunha experiencia vosa similar, non dubidedes en poñer un comentario.
Wowww que pasada!!! maravillosa descripción y además bien ilustrada. Hasta me he cansado al leerla 😉
Un saludo!
Me alegra mucho que te haya gustado! La verdad es que escribir sobre este viaje y fotografiar estes paisajes tan hermosos fue todo un placer. Un saludo!
Parabens polo bolg, penso facer o camiño primitivo en bici en xuño, e gracias a vos estou mellor informado, a pesares de mercar unha boa guia do camiño iste blog me orientou estupendamente, grazas.
Alégrame que te sexa útil esta información. Un saúdo e bo camiño!
Na etapa cinco non durmistedes, ou qué?
E broma, esta reportaxe me parece utilisima. Fantasticos os consellos de como levar a bici, e … O detalle dos gastos. Moitisimas grazas.
Para as dúas últimas etapas somos uns afortunados xa que, como miña parella é de Lugo e eu de Compostela, non nos falta onde durmir de balde. Alédome que che gustase a reportaxe e fose útil, e se precisases máis información non dubides en preguntar.