POR EUROPA EN COCHE 3ª PARTE: DENDE ESLOVENIA Á LUGO

Ésta é a terceira parte do diario da miña viaxe por Europa en coche no ano 2011. Na primeira parte describo o percorrido dende a saída da casa ata Noruega, incluíndo unha volta polos fiordos (pinchar aqui para ver o relato da 1ªparte); e na segunda parte, dende Noruega ata Eslovenia (pinchar aqui para ver o relato da 2ªparte). A continuación, comentarei a viaxe dende a saída de Eslovenia ata casa, representado no seguinte mapa.

Percorrido da viaxe e da terceira parte
Percorrido da viaxe e da terceira parte

As ideas xerais da viaxe xa as comentei tamén na 1ª parte do diario, que se poden resumir en disfrutar de cada xornada, sen levar percorrido fixo, sen facerlle apenas caso ás guías de viaxe e non facer reservas de aloxamento, que nos limita a durmir nun sitio prederminado. Esto último non o imos cumplir nesta parte da viaxe polo menos nunha ocasión, xa que como comentarei en breve, en Eslovenia decidimos reservar unha casa rural para pasar uns días nos Alpes franceses, para descansar alí de tantos días de viaxe. De todos os xeitos, esto non deixa de ser unha excepción en toda a viaxe.

22 DE AGOSTO: O LAGO DI GARDA

Stara Fužina (SLO) – Torri del Benaco (I)

O Parque Natural do Triglav de Eslovenia é un deses sitios onde nos gustaría voltar noutra ocasión. A ser posible nunha época de menos calor e levando unhas bicicletas como equipaxe. Pero a viaxe continúa e saímos cara Italia non sen antes encher o depósito de gasoil (1.238 euros/litro en comparación cos 1.5 euros/litro de Italia).

Xa en Italia, a calor faise cada vez máis insoportable, onde chegamos a estar á 40ºC. Por esa razón, decidimos non visitar Venecia (estivemos a apenas 20 quilómetros desta famosa cidade) e nos diriximos hacia a zona dos lagos, xa que pensamos que alí faría algo máis de fresco.

Lago di Garda (Italia)
Lago di Garda (Italia)

Chegamos ata o Lago di Garda e, a decir verdade, non notamos que refrescase moito. Buscamos un hotel na beira do lago, e esperamos a que baixasen un pouco as temperaturas. Pola noite, a uns 30 grados, segue sendo moi pesado pasear, pero se disfruta moito mellor do lugar, como por exemplo dunha cea nunha terraza xunto ó lago, na localidade de Torri del Benaco.

Gastos pagados no día: Gasóleo: 33.01 euros, apartamento de Stara Fužina (2 días): 92 euros, supermercado: 2.90 euros, peaxes: 8.60 euros

Quilómetros percorridos no día: 466.1

23 DE AGOSTO: O LAGO DI COMO

Torri del Benaco (I) – Laglio (I)

O día empeza xa con 30ºC, e moi probablemente se cheguen ós 40ºC pola tarde. Nestas condicións tan pouco propicias para o paseo, a mellor forma de coñecer os lagos será rodeándoos no coche, onde estamos tan a gusto gracias ó aire acondicionado. De todos os xeitos, as paisaxes do Lago di Garda, Como e o d’Iseo (entre os dous anteriores), disfrútanse moito dende o coche, sempre que se vaia polas estradas máis próximas ós lagos, sen presas, e facendo paradas para contemplar as vistas e algunhas localidades

Lago di Como (Italia)
Lago di Como (Italia)

Despois de case rodear por completo o Lago di Como, intentamos buscar un sitio onde durmir na beira oeste do lago. Tardamos bastante en atopar un aloxamento á un prezo razonable, xa que prácticamente todos pasan dos 100euros. Ésta é unha zona moi turística, pero tamén o é o Lago di Garda e non é tan caro. Supoño que será porque o Lago di Como sempre foi un destino das clases máis pudientes de Europa desde fai máis dun século, e eso se nota en moitos hoteles de luxo que teñen xa preto de cen anos. Ainda así, eu esperaba atopar tamén algún sitio onde durmir para os que viaxamos sen derrochar e, cando xa estabamos a punto de decidirnos por un cámping (durmir de cámping a 30 grados non nos facía moita gracia) atopamos un hotel por 75 euros con almorzo e aire acondicionado.

Gastos pagados no día: Hotel en Torri del Benaco: 74 euros, supermercado: 7.67 euros, cea: 27 euros

Quilómetros percorridos no día: 368.9

24 DE AGOSTO: UN POUCO DE FRESCO NO VAL DE AOSTA

Laglio (I) – Valsavarenche (I)

A paisaxe dos Lagos de Italia gustounos moito, ainda que non o disfrutamos todo o que o merece pola calor. Buscando lugares tamén fermosos, pero cun pouco máis de fresco, decidimos ir hacia o Val de Aosta, xa ben dentro dos Alpes, concretamente dentro do Parque Natural Gran Paradiso. E chegamos ata Valsavarenche.

Valsavarenche (Italia)
Valsavarenche (Italia)

Nesta pequena localidade, dentro do Parque Natural, atopamos temperaturas razoables, paisaxe de montaña, prezos xustos e moita tranquilidade. Despois de pasar polos saturados Lagos di Como e Garda, e de sufrir durante tantos quilómetros a nefasta forma de conducir dos italianos, disfrutamos moito da paz deste lugar. Aloxámonos nunha casa rural (ten a denominación de «chambre d’hotes», xa que por aqui xa se fala francés) con boas vistas, e preto do centro do pobo.

Gastos pagados no día: Hotel en Laglio: 75 euros, supermercado: 23.73euros, gasóleo: 45.06 euros, peaxe: 3.30, cea: 29.70 euros

Quilómetros percorridos no día: 258.3

25 DE AGOSTO: DE VOLTA Á FRANCIA

Valsavarenche (I) – Filinges (F)

Despertarnos neste lugar fai que teñamos moitas ganas de pasar varios días por aqui. E así faremos en Filinges, a pouca distancia de onde estamos, xa en terras francesas. Pero antes, aproveitando parte da mañá, contemplamos algo das paisaxes do Parque Natural Gran Paradiso

Parque Nacional Gran Paradiso (Italia)
Parque Nacional Gran Paradiso (Italia)

Despois, seguimos rumbo Filinges cruzando o alto de Saint Bernard (2188m.), con moi boas paisaxes alpinas; e facendo unha parada en Albertville, para comer unhas galettes nunha creperia bretona. Ben entrada a tarde, chegamos ó apartamento que tiñamos reservado en Filinges, onde imos pasar uns días. Á primeira vista o apartamento é perfecto para nós. Está situado no último piso dunha casa de pedra antigua, perfectamente restaurado, e con tódalas comodidades que podemos necesitar. Ademáis, o entorno é moi tranquilo, pero preto da «civilización» para ir de compras ou tomar algo. Respecto ós anfitrións (un deles galego) non teño máis que decir que son perfectos.

Gastos pagados no día: Chambre d’hotes de Valsavarenche: 70 euros, supermercado: 31.72euros, peaxe: 1, comida: 27 euros, aparcamento Albertville: 0.60 euros

Quilómetros percorridos no día: 264.3

26 DE AGOSTO: COMEZAN OS DÍAS DE DESCANSO NOS ALPES

Filinges (F) – Filinges (F)

Levamos xa 25 días viaxando, polo que necesitamos dunha temporadiña de descanso. Queremos estar uns días facendo de turistas pero sen facer moitos quilómetros, sen madrugar, sen necesidade de ter que andar buscando sitios para comer e durmir, … Apetécenos levantarnos cando despertemos, almorzar tranquilamente; e logo ir a dar unha volta polos arredores, facer a compra, tomar algo, e despois voltar á casa pola noite para cear e ler un pouco antes de durmir.

O Mont Blanc, dende o apartamento de Filinges
O Mont Blanc, dende o apartamento de Filinges

Creo que eleximos o lugar idóneo para levar este estilo de vida. De feito hoxe, tras erguernos tarde e almorzar, fumos ó mercado; despois a xantar en Annemasse e a tomar unhas cervexas en Bonne, onde aproveitamos para ir ó supermercado. E pola noite, cea no apartamento cun bo viño francés.

Gastos pagados no día: Supermercado: 11.60 euros, comida: 29.70 euros, cervexas: 4.70 euros

Quilómetros percorridos no día: 75.2

27 DE AGOSTO: ANNECY

Filinges (F) – Filinges (F)

Hoxe adicamos ó día a coñecer Annecy, unha cidade moi turística que ten canais e está situada á beira dun lago co mesmo nome.

Annecy (Francia)
Annecy (Francia)

O centro de Annecy é un lugar agradable para pasear, ainda que nesta época do ano hai moito turismo. O que máis me gustou foron os canais e a antigua cárcere (Palacio d’Isle), que rodeada de canais ten unha forma parecida a un barco. Hoxe, ademáis, disfrutamos dun mercadillo de artículos de segunda man (tan comúns en Francia). Como é habitual nas nosas viaxes por Francia, comimos nunha creperie bretona as galettes de trigo de sarraceno que tanto nos gustan.

Galettes
Galettes

Pola tarde, rodeamos o Lago de Annecy, que está entre montañas que algunha supera os 2000m de altitude. Supoño que na primavera e no inverno, cos picos nevados, a paisaxe ten que ser aínda máis fermosa.

Lago de Annecy (Francia)
Lago de Annecy (Francia)

Gastos pagados no día: Supermercado: 11.17 euros, comida: 32.70 euros, aparcamento Annecy 2.40 euros, gasóleo: 30.01 euros

Quilómetros percorridos no día: 141.3

28 DE AGOSTO: UNHA EXCURSIÓN A SUIZA

Filinges (F) – Filinges (F)

Como estamos a pouco máis de 30 quilómetros de Suiza hoxe decidimos facer unha excursión por ese país. Descartamos ir ata Xinebra, que ainda que a temos moi preto, non nos apetece visitar ningunha cidade. Así que pasaremos o día visitando as localidades da beira sur do Lago Leman (case todas francesas).

Lago Leman
Lago Leman

Despois, unha pequena excursión polos alpes suizos preto de Monthey, contemplando as paisaxes de montaña deste país.

Estrada en Suiza
Estrada en Suiza

Gastos pagados no día: Comida: 25.50 euros

Quilómetros percorridos no día: 194.3

29 DE AGOSTO: LE CIRQUE DU FER A CHEVAL

Filinges (F) – Filinges (F)

Unha excursión ata o círculo glaciar de Fer a Cheval vai ser a nosa forma de pasar o último día de descanso dentro destas «vacacións» nos Alpes. O circo, preto da localidade de Samoëns, aparte da súa beleza, é moi interesante, xa que se pode observar perfectamente a forma de ferradura dun antigo glacial.

Cirque du fer a cheval
Cirque du fer a cheval

Gastos pagados no día: Comida: 34.60 euros, gasóleo: 55.01 euros, supermercado: 17.31 euros

Quilómetros percorridos no día: 102.6

30 DE AGOSTO: HACIA O SUR DE FRANCIA

Filinges (F) – Albi (F)

Coma novos despois destes días de relax nos Alpes, continuamos a ruta de regreso á casa. Facemos unha parada en Le Puy-en-Velay para xantar e para ver a impresionante ubicación da capilla de Saint Michel de Aiguilhe, situada na cima dunha formación volcánica.

Le Puy-en-Velay (Francia)
Le Puy-en-Velay (Francia)

Pasamos a noite e o final da tarde na cidade de Albi, que ten un certo encanto, e unha catedral feita en ladrillo moi interesante.

Gastos pagados no día: Apartamento de Filinges (380 euros por 5 noites), peaxes: 17 euros, Hotel Albi: 57.80 euros, Cea Albi: 28.70 euros

Quilómetros percorridos no día: 576.6

31 DE AGOSTO: CADA VEZ MÁIS PRETO DA CASA

Albi (F) – Sara (F)

Continuamos facendo quilómetros de volta á casa e, tras pasar Toulouse, decidimos dirixirnos hacia o Iparralde (coñecido como País Vasco francés), un lugar perfecto para decansar un par de días. Ainda que estivemos no Iparralde en varias ocasións (incluso teño unha entrada do blog sobre esta zona), sempre que podemos buscamos unha escusa para volver aquí, xa que nos gusta de forma especial. Desta vez, decantámonos pola pequena e fermosa localidade de Sara.

Gastos pagados no día: Gasóleo: 30 euros, comida: 23.5 euros, peaxes: 13.80 euros, cervexas: 4.80 euros

Quilómetros percorridos no día: 427.7

1 DE SETEMBRO: DESCANSANDO NO IPARRALDE

Sara (F) – Sara (F)

Día de descanso en Sara e arredores, disfrutando da calidade de vida do Iparralde

Sara, Iparralde
Sara, Iparralde

Gastos pagados no día: Supermercado: 46.36 euros, cervexas: 5.60 euros

Quilómetros percorridos no día: 93.3

2 DE SETEMBRO: CELEBRANDO A FIN DA VIAXE EN ASTURIAS

Sara (F) – Luanco

Seguimos facendo quilómetros de volta á casa, pouco á pouco, como decidimos facer en toda esta viaxe. Tras facer unha parada para xantar nunha praia preto de Llanes, chegamos a Luanco, localidade onde vivín dous anos e que lle teño un cariño especial. Será aquí onde celebremos a última noite desta viaxe.

Gastos pagados no día: Hotel Sara: 212.80 euros (inclúe dúas noites e dúas ceas), supermercado: 4.35 euros, gasóleo: 53 euros, peaxes: 10.61 euros, cervexas: 13.80 euros

Quilómetros percorridos no día: 448.9

3 DE SETEMBRO: FIN DA VIAXE

Luanco – Lugo

Estes 33 días de viaxe pasáronsenos tan rápido que case non nos demos de conta. Voltaríamos facer sen dubidalo os 10.907.6 quilómetros que acabamos de percorrer por tantas estradas de Europa. Coma sempre, nada máis chegar xa estamos pensando a dónde será á próxima viaxe: Europa do Leste? Europa do Sur? Países Escandinavos de novo? Dá igual decidilo agora. Coma sempre, non o sabremos ata poucos días antes de partir.

Gastos pagados no día: Hotel Luanco: 85 euros (inclúe a cea), gasóleo: 46.01 euros.

Quilómetros percorridos no día: 233.3

FIN

Pinchar aquí para ver a 1ª parte da viaxe

Pinchar aquí para ver a 2ª parte da viaxe

Se desexades máis información, podedes deixar un comentario ou escribir á cabonorte2009@hotmail.es

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.