Visita aos petróglifos de Mogor
Moi preto de Marín, na parroquia de Mogor, temos uns dos gravados rupestres máis interesantes da Galiza.

Trátase de tres conxuntos de grupos de petróglifos ben diferenciados, onde destacan sobre todo os labirintos e cazoletas. O conxunto encóntrase nun bo estado de conservación e conta cun centro de interpretación no lugar.

Chegar aos petróglifos é moi doado. Pouco despois de pasar Marín pola estrada en dirección a Bueu, veremos un gran panel de cor castaño que nos indica que os Petróglifos de Mogor están por unha pequena estrada á dereita, que nos levará xunto as famosas praias de Portocelo e Mogor.

Ao chegar á praia de Mogor, veremos á esquerda o centro de interpretación, e xusto detrás de el están os gravados rupestres. Aparcar xusto ao carón do centro de interpretación pode ser difícil nos días bos dos meses de verán, xa que a Praia de Mogor soe estar bastante concorrida.

Tras visitar o centro de interpretación, subiremos uns metros por un camiño empedrado ate o primeiro dos conxuntos do lugar: A Laxe dos Mouros. Este grupo de petróglifos está composto por varios gravados sobre todo circulares, con múltiples cazoletas.

Se continuamos o camiño, un pouco máis abaixo veremos a seguinte parada, coñecida como A Pedra dos Campiños. Aquí hai tamén un fermoso labirinto, ainda que moi desgastado, e para velo, é preciso fixarse ben ou axudarse cunha lanterna se hai pouca luz.

No seguinte grupo, situado moi preto da Pedra dos Campiños, continuando o camiño de volta ao centro de interpretación, si que podemos observar de forma clara o labirinto, tendo en conta o seu tamaño, a profundidade do petróglifo e as cazoletas. Trátase da Pedra do Labirinto, un dos mellores gravados rupestres da zona.

Despois de visitar estes petróglifos, se temos ganas de ver monumentos megalíticos na zona, podemos desplazarnos ate a Mámoa do Rei , preto da Lagoa de Castiñeiras, a poucos quilómetros de Mogor.

Pois ate aquí o noso percorrido polos Petróglifos de Mogor. E xa sabedes que, coma é habitual neste blogue, se tedes algunha dúbida ou queredes deixar aquí algún aporte máis sobre este lugar, non dubidedes en poñer un comentario.
Un comentario sobre “OS PETRÓGLIFOS DE MOGOR”