Xa fose pola adicción que produce a moita xente a peregrinaxe a Compostela ou simplemente por pasar unha fin de semana dunha forma diferente, cada vez máis pelegríns deciden continuar ate Fisterra polo Camiño Xacobeo. Nesta nova entrada do meu blog, comparto con vos o diario da viaxe (con gastos para dúas persoas, quilómetros e consellos) para facer este camiño en dous días polo trazado orixinal do camiño con bici de montaña.
Canto tempo dedico a facer este tramo do Camiño?
Eu recomendo facelo en dous días, ainda que é posible facelo en un só se cumplides os seguintes requisitos:
- Estar en boa forma física e habituados a andar en bici
- Gústavos madrugar
- Facedes o camiño cando os días son longos e non hai moito barro (de maio a setembro)
-
Non vos importa ir por estrada
Pola contra, eu recomendo facelo en dous días se cumplides algún dos seguintes requisitos:
- Queredes ir polo tramo orixinal do camiño (o mesmo que usan os pelegríns a pé), e o mínimo por estrada alternativa
- Tomades o camiño de forma relaxada e, ademáis, non vos gusta madrugar
- Gústavos parar nos lugares de interese, a ver paisaxes, a tomar algo, a comer con calma…
Por estas razóns, penso que é mellor dividir os 100 quilómetros ate o final do camiño en dúas etapas, pasando a noite en Olveiroa, unha aldea que está máis ou menos á metade do percorrido e que conta con bastantes servicios para os pelegríns.
Primeira etapa: Compostela – Olveiroa (58.07 km)
Partindo da Praza do Obradoiro, o camiño comeza descendendo pola rua que baixa a carón do Hostal dos Reis Católicos, a Rua das Hortas. A partir de aquí, xa non temos máis que seguir as flechas amarelas e en pouco máis dun quilómetro xa estamos fóra da cidade de Compostela pedaleando nunha pista de terra entre árbores. Despois, alternando entre a terra e o asfalto, e tras superar o nada doado Alto do Mar de Ovellas, descendemos ate Ponte Maceira, unha fermosa e ben conservada aldea ao carón do Río Tambre. A pouca distancia chegamos a localidade de Negreira, con moitos servizos para comer ou tomar algo.
Ao pasar Negreira, voltamos a subir durante uns 10 quilómetros bastante progresivos por unha fermosa paisaxe tipica do rural galego, que fai desta parte unha das miñas favoritas do Camiño a Fisterra. Unha vez que comezamos a descender ao pasar a aldea de Cornovo, cada vez temos mais asfalto, que vai estar máis presente ate Olveiroa.
Gastos día 1:
Comida (Restaurante Barqueiro, Negreira): 26.60 €
Cea (Tapas e cañas en As Pías, Olveiroa): 9.80 €
Dormir en habitación dobre con baño (Casa Loncho, Olveiroa): 40 €
Outros (Bebidas, cañas, cafés…): 8 €
Segunda etapa: Olveiroa – Faro de Fisterra (46.8 km)
Sen madrugar moito, saímos de Olveiroa e continuamos por pistas de terra polos montes do Concello de Dumbría. Un pouco máis adiante da aldea de Hospital, pasamos pola curiosa Ermita da Virxe das Neves, e uns quilómetros despois xa podemos ver o mar e, tras unha perigosa baixada (pedras e moita pendente) chegamos a Cee. Tanto Cee, como a localidade veciña de Corcubión, son bos lugares para descansar e xantar polos servizos dos que dispoñen, ainda que é moito máis turística a vila de Corcubión.
Dende Corcubión, cruzamos un monte e voltamos ao mar nas localidades de Estorde e Sardiñeiro. A poucos quilómetros desta última localidade, pouco despois de iniciar un descenso, podemos gozar dunha fermosa panorámica da vila de Fisterra e o seu faro, unha das paisaxes máis fotografiadas deste Camiño
Xa case chagando ao destino final, o camiño continúa a carón da Praia da Langosteira, e ao rematar ésta chega a vila mariñeira de Fisterra. A uns 3 quilómetros de Fisterra chegamos ao seu faro, punto final deste Camiño (se non se decide continuar ate Muxía) e lugar onde moitos pelegríns contemplan, se o tempo o permite, unhas das postas de sol máis espectaculares que se poden ver no mundo.
Gastos día 2:
Almorzo (Casa Loncho, Olveiroa): 7 €
Comida (Restaurante Carrumeiro, Corcubión): 28 €
Outros: 7.20 €
Total gastos: 126.6 € (63.3 € persoa) en 2 dias
Total quilómetros: 104.87 km (segundo o contaquilómetros da bici)
E xa sabedes que como é habitual neste blog, se tedes algunha dúbida, queredes deixar aquí algún consello máis, ou simplemente queredes comentar ou compartir unha experiencia vosa similar, non dudedes en poñer un comentario.