Unha ruta en coche ou moto polo mellor da Mariña Lucense

(Si prefieres leer esta entrada en castellano, pincha aquí)
Coñécese a Mariña Lucense como a costa da provincia de Lugo, bañada polas augas do Mar Cantábrico. É unha zona que está en auxe desde o punto de vista turístico, e é que atractivos non lle faltan. Xa sexa para gozar de praias a temperaturas suaves no verán, para contemplar belas paisaxes ou polo seu patrimonio artístico, comparto convosco esta ruta que se pode facer con calma en, como mínimo, dúas ou tres días.

A RUTA
Desde Ribadeo a San Cibrao
Ribadeo – Rinlo – Praia das Catedrais – Foz – Burela – Sargadelos – San Cibrao.
Empezamos a ruta en Ribadeo, a primeira localidade que nos atopamos tras cruzar a ponte da A8 desde Asturias. En Ribadeo, podemos ver algún edificio modernista no centro, así como baixar ata o porto para pasear ou comer nos seus restaurantes.

Se saímos pola pequena estrada que bordea a costa, pola coñecida Estrada do Faro, chegaremos ata o faro da Illa Pancha, tras pasar xunto os restos do antigo Forte de San Damián.

Desde Illa Pancha continuaremos ata Rinlo, un pintoresco pobo de pescadores, onde faremos unha parada antes de visitar un dos lugares máis coñecidos da Mariña e de toda Galicia: A Praia das Catedrais.

A Praia das Catedrais é unha parada imprescindible para todo viaxeiro que visite esta zona, e é un lugar que pode chegar a estar saturado en tempada alta, onde se aplican restricións na súa visita. Recomendo vela coa marea baixa e en horas onde non haxa moita xente, xa que así poderemos gozar moito mellor deste lugar.

Desde a Praia das Catedrais podemos continuar pola estrada da costa, xunto a varias praias do municipio de Barreiros que, por desgraza, están rodeadas de feos bloques de edificios froito dun desenvolvemento urbanístico salvaxe.

Despois chegaremos a Foz, cunhas praias que pagan a pena; e continuaremos pola N-642 en dirección Burela, facendo antes unha parada en Fazouro, para ver o seu pequeno castro xunto ao mar. Desde Burela temos a opción de tomar a estrada costeira ata San Cibrao, ou seguir pola N-642 desviándonos un pouco para ver Sargadelos, unha fábrica de cerámica tradicional galega (visita gratuíta), moi importante na nosa cultura.

E chegamos a San Cibrao, onde podemos visitar o Museo do Mar, e dar un paseo ata o seu faro.

Desde San Cibrao a Estaca de Bares
San Cibrao – Punta Roncadoira – Viveiro – O Barqueiro – Estaca de Bares
Desde San Cibrao podemos seguir a LU-862 directamente ata Viveiro ou, se temos tempo, desviarnos polas pequenas estradas costeiras para contemplar a Punta de Roncadoira ou algunha fermosa praia como a de Area.

Viveiro é, xunto a Mondoñedo, as dúas localidades da Mariña Lucense que teñen un casco antigo nun bo estado de conservación. E é que Viveiro foi unha localidade moi importante xa desde a idade media, con título de cidade desde hai xa varios séculos.

Nela destaca a Porta de Carlos V, así como varios mosteiros e igrexas (aquí celébrase con gran devoción a Semana Santa) e restos da súa antiga muralla.

Tamén ten unha fermosa praia, un expléndido miradoiro desde o Monte San Roque, así como o curioso Bosque de Chavín e a fervenza de Pozo da Ferida.

Despois de pasar Viveiro temos a opción de continuar directamente ata O Barqueiro ou seguir polas pequenas estradas costeiras que nos levarán polo Miradoiro da Insua, Praia da Brela, a escarpada Punta do Fuciño do Porco ou a Praia de Xilloi.

Tras cruzar O Vicedo chegaremos ata a Ría de O Barqueiro, onde desemboca o Río Sor, formando un dos estuarios máis fermosos da Galiza coa preciosa Praia de Arealonga.

Aquí acaba a Provincia de Lugo, aínda que recomendo seguir uns poucos quilómetros máis pola provincia da Coruña ata a coñecida Estaca de Bares, un dos faros máis famosos de Galicia, pasando polas pintorescas poboacións de O Barqueiro e Bares.

O interior da Mariña Lucense
Lourenzá – Mondoñedo – Alfoz – Ferreira do Valadouro – San Martiño de Mondoñedo
Sen afastarnos moito da costa, a Mariña Lucense ten tamén moitos lugares de interese. Se imos cara o interior seguindo a N-634, pasaremos por Lourenzá, co seu gran Mosteiro de San Salvador, unha parada previa antes de chegar á imprescindible Mondoñedo.

Mondoñedo foi unha localidade crave na historia da Galiza. Nela atópase a súa catedral, edificio importante da que foi unha das capitais do antigas sete provincias galegas, que se atopa en perfecta harmonía cun centro histórico moi ben conservado.

Desde Mondoñedo sairemos pola LU-160 ata Alfoz, para facer unha parada no Castelo de Castrodouro, para seguir ata Ferreira do Valadouro.

Desde aquí, voltaremos cara á costa pola LU-152 en dirección Foz, para visitar a xoia románica de San Martiño de Mondoñedo, que ben merece ser declarada Patrimonio da Humanidade (e están a recoller firmas para iso).

COMO CHEGAR
A Mariña Lucense está moi ben comunicada a través da autoestrada A8, xa sexa desde o Leste como desde o Sur. Se vés desde cidades como O Ferrol ou A Coruña, é máis turístico chegar pola carrereta AC-862, pasando por Ortigueira.

ONDE DURMIR
En toda a Mariña Lucense hai unha ampla rede de aloxamentos de toda clase e adaptadas a todo tipo de orzamentos, así como numeros establecementos de turismo rural.

Recomendo reservalos a través da web galega Sente Galicia, xa que funciona moi ben, e pódense atopar distintas opcións de escapadas a prezos moi económicos.

GASTRONOMÍA
Hai moitísimos restaurantes por toda a zona onde podemos probar numeros pratos dunha calidade excelente. Estamos na Galiza, e iso nótase. Pero o que máis recomendo na Mariña son o peixe e mariscos, xa que nela hai importantes portos pesqueiros, onde aseguramos unha materia prima fresca e de boa calidade.

PRAIAS
Se non queremos bañarnos en praias saturadas de xente, a Mariña Lucense é o noso destino ideal. Aínda que no verán son frecuentes os días con algo de humidade, en canto sae o sol estas praias son unha auténtica delicia. Ademais, como están bañadas polo Mar Cantábrico, a auga non está tan fría como as do Atlántico galego. Son moi famosas as praias de Benquerencia, Foz, Llas, Area, Covas, Brela, Xilloi ou Arealonga.

Esta é a miña ruta proposta para coñecer o mellor da Mariña Lucense. Como é habitual neste blogue, se tedes algunha dúbida, ou se xa a coñecedes e queredes deixar algún consello máis, non dubidedes en escribir un comentario.
Grazas pola información! Aproveito para recomendarvos a canle de YouTube Galego para cascarilleiros.
https://www.youtube.com/channel/UC4lTd7UCnru7HYKZD8m5DLw/featured
https://www.youtube.com/playlist?list=PLb0I91_CSLk3P9Kk2KbfCe7YqVIWuGHK9