Apenas unha semana de viaxe para coñecer un pouco máis Cataluña é pouco tempo, polo que non me quedou máis remedio que ser un pouco selectivo e escoller unha zona que tiña moitas ganas de percorrer. Xa coñecía Barcelona e o espectacular Parc Nacional d’Aigüestortes i Estany de Sant Maurici doutras viaxes así que me decidín polo nordés, que comprende a provincia de Girona e a rexión do Rosselló (baixo administración española e francesa, respectivamente).

Como era de esperar, a viaxe non me defraudou en absoluto, aínda que como non dispoñía de moito tempo non puiden visitar todo o que desexaba. De todos os xeitos, gocei enormemente do percorrido e de moitos lugares que comentarei a continuación, que me pareceron os máis interesantes, e por iso considéroos como os meus favoritos desa zona. Denominar estes lugares como “os meus favoritos” é unha cuestión persoal, e é probable que para moita xente non sexan “os seus favoritos”, pero creo que esta información pode ser moi útil para quen visite esta zona en pouco tempo e teña que elixir que visitar. Estou seguro que esta selección non defraudará a un amplo número de futuros viaxeiros.
Partindo de Barcelona, Blanes e Lloret de Mar son as primeiras localidades da provincia de Girona que, segundo as guías de viaxe, teñen importancia turística. Só recomendo deterse nelas ao turista que busque sol, praia e moito ambiente, polo que para min é máis interesante seguir a GI-682 ata Tossa de Mar, e visitala con calma.

O máis interesante de Tossa de Mar é o seu recinto amurallado medieval, onde se pode dar un paseo polo interior para percorrer a Vila Vella. Tossa de Mar tamén ten unha boa praia e moitos lugares onde comer ou tomar algo, xa que é tamén un lugar moi turístico.
Continuando pola GI-682 cara ao norte, pódese gozar de excelentes vistas da Costa Brava ata Sant Feliu de Guixols, aínda que hai que conducir con coidado, xa que a estrada é estreita e con moitas curvas.

A seguinte localidade que estou seguro que non defraudará a ninguén é Peratallada, un pequeno pobo medieval moi ben conservado onde dá gusto pasear, especialmente se hai pouca xente (recomendo visitalo en horas con poucos turistas).

A poucos quilómetros de Peratallada, cara á costa, é imprescindible deterse nas ruínas gregas e romanas da cidade de Empúries.


Na parte máis próxima á costa están as ruínas da cidade grega e na máis afastada, as da cidade romana. Entre elas, temos o centro de interpretación, con distintos obxectos achados nas escavacións.

Continuando cara ao norte desde L’Escala ata Roses, a costa é practicamente unha continua praia, que atravesa o Parc Natural dels Aiguamolls de l’Empordà e a urbanización de Empuriabrava, con máis de 20 quilómetros de canles navegables. A pouca distancia de Roses chegamos a Cadaqués, un bonito pobo pesqueiro situado no macizo do Cap de Creus.

En Cadaqués recomendo pasar un bo intre percorrendo as súas estreitas rúas do casco antigo e visitar a igrexa de Santa María, que está no centro da poboación e desde onde se pode gozar dunha boa panorámica.

Ao norte de Cadaqués, na bahía de Portlligat, pódese visitar a Casa Museo de Salvador Dalí, onde residiu o artista namorado da beleza do lugar, moi preto do Cap de Creus, o punto máis oriental da Península Ibérica.

Na paisaxe do Cap de Creus e a súa contorna, que constitúe o Parc Natural Cap de Creus, destaca o seu relevo abrupto e a súa vexetación baixa, sen dúbida resultado da exposición da zona aos fortes ventos de tramontana e levante. Aparte de Cadaqués, recomendo visitar nesta zona El Port de la Selva e o mosteiro de Sant Pere de Rodes, desde onde se pode gozar dunhas impresionantes vistas.

Cambiando o rumbo cara ao interior atopámonos con Figueres, onde destaca o Teatro-Museo de Salvador Dalí, e se seguimos pola N-260 cara ao oeste chegamos a Besalú, outro bonito pobo medieval.

Continuando pola N-260 cara a Olot, a capital da comarca da Garrotxa, entramos no Parc Natural da Zona Volcànica da Garrotxa, considerado o mellor expoñente de paisaxe volcánico da Península Ibérica.

Nel, hai varios lugares que é imprescindible visitar, como Castellfollit de la Roca, pobo situado sobre unha parede de basalto de máis de 50 metros de alto, o faial de Jordà, Santa Pau e os volcáns de Croscat e Santa Margarida.

Rodeando Olot pola C-26, C-38 e a GIV-5221, pódese facer unha parada en Sant Joan de les Abadesses e en Camprodon antes de chegar a Beget.

Beget está moi ben conservado e, aparte da súa contorna, destaca a igrexa románica de Sant Cristòfol. É un lugar ideal para descansar e relaxarse, a condición de que non haxa moitos turistas.

Cruzando en posto fronteirizo de Portbou, entramos na zona catalá baixo administración francesa. A estrada D-914 e D-114 achégannos a Perpinyà, mentres gozamos das vistas ao Mediterráneo. Logo de Perpinyà, recomendo tomar a N-116 cara ao interior, para visitar a comarca do Conflent e o macizo do Canigó, coa súa cima mítica para os cataláns de 2784 metros de altitude.

Para rematar, e tras facer unha parada en Vilafranca de Conflent, é imprescindible subir ata a abadía de Sant Martí del Canigó, situada no alto da localidade de Castell sobre un pico de 1055 metros de altitude.

FIN
Para máis información, podes deixar un comentario ou escribir a cabonorte2009@hotmail.es